Ir ao contido directamente.


Noticias

O SonRías Baixas trasládase a setembro

Xénero: Miscelánea | 6 / 6 / 2014

imaxe non dispoñible

Bueu acolle, entre o 18 e o 20 de setembro a XIII edición do festival SonRías Baixas. O festival atrasa a súa tradicional cita do comezo de agosto e pon xa á venda as entradas para un cartel pendente de fechar. Ska-P, Aphonnic e La Raíz son as bandas confirmadas para encabezar o programa. Os interesados en asistir poderán acceder ás primeiras 400 entradas a un prezo reducido de 18,50 euros fronte aos 29 euros que custarán finalmente.

María Fumaça volta con Xiqui Xoque, fiu, fiú!

Xénero: Infantil | 6 / 6 / 2014

xiqui_xoque_fiu_fiu_maria_fumaca.jpg

Uxía Senlle capitanea de novo o equipo María Fumaça para lanzar Xiqui Xoque, fiu, fiú!. O novo libro-CD-DVD publicado por Galaxia conta con colaboracións como a de Sérgio Tannus, Isaac Palacín, Santi Cribeiro, Héctor Lorenzo, Serginho Sales, Magín Blanco, Carlos Blanco ou Tanxarina e, como non, Roi, que achega a súa particular voz ao proxecto. O DVD inclúe os vídeos dos temas con karaoke e algúns deles con pictograms incluídos para poder chegar a todos os públicos.

Xistra de Coruxo amplía fronteiras con A Charurga

Xénero: Folk | 5 / 6 / 2014

a_charurga_xistra_de_coruxo.jpg

"Mitade charanga, mitade murga" é como definen Xistra de Coruxo o seu último álbum. A Charurga presenta dezaseis temas nos que estes músicos queren revivir "aquel proceso galeguizador que os nosos antecesores fixeron con todo tipo de melodías, incluídas as de procedencia non galega, e que agora forman parte do arquivo da Asociación Gaiteiros dá Xistra". Ghotas, pasodobres, polcas ou rumbas conviven con muiñeiras, marchas procesionais, cantos de caberna e mesmo un samba. Segundo explica na presentación do traballo "son melodías e ritmos popularizados por cuartetos, murgas, charangas e mesmo por aquelas incipientes orquestras da primeira metade do século XX que neste proxecto aparecen unificadas, reharmonizadas e reinterpretadas dun xeito libre".

O Festival de Ortigueira fecha o seu cartel para 2014

Xénero: Folk | 5 / 6 / 2014

imaxe non dispoñible

Os irlandeses Moxie, a escocesa Treacherous Orchestra, os Bretóns Bagad Kemper e Red Carrel, Pepe Vaamonde, a Anxo Lorenzo Band e o Quinteto Bellón Maceiras fan parte do cartel do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que celebra este ano a súa XXX Edición. No entanto, son os concertos de Milladoiro e de The Chieftains os que erguen máis espectación no evento que se celebra entre o 17 e o 20 de xullo. A estas propostas sumaranse as actuacións da Royal Burgh of Renfrew Pipe Band e mais da Dominic Graham School of Irish Dance.

Imaxinasons leva 13 formacións a Vigo no seu décimo aniversario

Xénero: Jazz/Blues | 5 / 6 / 2014

imaxe non dispoñible

O festival de jazz de Vigo, Imaxinasons, celebra a súa décima edición por todo o alto. Un total de 13 artistas actuarán na Cidade Olívica entre o o 26 de xuño e o 5 de xullo nun programa que inclúe tamén actividades formativas, encontros cos artistas e propostas paralelas como a exposición Vigo ten swing. Entre os nomes destacados desta edición atópase unha nutrida presenza de artistas europeos como Alfredo Rodríguez, Gilad Hekselman, Riverside Quartet, Pierre Basten, Hugo Carvalhais, Michael Wollny ou Riverside Quartet. A nivel galego, o festival contará coa presenza de Alberto Conde, Lucía Martínez ou Sumrrá.

O Vía Stellae acollerá 23 concertos na súa novena edición

Xénero: Clásica/Lírica | 4 / 6 / 2014

imaxe non dispoñible

O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, presentaban esta mañá en Compostela o programa da novena edición do Vía Estellae. O ciclo de música contará nesta xeira cun total de 23 concertos que se desenvolverán en igrexas e espazos monumentais e singulares da capital galega. Coa música barroca e antiga como un dos seus eixes, o evento contará coa presenza de artistas como a orquestra barroca belga Il Fondamento, os violinistas Fabio Biondi, Sergey Malov e Amandine Beyer, ou a soprano italiana Roberta Invernizzi. Pola súa banda os contratenores Xavier Sábata e José Hernández Pastor achegarán cadanseu recital operístico, mentres que os grupos galegos Vox Stellae e Resonet desenvolverán senllas actuacións centradas na figura de San Francisco de Asís. A Real Filharmonía de Galicia, con dirección de Iván Martín e de Maximino Zumalave tamén participa no programa. Finalmente, a sección OFF#Stellae estará centrada esta volta na percusión.

A segunda edición de Monumenta pon en valor espazos restaurados

Xénero: Miscelánea | 4 / 6 / 2014

imaxe non dispoñible

Entre o 5 xuño e o 7 de xullo dez espazos patrimoniais restaurados de todo o país acollerán as actividades da segunda edición de Monumenta. A Consellaría de Cultura presentaba esta mañá este ciclo que busca a divulgación do noso patrimonio mediante actividaes culturais. O programa comprende actuacións musicais a cargo de artistas como Uxía Senlle, Narf ou Germán Díaz, así como roteiros guiados, obradoiros e propostas escénicas. A iniciativa conta ademais cunha importante vertente educativa, que contou coa colaboración de centros de ensino de cada unha das localidades de celebración.

A Quenlla musica a Díaz Castro en Desorballando Outonos

Xénero: Folk | 4 / 6 / 2014

desorballando_outonos_a_quenlla.jpg

Quince poemas de Díaz Castro musicados son a proposta que fai o grupo A Quenlla en Desorballando Outonos. O novo disco da formación, que chega só 2 meses despois do seu último traballo, recupera uns versos do homenaxeado no Día das Letras "que amosan ao autor en distintas situacións e distintos intres da súa vida, para poñerlles a harmonía recreada nos seus soños e nos nosos anceios, con voz sobre a sinfónica orquestración da Terra e no preciso poemario que máis o define", segundo explica a presentación do traballo. Gravado nos estudios do Concello de Arzúa, o proxecto presentouse ao público o pasado 18 de maio no marco da I Festa da Fala de Guitiriz.

A Coruña presenta a súa nova Temporada Lírica

Xénero: Clásica/Lírica | 3 / 6 / 2014

imaxe non dispoñible

As dúbidas sobre o futuro da ópera na Coruña están resoltas. O Concello presentaba onte a nova Temporada Lírica da cidade, unha proposta que pretende tomar o relevo do Festival Mozart e mais do Festival da Ópera a propor unha programación estable e espaciada en tres bloques, Outono, Inverno e Verán. O 4 de setembro arrincará a nova iniciativa, que conta con cinco óperas, tres galas líricas, un Ciclo de Grandes Cantantes e un proxecto didáctico da man de Alberto Zedda. Tamén se desenvolverán ciclos de conferencias e proxeccións arredor do mundo da ópera.

Tonecho Castelos & Pablo Esqueira debutan Nas Mariñas

Xénero: Folk | 3 / 6 / 2014

nas_marinhas_tonecho_C_pablo_E.jpg

Da man de Inquedanzas Sonoras está xa nas tendas Nas Mariñas, o disco de debut do dúo Tonecho Castelos & Pablo Esqueira. Temas tradicionais e composicións de autor con aire folk altérnanse nun traballo que parte do encontro entre o violín e o acordeón como base, acompañados por instrumentos como o bouzouki ou o piano. O proxecto conta tamén cunha versión didáctica pensada para un público familiar.

<< Inicio / Anterior . 1811 a 1820 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR