Ir ao contido directamente.


Noticias

O Espalla Rimas confirma a Lupe Blanco como mellor regueifeira do país

Xénero: Folk | 9 / 1 / 2023

imaxe non dispoñible

O Pazo da Cultura de Carballo acolleu na tarde deste sábado 7 de xaneiro a segunda edición do festival Espalla Rimas. O encontro dedicado á improvisación oral coroou de novo a Lupe Blanco como mellor reguefeira do país. A bergantiñá impúxose, ao igual que o pasado ano, na categoría RegueiAstros, onde competía contra os bergantiñáns Suso e Antonio de Xornes, os vigueses Bieito Lobariñas e Mani Braga, e O Rabelo, de Cercedo. Suso de Xornes foi finalista neste apartado.

A Asociación Amigos da Ópera de Santiago comeza o ano con dúas producións propias

Xénero: Clásica/Lírica | 3 / 1 / 2023

imaxe non dispoñible

Dous espectáculos no Auditorio de Galicia inician a actividade da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago en 2023. O vindeiro xoves día 12 chega a escena, dirixida por Rafael F. Villalobos, A voz humana, unha adaptación da obra de Francis Poulenc en pequeno formato. A soprano dramática Nicola Beller Carbone, o pianista Juan Pérez Floristán e o actor Luis Tausía protagonizan esta montaxe que ten xa á venda as súas entradas.

Portamérica, Río Verbena e WOS Festival sitúanse finalistas nos premios dos festivais europeos

Xénero: Miscelánea | 23 / 12 / 2022

imaxe non dispoñible

Tres festivais galegos mantéñense como finalistas nos European Festival Awards, os galardóns da industria do sector destes eventos a nivel europeo, que este ano celebran a súa XIIª edición. Dos oito eventos galegos que presentaron as súas candidaturas nalgunhas das 16 categorías, só tres deles aguantan xa como finalistas: Portamérica, Río Verbena e WOS Festival. Este último, o WOS Festival x SON Estrella Galicia, figura como finalista ao premio a Mellor festival celebrado en recinto pechado do 2022. Nesta categoría o evento santiagués xa foi recoñecido en 2018 como o mellor de Europa daquel ano.

O Consello da Cultura pon na rede unha primeira gravación sinfónica do compositor Carlos López García-Picos

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 12 / 2022

imaxe non dispoñible

Neste 2022 a piques de rematar celebrouse o centenario do nacemento de Carlos López García-Picos (Betanzos, 1922- Oleiros, 2009) músico sobranceiro e multifacético (compositor, director de corais, dinamizador cultural, etc) sempre comprometido coa causa galega. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galicia encaixou dentro da atención especial ás contribucións á cultura galega realizadas no exilio, en consonancia coa figura elixida no Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán. No marco da conmemoración o Consello ven de difundir en aberto a través da súa páxina web institucional a primeira gravación realizada da obra sinfónica de García-Picos ' Sindy, A.31', estreada o 8 de agosto de 1976 dentro dun concerto da Tempada Oficial do Teatro Colón de Bos Aires, pola Orquestra Filarmónica de Bos Aires baixo a dirección de Mario Benzecry. A peza, de 11 minutos de duración, pode escoitarse íntegra na sección especial de contidos dedicados á comemoración da memoria do músico. A gravación difundida repousaba na Colección Pampillón do Arquivo Sonoro de Galicia que agora, como colofón dos actos de celebración do centenario do nacemento do músico, o Consello da Cultura galega (CCG) pon na rede cun estudo contextualizador a cargo de Javier Ares Espiño e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno.

Concerto sinfónico con música de videoxogos en Vigo

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 12 / 2022

imaxe non dispoñible

"Música e videoxogos: unha odisea sinfónica" é o título do orixinal concerto que a Orquestra Vigo 430 dará este venres ás 20.00 horas no Auditorio Mar de Vigo. Ao xeito do que habitualmente faise con bandas sonoras de películas ou outras producións audiovisuais, esta actuación ofrecerá un percorrido pola historia da música dos videoxogos, desde os anos 80 do século XX ata a actualidade, a través dunha coidada selección feita pola musicóloga Erea Carbajales e o músico Brais González. As músicas de xogos que xa forman parte da historia dos videoxogos como 'The Legend of Zelda', 'Super Mario', 'Crash Bandicoot', "The Sims", "Candy Crush" ou 'Mortal Kombat' entre outros moitos, serán revisadas pola Orquestra Vigo 430, baixo a dirección de Isabel Rubio, que contará coa colaboración en directo do YouTuber e gamer León Picarón, quen fará a través dunha pantalla unha demostración con varios xogos ao tempo que soan as músicas.

Os festivais galegos toman posicións nos premios ibéricos do sector

Xénero: Miscelánea | 20 / 12 / 2022

imaxe non dispoñible

Abriuse unha nova edición, á sétima, dos Iberian festival Awards, o galardóns que premian a excelencia no sector profesional dos festivais de música celebrados na península ibérica. Trece das vinte e cinco categorías a premiar dependen, nunha primeira fase, do voto do público a través da web ata o vindeiro 16 de xaneiro. En dez desas trece categorías abertas á influencia publica está agora mesmo máis dunha ducia de eventos celebrados este ano en Galicia, moitos deles tamén aparecen nas dez categorías a valorar directamente por xurados profesionais. Na lista a grandes festivais só entra este ano, pola banda galega, o festival O Son do camiño, que tamén opta noutras das categorías ; mentres, onde máis representación galega aparece, nestas primeira listas a votar, é nas categorías de festivais de tamaño medio e na de tamaño pequeno. Nas primeiras están PortAmérica, Revenidas, Río Verbena Fest, SonRías Baixas e ViveNigrán Festival; na segunda entran a competir as edicións deste ano de 17º Ribeira Sacra; Festival Sinsal Son Estrella Galicia; Revolta do Umia Festival; Underfest Son Estrella Galicia e WOS Festival x SON Estrella Galicia. Outros eventos entran nas quinielas desta fase, non só os estritamente musicais, como por exemplo os Ferve Estrella Galicia, de Pontevedra e a Mostra Internacional de Curtametraxes Vila de Noia, que compiten polo premio a mellor festival non musical. Ademais diso outros festivais, ou partes deles, como actuacións concretas dentro deles ou fotografías tomadas neles, están na lista de candidatos a outros premios desta edición dos Iberian festival Awards. A gala final de entrega de premios terá lugar na localidade portuguesa de Maia o vindeiro 11 de marzo.

Antía Muíño coloca a súa "Carta aberta" nas listas

Xénero: Cantautor | 13 / 12 / 2022

carta_aberta_AntiaMuinho.jpg

A santiaguesa Antía Muíño, recente premio Martín Códax á Mellor Artista Emerxente, debuta en solitario co disco "Carta aberta" (Raso estudios, 2022). Con este traballo publicado en novembro xa conseguiu ser seleccionada pola plataforma dixital Spotify como embaixadora da música española na lista EQUAL, que recolle o talento feminino feito en distintos países do mundo. Muíño, que se iniciou musicalmente na música tradicional galega, transita hoxe polos sons que van do jazz, a bossa nova, o flamenco e o folk pop, sen renunciar ás sonoridades de raíz galega e cun maioritario uso do noso idioma nas súas composicións como cantautora. As súas cancións, cunha fundamental base acústica, outorgan protagonismo á súa voz, un dos puntos fortes da artista a máis da súa capacidade compositora. Antía Muíño, reside en Donostia en Gipuzkoa, onde se levou a cabo a gravación do disco en Lezoti Estuidoa e o pasado foi seleccionada dentro do proxecto de apoio a artistas emerxentes Katapulta Tour Gipuzkoa 2021.

Mallou gañan o XIV Premio Narf de música

Xénero: Jazz/Blues | 12 / 12 / 2022

imaxe non dispoñible

O dúo Mallou, conformado por Sabela Rey e Benxamín Vázquez, acadaron o favor do xurado do XIV Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. A gala da final, celebrada no Teatro Colón da Coruña servíu para tomar a decisión entre as propostas que chegaron a ela entre máis das trinta propostas recibidas, o grupo Noar rematou segundo e Madalena Gamalho terceira.

Morre o Mestre gaiteiro 'Bartolo'

Xénero: Folk | 9 / 12 / 2022

imaxe non dispoñible

Manuel Miramontes Fandiño, era coñecido en Santiago co alcume de 'Bartolo', e como Mestre Bartolo axudou durante décadas a centos de rapaces a coñecer e amar a gaita galega e a música tradicional. Este xoves, con 88 anos faleceu e rematou con el unha traxectoria de ensino que tamén incluía a fabricación artesanal dos instrumentos.

Berto presenta "SINTO"

Xénero: Pop | 7 / 12 / 2022

imaxe non dispoñible

Xa está dispoñible nas plataformas dixitais "SINTO", o segundo disco longo da traxectoria en solitario de Alberto Mira, 'Berto' (ex-Verto). O artista presenta neste disco un rexistro musical moito máis dirixido ao baile que no seu intimista primeiro traballo " Viaxe ao espazo interior"(2021), sen renunciar a letras tamén cargadas de profundidade, reflexión e, sobretodo, en coherencia co título do disco escrito en maiúsculas, sentimentos intensos. Trece cancións conforman este disco do que algunhas delas xa foron avanzándose, comezando por "Bágoas de cocodrilo". Polo medio entre ambos disco o artista foi rpesentando aoutros temas e un EP, 'Bailar chikito', en colaboración coa pontevedresa Marinha Paz. A rtista é unha das colaboracións tamén no novo traballode Berto, xunto con ela o disco conta coas achegas de Guadi Galego, Ash Diz, Sleepy Spice, Fillas de Cassandra e Nía Twee. Para este "Sinto", Berto recoñece no seu son as influencias non escondidas de artistas como Rosalía, Dualipa ou The Weekend. Músicas urbanas que o mesmo transitan por un electro-pop, como entran en cadencias do disco funk, a electrónica urbana, o trap e outras sonoridades inseridas nunha actitude vitalista que dá cohesión a todo o traballo. Berto acturará este domingo no Teatro Colón dentro do programa da final dos Premios NARF da Deputación da Coruña.

<< Inicio / Anterior . 221 a 230 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR