Ir ao contido directamente.


Noticias

Leilía fecha máis de tres décadas de actividade coa xira Vidas Cantadas

Xénero: Folk | 8 / 3 / 2023

imaxe non dispoñible

Durante a súa actuación na Feira do Queixo de Arzúa, o pasado 4 de marzo, o grupo Leilía facía o anuncio desde o escenario. A súa actual xira, Vidas Cantadas será a última que realicen como grupo. Logo de 34 anos de existencia, o recoñecido conxunto de pandeireteiras pon punto e final á súa actividade, segundo confirmou a axencia Culturactiva.

Sabela presenta o seu disco longo 'Ceniza'

Xénero: Fusión | 7 / 3 / 2023

Ceniza_Sabela.jpg

Despois de publicar varios sinxelos durante os últimos meses, Sabela ven de lanzar o seu novo disco, "Ceniza", que presentará en concerto o vindeiro xoves, 9 de marzo, na Sala Capitol de Santiago. Despois de reafirmar o seu camiño como artista independente, a artista que foi finalista en Operación Triunfo 2018, e gañou o premio aR[it]mar 2019 á mellor canción en galego, reabre o seu mundo musical a través deste disco tan persoal, un traballo feito a lume lento e co selo propio da artista como coprodutora musical do disco. Nel, Sabela explora a perda, a morte e a vida, a nostalxia e a esperanza. En palabras da artista: "Quería facer este disco porque mo debía a min mesma, a meu pai, á vida, e á perda, protagonista de toda esta última etapa. Se hai algunha mensaxe clara dentro do disco é que, a pesar das perdas, dos desencontros co mundo e con nós mesmos, a vida sempre renace. E faino, non só naturalmente, senón cando se toma a decisión de facelo. Non hai nada máis importante que poder decidir vivir". No son de "Ceniza" Sabela recolle os froitos da exploración coa fusión de electrónica e pop, chegando a tocar a fusión de jazz e hip hop, xunto a Mateo Bruquetas, Diogo Piçarra ou Luis del Toro, entre outros.

Os Premios Martín Códax da Música presentan a décima edición este ano

Xénero: Miscelánea | 6 / 3 / 2023

imaxe non dispoñible

Os Premios Martín Códax da Música fan dez anos da man da asociación Músicas ao Vivo (MAV) e abren a súa convocatoria 2023 a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo durante este último ano. Como "edición da consolidación", definiron Sheila Patricia e Patty Castro, presidenta e tesoureira de MAV respectivamente, esta entrega de número redondo. Desde o seu nacemento, os premios marcáronse como obxectivo visibilizar a creatividade musical de artistas e bandas de Galicia e o potencial da música como sector estratéxico, desde o punto de vista social e económico. A edición foi presentada este luns 6 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela xunto aos patrocinadores Bodegas Martín Códax, Agadic-Xunta de Galicia e Concello de Pontevedra, faltando representación da Deputación de Pontevedra.

Fíllas de Cassandra enfía en 'Acrópole' mitoloxía grega con trad e electrónica

Xénero: Fusión | 3 / 3 / 2023

PORTADA_acropole_FdC.jpg

As viguesas María Pérez (1996) e Sara Faro (2001) son Fillas de Cassandra, un proxecto musical que toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra, que agora presenta en directo o seu primeiro disco, "Acrópole", este sábado, 4 de marzo, a partir das 21.00h na Sala Capitol de Santiago de Compostela. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica o do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.

Unha xira de concertos dá a coñecer a banda sonora de Negro Púrpura

Xénero: Electrónica | 2 / 3 / 2023

capa_bso_negro_purpura.jpg

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle este 2 de marzo a presentación do vinilo que recolle a banda sonora de Negro Púrpura. Paulo Pascual correu coa composición da que é a primeira banda sonora do Estado realizada integramente con theremin. Considerado un dos primeiros instrumentos da música electrónica, o intérprete modula as notas mediante a posición das súas mans nun campo magnético.

Andrea González recupera as obras pianísticas de Frei Rosendo Salvado

Xénero: Clásica/Lírica | 1 / 3 / 2023

andrea_glez_salvado_piano.jpg

Co título Salvado Piano Works, a intérprete Andrea González gravou, da man de Warner Music Spain, un álbum na que recupera o legado musical deste misioneiro galego do século XIX. Logo de investigar en diferentes arquivos de toda Europa, González conseguiu recuperar unha selección de partituras compostas por Salvado. Este 1 de marzo cúmprense 206 anos do nacemento do sacerdote.

Nani García recibirá o Premio de Honra Fernando Rey

Xénero: Miscelánea | 1 / 3 / 2023

imaxe non dispoñible

O Premio de Honra Fernando Rey, que outorga cada ano a Academia Galega do Audiovisual, vai neste 2023 para o compositor Nani García. Considerado, en palabras do conselleiro de Cultura Román Rodríguez "un dos grandes talentos musicais do audiovisual galego", García conta con máis de catro décadas de traxectoria no jazz, a música de cámara ou a sinfónica, e asinou bandas sonoras de filmes como De Profundis, Una mujer fantástica, filme galardoado cun Oscar, Valentina ou Engurras.

O Esmorga Fest revive como "infinito" grazas ao acordo coa Deputación de Lugo

Xénero: Alternativa | 24 / 2 / 2023

imaxe non dispoñible

Tras o anuncio da desaparición definitiva do Esmorga Fest a mediados do mes de xaneiro, orixinouse unha corrente de apoios e agarimos cara a este evento de referencia da música independente e alternativa de Sarria que culminou con novo comunicado de resurrección. A organización fixo público a finais do mesmo mes un acordo coa Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo que lles deu as garantías precisas para cubrir as axudas necesarias desde organismos públicos cara a continuidade da cita referencial de Sarria no panorama musical. Hoxe o festival xa ten datas, sacou á venda os abonos e inicia a presentación do seu cartel artístico. O novo "Esmorga infinita" levará a cabo a súa nova edición os días 19 e 20 de maio e conta xa con cinco nomes que ofrecer dentro da súa liña musical: Los Punsetes, The Parrot, Ghouljaboy, Castro e Yawners.

Dios ke Te Crew celebra cunha xira o seu vinte aniversario

Xénero: Hip-Hop | 22 / 2 / 2023

imaxe non dispoñible

Unha das bandas de referencia do hip hop e o rap en galego deste século, a formación de Ordes Dios Ke Te Crew, celebra este ano os seus vinte anos de actividade. Para estás dúas décadas desde a súa formación en 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock regesa aos escenarios cunha xira nomeada "Tremendos Anos 20" na que revisarán as súas últimas creacións e, moi especialmente, os grandes éxitos da súa traxectoria. A primeira parada da xira ‘Tremendos Anos 20’ será na sala Masterclub de Vigo (rúa Urzáiz) o venres 3 de marzo. Dúas semanas despois, o sábado 18, DKTC chegará até o Playa Club da Coruña, cidade á que regresa logo dos seus exitosos directos no Festival Noroeste e nas festas veciñais do barrio de Monte Alto.

Pesar polo pasamento de Moncho Díaz

Xénero: Folk | 20 / 2 / 2023

imaxe non dispoñible

Ramón "Moncho" Díaz falecía o pasado venres, 17 de febreiro aos 70 anos, como consecuencia dunha enfermidade que viña padecendo desde hai tempo. O monfortino foi un dos piares de Fuxan os Ventos desde o ano 1979, onde ademais de tocar as frautas e a guitarra engadía a súa poderosa voz aos temas da formación, sumando o seu timbre aos das outras emblemáticas voces, como a da súa parella Tareixa Novo. Na parte profesional, Móncho Díaz exerceu como técnico de son de radio, traballando en emisoras como Radio Obradoiro e Radio Galega. Todos os medios do país e outros a través de edicións locais, recolleron o pasamento de Díaz. Nas redes sociais a formación folk publicou unha foto de Moncho, acompañada da frase, "Sempre e máis despois", título dun poemariod e Manuel Antonio e tamén do disco gravado en directo pola formación en 1999, co que volveron ao primeiro plano da escena musical tras moitos anos sen gravar.

<< Inicio / Anterior . 201 a 210 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR