Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Concerto sinfónico con música de videoxogos en Vigo

A ORQUESTRA VIGO 430 REPASARá ESTE VENRES AS BANDAS SONORAS DOS MáIS POPULARES VIDEOXOGOS DA HISTORIA

Concerto sinfónico con música de videoxogos en Vigo

CLáSICA/LíRICA | decembro 22, 2022

imaxe non dispoñible

"Música e videoxogos: unha odisea sinfónica" é o título do orixinal concerto que a Orquestra Vigo 430 dará este venres ás 20.00 horas no Auditorio Mar de Vigo. Ao xeito do que habitualmente faise con bandas sonoras de películas ou outras producións audiovisuais, esta actuación ofrecerá un percorrido pola historia da música dos videoxogos, desde os anos 80 do século XX ata a actualidade, a través dunha coidada selección feita pola musicóloga Erea Carbajales e o músico Brais González. As músicas de xogos que xa forman parte da historia dos videoxogos como 'The Legend of Zelda', 'Super Mario', 'Crash Bandicoot', "The Sims", "Candy Crush" ou 'Mortal Kombat' entre outros moitos, serán revisadas pola Orquestra Vigo 430, baixo a dirección de Isabel Rubio, que contará coa colaboración en directo do YouTuber e gamer León Picarón, quen fará a través dunha pantalla unha demostración con varios xogos ao tempo que soan as músicas.

"A viaxe que imos realizar - explican desde a OV 430- porá en valor a inmensa contribución da música ó mundo, non so lúdico ou tecnolóxico senón tamén cultural, dos videoxogos. Non podemos obviar a enorme relevancia cultural e o extraordinario desenvolvemento e evolución da industria dos videoxogos, que, malia que nacera cunha finalidade primordialmente festiva e relacionada co tempo de lecer e o mundo do entretemento, acabou acadando cumios dun nivel cultural e, neste caso concreto, musical innegables".