Unha xira continuará o reencontro dos Resentidos
abril 17, 2012
O concerto de homenaxe que reunirá Os Resentidos en Ourense o vindeiro doce de maio non será o único da banda este ano. Cando se fan 30 anos do nacemento do grupo, os seus membros realizarán unha xira que os levará por diferentes escenarios de Galicia e de España, segundo anunciou onte o líder da banda, Antón Reixa, en Madrid. Aínda sen confirmar as datas e lugares dos recitais, o cantante adiantou que a xira está previsto que se realice entre os meses de agosto e outubro deste ano.
O disco e mais o concerto de homenaxe A tribo toda baila, que se celebrará o vindeiro 12 de maio en Ourense, contan xa con máis de 30 grupos confirmados, con nomes como O Sonoro Maxín, Novidades Carminha, Xosé Manuel Budiño, Bieito Romero, Uxía, Sés, Xurxo Souto, Julián Hernández, Miguel Costas ou Tonhito de Poi entre moitos outros.
Dentro dos actos deste aniversario realizarase tamén unha nova montaxe do vídeo Galicia caníbal con colaboracións a través da rede. Para o mes de xullo, estrearase o musical do mesmo título, que recollerá o repertorio de grupos galegos dos anos 80 e que chegará a Madrid en setembro.