Ir ao contido directamente.


Noticias

Anacos Sonoros

Xénero: Miscelánea | 11 / 4 / 2012

imaxe non dispoñible

Dous novos xornalistas amantes da música, José Casás e Silvia Corral, canda a Axenda de culturagalega.org e as inmensas bases de datos sonoras de Spotify e My Space. Unha combinación máis que interesante: Anacos Sonoros é un nova proposta de culturagalega.org que comenta a actualidade da semana musical en Galicia e que, todos os martes, vaite propor unha lista de reprodución para descubrir aos artistas que tocarán en Galicia durante os vindeiros días. Entra en Anacos sonoros.

Robert Glasper abre o XVII Ciclo de Jazz da Fundación Barrié

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 4 / 2012

imaxe non dispoñible

Dous concertos de Robert Glasper no auditorio da Fundación Barrié abren, o vindeiro 14 de abril, o XVII Ciclo de Jazz da Fundación Barrié. A iniciativa achega este ano ao noso país, ademais de a Glasper, as formacio´ns Chico Freeman & Fritz Pauer Trio, Patti Austin Quartet, Steve Kuhn Trio e mais Mathew Simon & MBM Trio. En total serán cinco concertos repartidos entre A Coruña, Vigo e Lugo.

Dous proxectos musicais colectivos chaman á colaboración do público

Xénero: Alternativa | 10 / 4 / 2012

imaxe non dispoñible

Reunir 2500 euros antes do 14 de maio para tirar unha edición de 525 copias en vinilo. Esta é a proposta que fan os grupos que queren gravar Galician Bizarre II, o segundo compilatorio de bandas bizarras do país. Os que fagan a súa achega, a partir de 10 euros, poderán facerse con copia do disco e mesmo cun concerto de Rafa Anido, segundo a contía. Canda a eles, tamén a Orquesta Metamovida, un proxecto que reúne músicos de diferentes conxuntos vigueses comaCró!, Unicornibot, Why Go ou Holywater entre outros, aposta por este formato de financiamento. A súa intención é publicar un disco que recolla os temas de estilo post rock que estiveron interpretando en actuacións en directo ao longo dos últimos meses, para o que tentan reunir 2.000 euros.

O Festival Sinsal chega á súa décima edición

Xénero: Alternativa | 4 / 4 / 2012

imaxe non dispoñible

Os vindeiros 14 e 15 de abril, o MARCO de Vigo acolle o comezo do X Festival Sinsal. O evento celebra a súa década de vida dun modelo de organización máis participativo inaugurando o Club Sinsal, que se abre a disciplinas para alén da música. Deste xeito, contarase cun espazo para a proxección de filmes caseiros en formato Súper 8 ou cunha área para revelado fotográfico e experimentación electrónica. Canda a isto, mantense a sección dedicada á infancia, e no Escritorio Sinsal reuniranse escritores coma María Xosé Queizán, Agustín Fernández Paz, Rexina Veiga e Fran Alonso.

Xa está á venda Vellas novas, o novo disco de Quempallou

Xénero: Folk | 2 / 4 / 2012

vellas_novas_quempallou.jpg

O cuarto disco de Quempallou, Vellas novas está xa dispoñible en edición dixital e agárdase a súa chegada ás tendas a partir desta semana. O volume achega 12 novos temas nos que se mesturan letras tradicionais con novos arranxos e composicións propias, mantendo unha sonoridade na que percusións tradicionais, acordeón e cordas serven de base para frautas, gaitas e voz. No web do grupo pódense escoitar xa os temas Na Habana e Foliada do viño.

Quiosco: Sons da Galiza 21

Xénero: Miscelánea | 2 / 4 / 2012

imaxe non dispoñible

Xa está dispoñible na rede o número 21 da revista Sons da Galiza, correspondente aos meses de marzo e abril. Co retorno de Heredeiros da Crus como bandeira, a nova entrega da publicación atende tamén ao traballo de recreación de roupa tradicional de Patricia González, á presentación do grupo Agrumar, nado na E-Trad de Vigo, e entrevista o pintor Rafael Freijeiro. Unha partitura para gaita e un repaso dos novos lanzamentos discográficos completan o número.

Suspendido o festival Cultura Quente de Caldas

Xénero: Miscelánea | 30 / 3 / 2012

imaxe non dispoñible

O concelleiro da área de cultura de Caldas de Reis, Manuel González, confirmou en declaracións para Cultura Galega que o festival Cultura Quente queda “suspendido temporalmente” este ano e que xa comezan a traballar para poder facelo no ano 2013. A situación de axuste económico e aforro na que está o concello é a principal causa desta suspensión xa que teñen que tomar esta decisión “para non ter que suspender outros servizos sociais e optouse por baixar as partidas de festas patronais e do Cultura Quente”. Manuel González afirma que tiveron que tomar esta decisión moi recentemente a pesares de que non estaba prevista xa que tiñan un duro recorte orzamentario este ano e é preciso facer un festival “que manteña os niveis de calidade que ata agora tivo e que dan o prestixio á marca Cultura Quente”. No concello está a elaborar os pregos de condicións para a contratación dunha empresa que leve a organización no 2013 e consideran que a un ano vista poderá acadar tamén mellores patrocinios para completar o orzamento necesario para sacar adiante a que será a décima cuarta edición. O concello estima en 125.000 euros o aforro pola suspensión deste ano.

A editorial Canela dedícalle un libro-CD ao gaiteiro Nela de Bres

Xénero: Folk | 28 / 3 / 2012

capa_nela de bres.jpg

Manuel Enríquez Fernández, "Nela de Bres" é o título do libro-CD co que a Editorial Canela quere recuperar a figura deste gaiteiro do concello asturiano de Taramundi. A obra, de 200 páxinas, recolle artigos de Pablo Quintana, Juanjo Fernández, Xerardo F. Santomé, Xosé Ambás, Luis Prego e Xabier Díaz, así como 125 fotografías do músico. Pola súa banda, no CD poden escoitarse 24 temas, sete deles inéditos, gravados polo propio Nela en colaboración con outros intépretes.

Loretta Martin presenta Despois da Mandinga

Xénero: Pop | 27 / 3 / 2012

loretta_martin_mandinga.jpg

Cando fan unha década de traballo, un lustro despois do seu primeiro disco, e logo dunha separación de dous anos, os coruñeses Loretta Martin voltan á carga. Brais Morán e Fran Sanz contan con Miguel Cabana como novo batería, e acaban de tirar á luz Despois da Mandinga. O disco afonda no ritmo funk propio do grupo achegándose a estilos como a samba ou o pop. Gravado nos estudios Abrigueiro da Coruña, o álbum achega seis temas que prometen animar este verán.

Ollando para a orquestra

Xénero: Miscelánea | 26 / 3 / 2012

imaxe non dispoñible

Temos no noso país desde hai anos unha industria diferencial no campo da cultura, que move máis de 24 millóns de euros sen apenas axudas públicas, que dá emprego a preto de 6.000 persoas, que ten o groso da súa actividade no ámbito rural. E que vía a semana pasada, por vez primeira, unha análise específica. O mundo das orquestras sae á luz e amosa un espazo dinámico que, no entanto, corre o risco de se ver afectado polas mudanzas na sociedade.

<< Inicio / Anterior . 2311 a 2320 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR