Ir ao contido directamente.


Noticias

Fíllas de Cassandra enfía en 'Acrópole' mitoloxía grega con trad e electrónica

Xénero: Fusión | 3 / 3 / 2023

PORTADA_acropole_FdC.jpg

As viguesas María Pérez (1996) e Sara Faro (2001) son Fillas de Cassandra, un proxecto musical que toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra, que agora presenta en directo o seu primeiro disco, "Acrópole", este sábado, 4 de marzo, a partir das 21.00h na Sala Capitol de Santiago de Compostela. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica o do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.

Unha xira de concertos dá a coñecer a banda sonora de Negro Púrpura

Xénero: Electrónica | 2 / 3 / 2023

capa_bso_negro_purpura.jpg

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle este 2 de marzo a presentación do vinilo que recolle a banda sonora de Negro Púrpura. Paulo Pascual correu coa composición da que é a primeira banda sonora do Estado realizada integramente con theremin. Considerado un dos primeiros instrumentos da música electrónica, o intérprete modula as notas mediante a posición das súas mans nun campo magnético.

Andrea González recupera as obras pianísticas de Frei Rosendo Salvado

Xénero: Clásica/Lírica | 1 / 3 / 2023

andrea_glez_salvado_piano.jpg

Co título Salvado Piano Works, a intérprete Andrea González gravou, da man de Warner Music Spain, un álbum na que recupera o legado musical deste misioneiro galego do século XIX. Logo de investigar en diferentes arquivos de toda Europa, González conseguiu recuperar unha selección de partituras compostas por Salvado. Este 1 de marzo cúmprense 206 anos do nacemento do sacerdote.

Nani García recibirá o Premio de Honra Fernando Rey

Xénero: Miscelánea | 1 / 3 / 2023

imaxe non dispoñible

O Premio de Honra Fernando Rey, que outorga cada ano a Academia Galega do Audiovisual, vai neste 2023 para o compositor Nani García. Considerado, en palabras do conselleiro de Cultura Román Rodríguez "un dos grandes talentos musicais do audiovisual galego", García conta con máis de catro décadas de traxectoria no jazz, a música de cámara ou a sinfónica, e asinou bandas sonoras de filmes como De Profundis, Una mujer fantástica, filme galardoado cun Oscar, Valentina ou Engurras.

O Esmorga Fest revive como "infinito" grazas ao acordo coa Deputación de Lugo

Xénero: Alternativa | 24 / 2 / 2023

imaxe non dispoñible

Tras o anuncio da desaparición definitiva do Esmorga Fest a mediados do mes de xaneiro, orixinouse unha corrente de apoios e agarimos cara a este evento de referencia da música independente e alternativa de Sarria que culminou con novo comunicado de resurrección. A organización fixo público a finais do mesmo mes un acordo coa Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo que lles deu as garantías precisas para cubrir as axudas necesarias desde organismos públicos cara a continuidade da cita referencial de Sarria no panorama musical. Hoxe o festival xa ten datas, sacou á venda os abonos e inicia a presentación do seu cartel artístico. O novo "Esmorga infinita" levará a cabo a súa nova edición os días 19 e 20 de maio e conta xa con cinco nomes que ofrecer dentro da súa liña musical: Los Punsetes, The Parrot, Ghouljaboy, Castro e Yawners.

Dios ke Te Crew celebra cunha xira o seu vinte aniversario

Xénero: Hip-Hop | 22 / 2 / 2023

imaxe non dispoñible

Unha das bandas de referencia do hip hop e o rap en galego deste século, a formación de Ordes Dios Ke Te Crew, celebra este ano os seus vinte anos de actividade. Para estás dúas décadas desde a súa formación en 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock regesa aos escenarios cunha xira nomeada "Tremendos Anos 20" na que revisarán as súas últimas creacións e, moi especialmente, os grandes éxitos da súa traxectoria. A primeira parada da xira ‘Tremendos Anos 20’ será na sala Masterclub de Vigo (rúa Urzáiz) o venres 3 de marzo. Dúas semanas despois, o sábado 18, DKTC chegará até o Playa Club da Coruña, cidade á que regresa logo dos seus exitosos directos no Festival Noroeste e nas festas veciñais do barrio de Monte Alto.

Pesar polo pasamento de Moncho Díaz

Xénero: Folk | 20 / 2 / 2023

imaxe non dispoñible

Ramón "Moncho" Díaz falecía o pasado venres, 17 de febreiro aos 70 anos, como consecuencia dunha enfermidade que viña padecendo desde hai tempo. O monfortino foi un dos piares de Fuxan os Ventos desde o ano 1979, onde ademais de tocar as frautas e a guitarra engadía a súa poderosa voz aos temas da formación, sumando o seu timbre aos das outras emblemáticas voces, como a da súa parella Tareixa Novo. Na parte profesional, Móncho Díaz exerceu como técnico de son de radio, traballando en emisoras como Radio Obradoiro e Radio Galega. Todos os medios do país e outros a través de edicións locais, recolleron o pasamento de Díaz. Nas redes sociais a formación folk publicou unha foto de Moncho, acompañada da frase, "Sempre e máis despois", título dun poemariod e Manuel Antonio e tamén do disco gravado en directo pola formación en 1999, co que volveron ao primeiro plano da escena musical tras moitos anos sen gravar.

Måi preséntase co álbum Nigredo

Xénero: Fusión | 17 / 2 / 2023

nigredo_mai.jpg

Xa está dispoñible o disco 'Nigredo', primeiro traballo longo de Måi, unha nova formación liderada pola artista Iseo Agilda, que conta co produtor Tomás Ageitos e a cellista Margarida Mariño. Unha década de traxectoria musical en outros proxectos como Sacha na Horta e Blues do País avala a experiencia de Iseo, que con Måi fao o seu proxecto máis persoal, que presenta a través da Plataforma A Regueifa 2.0. Nos oito temas que presenta 'Nigredo' ofrécese, segundo comunica a plataforma, unha simbiose do orgánico e o artificial que vai do folk ao pop e á electrónica, unha proposta que parte dun son moi persoal, urbano e ecléctico, deseñado xunto a Tomás Ageitos na produción e composición e gravado en Estudios A Ponte. O cello de Mariño xúntase co manexo da electrónica de Ageitos que actúa sobre ás percusións tradicionais na creación de atmosferas densas e cálidas nas que sobrevoa a voz de Iseo. O disco xa pode escoitarse nas principais plataformas en rede. O álbum conta tamén coas colaboracións nas voces de Yolanda Pose (Pura Mesura), achegando o seu rap no tema "Cando volvan as mareas" do que xa hai un vídeo de presentación; e de Fernando Barroso co oud e o bouzouki no tema Inshalla.

Nace en Bruxelas o festival Emigrason

Xénero: Miscelánea | 14 / 2 / 2023

imaxe non dispoñible

"Levar a cultura, folclore, tradición e vangarda musical de Galicia á vila das frites e a cervexa". Este é o obxectivo de Emigrason, festival musical que se celebra en Bruxelas o vindeiro 25 de marzo. The Rapants, Lemon Pears, Familia Caamagno, Fillas de Cassandra, Filloas e Berto compoñen o cartel da primeira xeira desta iniciativa.

Consternación pola inesperada morte de Mangüi Martín

Xénero: Miscelánea | 16 / 1 / 2023

imaxe non dispoñible

"Todo amor e un músico extraordinario" así definía Xurxo Souto a Mangüi Martín nun emocionado artigo publicado este domingo no xornal La Voz de Galicia apenas 24 horas despois de que se fixese pública a súa inesperada morte. Martín, de 50 anos de idade, aparecía morto na mañá do sábado no domicilio familiar, sen enfermidade previa nin causa aparente. A noticia caeu como unha bomba sobre o sector da escena musical galega e máis marcadamente na súa cidade, A Coruña, onde era moi coñecido pola súa actividade e gabado pola súa disposición e carácter. O músico, que nos seus primeiros pasos profesionais como baixista acompañou a Luar Na Lubre en varias actuacións en directo, ou formou parte de proxectos como Miki Nervio & The Bluesmakers, firmou algúns dos seus mellores achegas formando parte do Diplomáticos de Monte Alto, cos que estivo once anos, entre 1990 e 2001 e cos que gravou algúns dos máis emblemáticos traballos da formación coruñesa: 'Arroutada Pangalaica' (1991), 'Parrús' (1993), '¡Avante toda!' (1995) e 'Capetón' (1999). Na Coruña, lugar onde residía e onde creceu, malia ser natural do Ferrol, o seu falecemento causou fonda consternación, deixando clara a estima que se lle tiña, polas súas calidades non só como músico senón tamén persoais. Así, a triste nova motivou a publicación de mensaxes de condolencia que fluíron, tanto desde a escena musical e cultural da cidade herculina, como desde as súas institucións, como o propio Concello da Coruña, que tamén fixo público o seu pesar, así como varias das formacións políticas que o integran. Souto, compañeiro nos Diplomáticos, que foi quen recrutou a Mangüi para a formación deixa clara a enorme achega do músico e o fondo da súa pegada no país: "A súa liberdade foi impulso do noso bravú".

<< Inicio / Anterior . 211 a 220 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR