Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / / Novos xeitos para os vellos cantos

PROLIFERAN OS PRODUTOS QUE FACILITAN A APRENDIZAXE DE CANTOS, BAILES E INSTRUMENTOS POPULARES

Novos xeitos para os vellos cantos

FOLK | xullo 2, 2012

imaxe non dispoñible

Nos últimos anos está a se verificar unha mudanza nas posibilidades de aprendizado da música e a danza tradicionais. De se concentrar en grupos de baile e se transmitir de xeito fundamentalmente oral, comezan a proliferar libros, discos, DVDs e combinacións destes soportes que facilitan o coñecemento de instrumentos, cantigas e bailes. A incorporación ás aulas de ensino da nosa tradición musical, un xeito máis lúdico de entender este legado e a iniciativa dos congresos de ensinantes de música tradicional son algúns dos factores que deron nesta proposta.

DVDs para aprender muñieira no salón da casa, produtos para que os máis novos se acheguen a folclore, repertorios de cantos de taberna, catálogos de instrumentos tradicionais para empregar nas aulas, profesore que ensinan solfexo a partir do noso legado musical e ata un proxecto (pendente de botar a andar) para ensinar a distancia a tocar gaita ou pandeireta. Ao longo dos últimos anos están a se multiplicar os produtos culturais que teñen o seu eixe no achegamento e a aprendizaxe das nosas formas tradicionais de canto e baile.

Pesdelán
Un dos proxectos que están a conseguir un maior éxito neste campo foi o de Na punta do pé, un libro-CD-DVD e espectáculo co que o grupo Pesdelán achega de xeito lúdico aos nosos bailes máis tradicionais. Esgotada a a segunda edición, para o vindeiro outono está previsto o lanzamento dunha terceira. O proxecto, nado da man de Mercedes Prieto e Montse Rivera, achega espectáculos que “pretenden convertir o público en participante” e que conseguen pór a bailar os espectadores, que aprenden pasos, letras e reviravoltas mediante xogos. “Queriamos achegar este ensino ao público xeral, ao xeito dunha macroclase desenfadada e divertida”, explica Rivera. De xeito paralelo, co disco pódese repetir este proceso desde a casa, ou na escola. “Está a se empregar moitísimo nos colexios e mesmo como animación de tempo libre, que tamén era algo que buscabamos”.

Gaitas para cativos
Outra das propostas recentes neste campo é Son do fol un manual co que Xaime Estévez adianta a iniciación á gaita aos seis anos, fronte aos dez cos que se comezaba habitualmente. “Resulta unha proposta medotolóxica que se pode empregar nas escolas de música ou no ensino obrigatorio, xa a nivel de primaria. Había material xenérico de introdución á música pero non existía algo tan específico”. Aproveitar o xeito tradicional de iniciación, a partir doutros instrumentos que permiten ir coñecendo a dixitación da gaita sen precisaren da forza pulmonar necesaria para encher o fol é unha das bases desta proposta. “Ao tempo van cantando os temas do noso folclore, fan actividades de movemento, adiviñas, contos e van coñecendo o instrumento ao tempo que coñecen a música e a cultura galega”. A proposta está pensada mesmo para arrincar com alumnos que aínda nin saben ler correctamente.

No ensino
Á hora de explicar a proliferación de proxectos e produtos con esta vocación didáctica encol da nosa tradición, Rivera apunta que “había unha demanda importante de todo este tipo de material de apoio, e iso é o que promoveu que saía á luz. Era unha das cuestións que se comentaban de xeito máis repetido nos congreso de ensinantes de música tradicional que organiza a Asociación de gaiteiros Galegos” e que levan xa cinco edicións. Coincide con ela Estévez, quen sinala que “cando te dedicas a enisnar esta parte da cultura tradicional, comprobas que non existen ferramentas pedagóxicas, e entón elaboras unha. Ese foi o meu caso e supoño que noutros tamén xurdiu así”. A introdución crecente da música tradicional no ensino, un tema que se ten tratado de xeito monográficos nun destes congresos, explica tamén a aposta por este tipo de produtos, que atopan un mercado para alén do doméstico e do asociativo e permite abordar propostas destinadas a ensinar a xente sen coñecementos previos. Proxectos como a Guía Didáctica de Instrumentos Galegos de Moises Quintas, o volume Para cantar veño eu, de Rafael Quintiá poden se inserir nesta liña de traballo ou mesmo o Glosario da música populer en Galicia de Olga Camafeita. A introdución destes temarios nas aulas mesmo produce en ocasións unha recuperación deste patrimonio no fogar. Segundo apunta Xaime Estévez, “os pais tamén comproban o que se fai na clase, cántanse as cancións na casa e trasladan tamén os seus propios coñecementos”.

Aprender para se divertir
Canda a isto, Rivera coincide con outros ensinantes deste campo en que se está a dar unha certa mudanza na intención coa que se aprenden cantos e danzas. “Antes cando dabas unhas clases de baile, era para un grupo que quería saír actuar. Agora, aínda que iso se mantén, existe tamén xente que só quere pasalo ben e aprender un puntos para bailar na festa. Hai quen che di que vai por facer exercicio ou porque o pasa ben coa xente que vai á clase, e isto é algo que non había antes”. Así o contempla tamén Gustavo Couto, un dos autores do DVD Bailabén que, cando presentou este proxecto, sinalaba que “Estase deixando atrás o estereotipo de que só serve para subir a un escenario: Nos oitenta houbera unha explosión de xente que se apuntaba con vistas a actuar, agora comeza a se bailar directamente na rúa. Fanse seráns e a xente sae, un pouco como se facía antes”. Do mesmo xeito ca estes produtos, iniciativas como o aínda pendente de sei iniciar e-Xango, que permitirá aprender a distancia e mediante Internet diferentes instrumentos, ou o Repertorio Tabernario de Luís Torres poden inserirse nas propostas que teñen un sentido máis lúdico.

Avances ou retrocesos
En xeral, segundo recoñece, Sánchez “existe unha demanda xeral de se achegar á música tradicional e de raíz. Non sei ben por qué mudou isto, pero é un pouco voltar ao xeito no que se entendía antes”. Estévez pola súa banda, sinala que “desde que eu comezei, hai case trinta anos, detéctase un avance destacado no sector. Somos moitos máis pedagogos de música tradicional, existen máis materiais tamén na danza”.Os congresos de ensinantes ou a edición, en 2006 do Libro Branco da Educación en Música Tradicional da man da educación Sondeseu amosan o crecente grado de organización deste sector. No entanto, non é tan optimista sobre o interese por este patrimonio. “Nas clases de instituto, non sei se por efecto da globalización, semella que as novas xeracións están máis desconectadas da música popular, e iso supón tamén unha motivación extra para os profesores, procurar que os alumnos saiban algo disto, que teñan certas referencias”. “Aínda queda moito por facer”, recoñece Rivera desde Pesdelán. Polo de agora, en Pesdelán prepara un novo lanzamento no que apuntan que van explorar novas liñas de traballo.