Noticias
O Ciclo Metropolitano "Elas son artistas" presenta a súa sexta edición
Xénero:
| 11 / 4 / 2023A sexta edición do interdisciplinar Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes, "Elas son artistas" dará o seu comezo este vindeiro sábado 15 de abril no Centro Cultural A Fábrica en Oleiros coa violinista, cantante e compositora, María de la Flor. Esta actuación, xunto coas primeiras confirmacións, presentáronse esta mañá en rolda de prensa no Teatro Colón coa benvida por parte de Diana Sobral, Concelleira de Comercio, Mercados e Barrios da Coruña, representantes dos Concellos de Arteixo, Betanzos, Carral e Culleredo, responsables das empresas patrocinadoras (Gadis) e colaboradoras (Coca-Cola e Alma Atlántica) e artistas que formarán parte da programación deste ano. O día 21 no Centro Cívico Cultural do Concello de Arteixo será a quenda da segunda actuación con Eva McBel que presentará o seu primeiro elepé, "I'm glad you happened". Estas dúas primeiras actuacións suporán o inicio dunha nova edición que este ano volverá abarcar espazos públicos e privados de oito dos concellos da área metropolitana da Coruña con citas nas que destacan a participación de bandas e artistas galegas, outras cuxos nomes empezan a resoar en todo o panorama nacional e xiras de grandes bandas internacionais.
O VI Ciclo Clube achega 60 actuacións
Xénero:
| 5 / 4 / 2023Un recital conxunto de Nastasia Zürcher e Belém Tajes en Laxe abre este 5 de abril a sexta xeira do Ciclo Clube. Esta iniciativa que organiza a asociación de salas Clubtura co apoio de Estrella Galicia achegará sesenta actuacións a máis de vinte salas das catro provincias galegas.
Un certame para mergullarse na lírica galega e poñerlle música
Xénero:
| 4 / 4 / 2023Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas (17 de maio), que este ano homenaxean a Francisco Fernández del Riego, e co obxectivo e de incentivar o uso da lingua galega na música creada e interpretada no municipio, o Concello de Pontevedra convoca un novo certame musical aberto baixo o nome de "Música nas Letras 2023". Para participar nel, as bandas ou artistas deberán musicar, con composicións orixinais, un poema ou mestura libre de versos da autoría de calquera das figuras homenaxeadas nas Letras Galegas desde o inicio desta celebración no ano 1963 até este 2023. As bases permiten a presentación de composicións musicais de calquera xénero ou estilo e para entrar resulta preciso que, canda menos unha persoa poida acreditar ser de Pontevedra.
De lugares e Órganos volta a Compostela pola Semana Santa
Xénero:
| 28 / 3 / 2023O ciclo de concertos De Lugares e Órganos retorna a pór en valor o patrimonio organístico da capital galega. A oitava edición deste evento desenvólvese entre o 31 de marzo e o 8 de abril baixo a dirección artística de Belén Bermejo, e achegará catro concertos e diferentes actividades paralelas a distintos espazos da cidade.
Boroa presenta un traballo de experimentación arredor da gaita
Xénero:
| 27 / 3 / 2023Boroa é un grupo de Ribeira (A Coruña) conformado por Sabela Olivares (gaita, piano, pandeireta e voz), Suso Bello (guitarra) e Alberto Millán (baixo) que veñen de presentar o seu primeiro traballo longo autoeditado "O´Clásico Fol". O disco de 9 cortes amosa un proxecto que xira ao redor da funcionalidade e a versatilidade da gaita, ademais da súa adaptación ás novas tecnoloxías do século XXI. Boroa crea un mundo sonoro coa gaita como protagonista alén de fronteiras para achegarnos harmonías de diferentes xéneros musicais pasados polo filtro acústico: folk tradicional galego, swing, jazz manouche, ragtime… etc. Composicións propias de Olivares e Bello conforman o disco, presentado este mesmo mes.
Ruxe Ruxe ilumina a escuridade no seu novo disco
Xénero:
| 17 / 3 / 2023Hoxe ve a luz o novo traballo discográfico de Ruxe Ruxe, "Unha noite no interior dunha faísca" (Lobicán Records, 2023), que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais. A banda de rock compostelá acada con este disco o número 17 de traballos publicados nos seus máis de 25 anos de traxectoria, desde "Ruxe-Ruxe" (1999) e despois "Non temos medo" (Clave Records, 2000) en clave Bravú, asegurando neste caso un xiro de guión e outras sorpresas nas que amosan que seguen sen ter medo a propios ou estraños. "Unha noite no interior dunha faísca" preséntase coma un álbum cargado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira, e cunha aposta pola evolución nos seus sons e na súa voz. Tres anos separan o disco do anterior "O estraño falar dun monstro da aldea" (Lobicán records, 2020). A banda presentará en concerto este novo traballo o sábado 25 de marzo volvendo á Sala Capitol, lugar moi presente na súa traxectoria destes 25 anos.
Igloo volven con "Planes para días grises"
Xénero:
| 16 / 3 / 2023Case seis anos separan o novo disco longo de Igloo, "Planes para días grises" (Ernie Records), do anterior, "Aquellos maravillosos daños" (Ernie Records, 2017). Este estreado traballo, que fai o sétimo nos 18 años de percorrido da banda de Caldas de Reis é o froito, como moitos, da etapa do confinamento forzado e xa foi avanzado desde entón con tres cancións adiantadas (Aniversario, Los amantes mariposa, La distancia entre dos puntos). Tres anos de preparación tivo a saída deste álbum cos seus once novos temas traballados ata o detalle e que consolidan un estilo característico da banda presente en todos os pasos da súa evolución disco a disco desde aquel inicial álbum homónimo Igloo ( Junk records, 2005) no que a banda apostaba por un son máis alternativo, ruidoso e escuro que foron pulindo cara a un estilo máis luminoso e achegado ao pop, sen perder a profundidade as referencias intelixentes e o intimismo reflexivo das letras de Beni Ferreiro, unha constante da banda. O disco gravouse en Metropol Studios (Madrid) por Isaac Rico contando na produción con Juanma Latorre (compositor de Vetusta Morla).
Chega a Santiago a mostra "FUXAN OS VENTOS. 50 anos de historia"
Xénero:
| 13 / 3 / 2023Unha intervención musical de homenaxe a Moncho Díaz engadirase este martes, 14 de marzo, ao acto inaugural de presentación da exposición "FUXAN OS VENTOS. 50 anos de historia", que se presenta en Santiago de Compostela tras do seu paso por Lugo. O pequeno concerto, a celebrar no Auditorio Abanca da capital galega na rúa do Preguntoiro, servirá tamén para que os membros da semicentenaria formación executen ante público a canción "Eu en ti", creada como homenaxe ao moi recentemente falecido Díaz, que foi un dos piares de Fuxan os Ventos desde o ano 1979. A canción, presentada pouco despois da morte de Díaz o pasado 17 de febreiro, pon música a un poema de Celso Emilio Ferreiro a través de una composición de Xoán Luís Fuertes Saavedra.
Preséntanse os grupos que participarán da aceleradora musical Sonemerxente
Xénero:
| 9 / 3 / 2023Adrian Timms, Anahí, Babykatze, Helena Egea, Hydn, Law, Lora, Moito!, Mondra, Paraíso Canto, Samudra Trio e Zeltia Irevire son os nomes que fan parte da aceleradora de música Sonemerxente. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentaba onte na Cidade da Cultura as iniciativas que participan deste programa, dotado con 240.000 euros e que xestiona Fundación Paideia.
O XVI Festival Pórtico do Paraíso presenta o seu cartel internacional de música culta
Xénero:
| 8 / 3 / 2023A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso anunciou o cartel da súa 16ª edición, que se celebrará do 5 ao 14 de maio en diferentes espazos dos concellos de Ourense, Cea e Nogueira de Ramuín. O festival, organizado desde a Asociación Pórtico do Paraíso e patrocinado pola Deputación de Ourense, ofrecerá cinco concertos de conxuntos vocais e instrumentais de música culta procedentes de Portugal, Reino Unido e Galicia, coa participación do pianista ourensán Fabio Álvarez e a estrea como escenario do mosteiro de Santa María de Oseira, que acollerá a última das interpretacións programadas. Conta, ademáis coa participación de Agadic e do Governo de Portugal.