Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O XVI Festival Pórtico do Paraíso presenta o seu cartel internacional de música culta
O XVI Festival Pórtico do Paraíso presenta o seu cartel internacional de música culta
marzo 8, 2023
A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso anunciou o cartel da súa 16ª edición, que se celebrará do 5 ao 14 de maio en diferentes espazos dos concellos de Ourense, Cea e Nogueira de Ramuín. O festival, organizado desde a Asociación Pórtico do Paraíso e patrocinado pola Deputación de Ourense, ofrecerá cinco concertos de conxuntos vocais e instrumentais de música culta procedentes de Portugal, Reino Unido e Galicia, coa participación do pianista ourensán Fabio Álvarez e a estrea como escenario do mosteiro de Santa María de Oseira, que acollerá a última das interpretacións programadas. Conta, ademáis coa participación de Agadic e do Governo de Portugal.
O certame, explicou o seu director, Juan Enrique Miguéns, comezará o día 5 de maio cun primeiro concerto no Liceo de Ourense a cargo do conxunto vocal e instrumental Americantiga Ensemble (20.30 horas), que repite presenza. Regresa a Ourense cunha formación diferente e un programa musical para conmemorar o bicentenario da independencia de Brasil. O segundo concerto será o 7 de maio no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (19.00), a cargo do pianista Fabio Álvarez, músico ourensán de Poboa de Trives que presentará ao público o seu segundo traballo discográfico. Chegados de Lisboa, o Quarteto Alcipe protagonizará a terceira xornada o día 10 na igrexa de Santo Ángel de Ourense (20.30). O Liceo acollerá o cuarto concerto, o 12 de maio (20.30), Kosmos Ensemble, un trío inglés de viola, violín e acordeón con obras clásicas no seu repertorio, pero tamén con certa parte de improvisación e de música popular. O mosteiro de Santa María de Oseira será escenario do último concerto do festival, o domingo 14 de maio (19.00), co cuarteto vocal inglés The Orlando Consort. A súa presenza terá un carácter moi especial, pois logo de 35 anos de carreira o cuarteto vén de anunciar o seu retiro. O concerto de Oseira será o último que ofrezan en Europa.
Tamén che pode interesar:
- 20/ 4/ 2022 | O festival Pórtico do Paraíso volve apostar pola excelencia internacional
- 2/ 2/ 2016 | O Festival Pórtico do Paraíso transcende Ourense
- 19/ 2/ 2015 | O festival Pórtico do Paraíso medra ata os oito concertos
- 19/ 2/ 2014 | Ourense acollerá a VII edición do Festival Pórtico do Paraíso
- 7/ 2/ 2014 | Amaral e The Gift encabezan o cartel do FIV 2014