Ruxe Ruxe ilumina a escuridade no seu novo disco
marzo 17, 2023
Hoxe ve a luz o novo traballo discográfico de Ruxe Ruxe, "Unha noite no interior dunha faísca" (Lobicán Records, 2023), que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais. A banda de rock compostelá acada con este disco o número 17 de traballos publicados nos seus máis de 25 anos de traxectoria, desde "Ruxe-Ruxe" (1999) e despois "Non temos medo" (Clave Records, 2000) en clave Bravú, asegurando neste caso un xiro de guión e outras sorpresas nas que amosan que seguen sen ter medo a propios ou estraños. "Unha noite no interior dunha faísca" preséntase coma un álbum cargado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira, e cunha aposta pola evolución nos seus sons e na súa voz. Tres anos separan o disco do anterior "O estraño falar dun monstro da aldea" (Lobicán records, 2020). A banda presentará en concerto este novo traballo o sábado 25 de marzo volvendo á Sala Capitol, lugar moi presente na súa traxectoria destes 25 anos.
No álbum, unha das novidades ven do feito de que a voz da baixista, Xulia Fuentes, gaña protagonismo en temas como 'Vaia onde vaia', 'Onde están?' ou 'Lévame á festa'. O disco conta con doce temas escritos por Vituco Neira nos que Ruxe Ruxe regresa ao punk californiano pero tamén explora un ska con aires de swing. A banda fala de nostalxia e de Compostela, da noite e as súas xentes, pero sempre con retrousos pegadizos e letras sarcásticas, incendiarias e reivindicativas. Así, entre os seus doce temas, atopamos cortes cunha sonoridade e estilo máis punk como 'Zombies e licores', Autoodio ou 'Viva el Rey' , até o son máis grunge e cru de Chernóbil. Por outra banda, o grupo aposta por cancións máis doces nas que emprega o ska vello, que torna máis escuro e tétrico no Frankestein, ata afastarse do son habitual de Ruxe Ruxe no seu 'Lévame á festa'. Letras de amor e amizade fan boa mostra do ilusionante momento que vive a banda.
O traballo de produción e mestura de Xurxo Pinheiro nos Laboratorios Soyuz limpa de prexuízos os sons do grupo, que arrisca e aposta por novos camiños musicais nunca antes explorados. Neste novo álbum da banda participaron tamén Xabier Facal (hammond), Abel Cañete (trompeta e fliscorno), Cristina Fuentes (coros en Zombies e licores, Chernóbil, Aliens en Samil e Scórpio), Natasha Gz (coros en Chernóbil e recitado en Radioactiva) e Xurxo Pinheiro (guitarra en Radioactiva, sintetizador en Aliens en Samil e coros en Autoodio e Frankestein). A produción executiva é de Luneda Producións e o deseño gráfico é de ArinsPunk, mentres que María B. Domínguez foi responsable da supervisión lingüística de 'Unha noite no interior dunha faísca'.
Tamén che pode interesar:
- 6/ 9/ 2024 | O MUMI reúne 12 propostas musicais actuais de Galicia e Portugal para público profesional e aberto
- 30/ 3/ 2022 | Os composteláns Radio Zapa! presentan 'Demasiado'
- 5/ 3/ 2018 | Cuarta Xusta debuta con Un novo espertar
- 30/ 11/ 2016 | Vinte anos que pasaron como vinte segundos para Ruxe Ruxe
- 21/ 8/ 2015 | O Festival de la Luz fecha cartel con 41 grupos