Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Azos Jazz continúa a súa andaina

DOUS NOVOS DISCOS RELANZAN O SELO NADO EN 2010

Azos Jazz continúa a súa andaina

JAZZ/BLUES | maio 7, 2012

billgoodwinquartet-azos-liv.jpg

Malia a que a desaparición de Falcatruada, a casa que o viu nacer, facía pensar no final da actividade, Azos Jazz dá mostras da súa vitalidade lanzando dúas novidades. O selo que conta coa dirección artística de Abe Rábade retorna logo de dous anos con Experianza, de Alberto Vilas Quinteto e mais Bill Goodwin Quartet Live in Santiago.

Este último disco recolle a actuación no Parque de Bonaval de Bill Goodwin con Adam Niedwood, Abe Rábade e Paco Charlín durante o Festival dos Abrazos de 2009, un total de oito temas que mesturan os sons de Nova York co jazz feito en Galicia. Pola súa banda, o disco de Alberto Vilas Quinteto achega composicións orixinais no que é o debut discográfico da banda.

Segundo explica Abe Rábade, "Azos naceu un pouco xa como satélite de Falcatruada, e continuamos a nosa actividade, sen présa pero sen pausa. Queremos sacar un ou dous discos cada ano recollendo colaboracións internacionais que teñen Galicia como sede e mais promovendo músicos galegos". O selo realiza unha aposta clara pola rede. "Facemos unha tiraxe física moi pequena de discos como o de Alberto Vilas para distribuír en concertos, e logo estamos presentes nas principais plataformas de distribución dixital" explica o seu director artístico.

Encol das situación do jazz nas discográficas galegas, Rábade apunta a necesidade de "investir nun lugar que nos últimos 10 ou 15 anos está a producir moi bos artistas dos que case se pode dicir que son a punta de lanza a nivel ibérico". Canda a isto, salienta o traballo de selos especializados como Audia Records ou Free Code Jazz Records, e apunta que "coa situación actual de crise é moi díficil atender os músicos de jazz desde a discográficas, nese contexto nós facemos a nosa humilde achega para visibilizalo".

MULTIMEDIA
Waltz for Trane de Bill Goodwin Quartet
datos do disco