Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Nani García recibirá o Premio de Honra Fernando Rey

O MúSICO RECOLLERá O GALARDóN NA GALA DOS PREMIOS MESTRE MATEO, O VINDEIRO 11 DE MARZO

Nani García recibirá o Premio de Honra Fernando Rey

MISCELáNEA | marzo 1, 2023

imaxe non dispoñible

O Premio de Honra Fernando Rey, que outorga cada ano a Academia Galega do Audiovisual, vai neste 2023 para o compositor Nani García. Considerado, en palabras do conselleiro de Cultura Román Rodríguez "un dos grandes talentos musicais do audiovisual galego", García conta con máis de catro décadas de traxectoria no jazz, a música de cámara ou a sinfónica, e asinou bandas sonoras de filmes como De Profundis, Una mujer fantástica, filme galardoado cun Oscar, Valentina ou Engurras.

Nas máis de 700 composicións que conta no seu haber, García correu tamén coa música de series como Guante branco, As leis de Celavella ou Pratos combinados, ademais de desenvolver un importante labor divulgativo con iniciativas como As músicas da Academia ou a Semana das músicas do audiovisual.

A Academia destaca do homenaxeado o "ser unha figura pioneira en Galicia na composición musical para cine, televisión e outros formatos audiovisuais, inspirando e alentando as vocacións de moitos dos que viñeron despois" e salienta a súa dilatada traxectoria no sector. Nani García recibirá a figura deste galardón e a homenaxe do sector no transcurso da gala dos XXI Premios Mestre Mateo, que se desenvolverá o vindeiro día 11 no Auditorio Municipal de Ourense.