Noticias
Falece o compositor Francisco Rey Rivero
Xénero: | 23 / 4 / 2012
Considerado un dos principais impulsores do canto coral en Galicia, o compositor Francisco Rey Rivero falecía onte aos 83 anos de idade. No seu haber deixa o ter fundado agrupacións como a coral Casablanca, a Ureca ou a do Club Náutico de Vigo. Canda a isto, é autor dalgúns dos temas máis populares neste estilo, con temas como Perla antillana ou La sirena. O seu traballo valeulle premios como a medalla da Academia Galega de Belas Artes ou o premio Reconquista de Vigo, entre outros recoñecementos.
Fuxan os ventos leva o V Premio Andaina Senlleira de La Opinión
Xénero: | 20 / 4 / 2012
A quinta edición do Premio Andaina Senlleira do xornal La Opinión recoñece a traxectoria de Fuxan os ventos. Segundo publica hoxe o xornal, a organización do galardón decidiu galardoar un traballlo que "vai alén do apartado estritamente musical" xa que "as letras das súas cancións nunca refugaron subliñar as problemáticas sociais e políticas existentes en Galicia". O grupo recollerá o premio na gala dos Premois Opinión de Música Folk, que se celebrará o vindeiro mes de maio. Precisamente en 2012 cúmprense 40 anos do nacemento deste grupo fundamental na historia da música tradicional do país.
O Festival Mozart queda sen óperas
Xénero: | 18 / 4 / 2012
Con 600.000 euros, a metade de orzamento que na súa anterior edición, o Festival Mozart cumpre quince anos cun programa de 19 concertos no que destaca a ausencia da ópera. A iniciativa abre os vindeiros 12 e 13 de maio con dous concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia, que celebra os seus vinte anos, nos que estreará a Alborada de noite e luz, de Juan Durán, e a Sinfonía nº9 en re menor, de Beethoven. Canda a esta formación, Michael Nyman e a súa banda, o Cuarteto Casals, o dúo Iván Martín-Iagoba Fanlo ou Carlos Núñez son outros nomes que compoñen o programa. Para alén da Coruña, a cita prevé actuacións en Ferrol e en Lugo. Esta é a primeira edición do festival que non conta co apoio da Fundación Novacaixagalicia.
Rimar os títeres
Xénero: | 18 / 4 / 2012
Ensinar a facer rap e a construír e manexar monicreques. Esta é a proposta do proxecto Titirihop, que aúna as forzas da compañía Viravolta coas de García, voz de Dios Ke Te Crew. O proxecto está a percorrer Galicia da man do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Xa se poden consultar na rede algunhas das pezas que saíron destes obradoiros.
AGADIC prioriza festivais consolidados nas súas axudas
Xénero: | 17 / 4 / 2012
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da anunciada liña de axudas a festivais da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Tal e como sinalara o seu director, Juan Carlos Fernández Fasero, haberá 180.000 euros para eventos musicais e outros 180.000 para os dedicados ás artes escénicas, sempre que se celebren entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro deste ano. Dentro dos requisitos para acceder á axudas, esíxese que o evento teña realizado polo menos dúas edicións previas, contar cun orzamento mínimo de 50.000 euros, ter mínimo de seis compañías ou grupos, cobrar entrada por cando menos un terzo dos espectáculos e que un 30% das actuacións (ou un 20% do orzamento), sexa corresponder a artistas galegos.
Unha xira continuará o reencontro dos Resentidos
Xénero: | 17 / 4 / 2012
O concerto de homenaxe que reunirá Os Resentidos en Ourense o vindeiro doce de maio non será o único da banda este ano. Cando se fan 30 anos do nacemento do grupo, os seus membros realizarán unha xira que os levará por diferentes escenarios de Galicia e de España, segundo anunciou onte o líder da banda, Antón Reixa, en Madrid. Aínda sen confirmar as datas e lugares dos recitais, o cantante adiantou que a xira está previsto que se realice entre os meses de agosto e outubro deste ano.
Víctor Aneiros Band e Julie Guravich lanzan un disco conxunto
Xénero: | 17 / 4 / 2012
O grupo ferrolán Víctor Aneiros Band acada de lanzar Back From The Blues, un disco editado por Gaztelupeko Hotsak no que se alía coa vocalista canadense Julie Guravich. O proxecto achega dez temas nos que se mesturan clásicos do blues como Help me throught the day ou Same old blues con temas do propio Aneiros como Yes I know ou Driving home, así como o que lle dá título ao disco. Canda á voz, o traballo conta con colaboración como o recoñecido harmonicista Mingo Balaguer. A gravación fíxose en Ank Studio, en neda, e a produción correu a cargo de Aneiros e de Victor Gacio.
Kathaarsys presenta Rara Vez
Xénero: | 16 / 4 / 2012
Rara Vez é o título do sexto álbum de Kathaarsys que está xa dispoñible. Cinco temas que totalizan 40 minutos nos que o grupo emprega o galego nas letras e introduce por vez primeira o piano. Seguindo co espírito de experimentación que iniciaran en anteriores obras, Kathaarsys achégase a estilos como flamenco, o folk ou a música de cámara sen abandonar o seu particular estilo con influencias do metal. É precisamente no circuíto metaleiro onde se vai desenvolver a xira de presentación do disco, que xa comezou e que os levará a escenarios tan afastados como Finlandia, Letonia ou Alemaña e para a que xa teñen máis de 25 datas.
O dúo 2nafronteira musica a Paz Andrade
Xénero: | 12 / 4 / 2012
Na Matricial Galiza é o poema de Valentín Paz Andrade que musicou o dúo 2nafronteira, formado polo pianista Maurizio Polsinelli e a cantante Carmen Penim. O vídeo con este tema está dispoñible na canle de Youtube do grupo, onde tamén se pode contemplar un ensaio deste tema e unha versión musicada do poema Catrivium da mapoula, tamén do autor homenaxeado no Día das Letras deste ano.
A busca dunha tradición actual
Xénero: | 12 / 4 / 2012
Letras de Suso de Toro e de Antón Reixa. Toques africanos e brasileiros. Achegamentos ao rap, ao blues ou mesmo á electrónica. Sonche Atlántico supón a aposta máis experimental de Pancho Álvarez. O músico pasea polos ritmos das beiras do Atlántico ao longo de 12 temas nos que busca, segundo el, “reinterpretar a música da nosa tradición nos nosos días”. O álbum, editado por Fol, está dispoñible xa nas tendas e pódese ouvir e adquirir en diferentes plataformas dixitais, como Spotify.


