Ir ao contido directamente.


Noticias

O Consello da Cultura homenaxea a Curros en No bico un cantar

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 6 / 2014

imaxe non dispoñible

O venres seis de xuño, o claustro barroco do mosteiro de San Salvador de Celanova acolle o concerto No bico un cantar. O Consello da Cultura e a Consellería de Cultura, en colaboración do Concello de Celanova e de Vegalsa-Eroski organizan esta actividade que busca achegar os máis novos ás nosas música e letras. Curros Enríquez toma o relevo de Rosalía de Castro na segunda edición desta iniciativa, que conta coa colaboración de 400 nenos e nenas de todo o país que participarán da interpretación de varios temas de compositores galegos.

A Rede de Música ao Vivo incorpora sete novos espazos

Xénero: Miscelánea | 2 / 6 / 2014

imaxe non dispoñible

A convocatoria da Axencia Galega das Industrias Culturais para participar na Rede Galega de Música ao Vivo e mais na de Salas deu este ano en novas incorporacións a estes circuítos. No campo musical, son sete as salas de concertos que se suman á rede: A Reserva de Carballo, A Ventana de Laxe, Var con Uve de Moaña e mais A Borriquita de Belém, Casa das Crechas, Capitol e Moon en Santiago. En total son 34 espazos en 23 localidades os que están adheridos a esta iniciativa, pola que se cofinancia a realización de concertos.

Caxade leva o premio Opinión ao mellor artista folk

Xénero: Folk | 2 / 6 / 2014

imaxe non dispoñible

A XIII Edición dos Premios Opinión de Música Folk tivo en Xosé Manuel Budiño o seu grande vencedor. O gaiteiro de Moaña levou o premio ao mellor álbum polo seu traballo Sotaque e o de mellor tema por Déixame adiviñar, composto canda a Carlos Blanco. Pola súa banda, Alonso Caxade obtivo o galardón ao mellor artista. Na gala, que se celebrou o pasado venres no teatro Rosalía de Castro da Coruña a musicóloga Dorothé Schubarth foi galardoada co premio Andaina Senlleira.

O Real Coro Toxos e Froles publica o disco do seu centenario

Xénero: Coral | 30 / 5 / 2014

100anos_toxos_e_froles.jpg

Un repaso polos temas que marcaron a súa historia é a primeira proposta que fai o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol para conmemorar o centenario que cumpre en 2015. 100 anos achega 14 temas entre so que se atopan clásicos de Pascual Veiga ou Juan Montes ou as foliadas de Comba, de Corrubedo e de Cortegada, as pandeiradas de Lamas e do Grobe, ou cancións como Lonxe da terriña, Ferrolada e San Benitiño, entre outras. O Teatro Jofre de Ferrol acolle mañá o concerto co que se inician as celebracións do centenario e que servirá de presentación do novo traballo. A partir das 22:30, a formación actuará acompañadao da Coral de Ruada de Ourense e do grupo de baile Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela. O álbum, editado por PAI Música gravouse no estudio Casa de Tolos.

Oito grupos de música explican nun vídeo por qué cantan en galego

Xénero: Rock | 30 / 5 / 2014

imaxe non dispoñible

Nao, Machina, Arrhythmia, Zenzar, Superoito, Familia Caamagno, Caiman do río Tea e Lydia Botana son os protagonistas do vídeo E ti porque cantas en Galego?. O blog Galegueando publicaba o pasado 16 de maio esta iniciativa coa que quere promover o rock na nosa lingua.

O Obradoiro de Gaitas Seivane obtén a Medalla Castelao

Xénero: Folk | 28 / 5 / 2014

imaxe non dispoñible

O Consello da Xunta aprobou esta mañá os galardoados coas Medallas Castelao deste ano. Os galardóns, que distingue "aqueles galegos e galegas autores dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo en calquera faceta da actividade humana", van este ano para o Obradoiro de Gaitas Seivane; o procurador e actual secretario xeral de Unión Profesional, Juan Carlos Estévez Fernández-Novoa; Pilar Iglesias Osorio, fundadora de AFAMMER (Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural); Francisco Javier Pitillas Torra, policía local vigués e adestrador de atletas invidentes e a ex-eurodeputada Carmen Fraga Estévez.

Luar na Lubre conta a historia dos milesians en Torre de Breoghán

Xénero: Folk | 28 / 5 / 2014

imaxe non dispoñible

Os vindeiros 21 e 22 de xuño o Palacio da Ópera da Coruña acolle a estrea do espectáculo Torre de Breoghán. A Orquestra Sinfónica de Galicia colabora con Luar no Lubre no último proxecto deste grupo, que fusiona música e efectos visuais e que busca pórlle música á historia da invasión de Irlanda polos Milesians, descendentes de Breogán. A iniciativa, que conta con arranxos orquestrais de Nani García e escenografía de Franc Aleu, completarase coa gravación dun CD e inclúe tamén a elaboración dun filme que dirixirá Jorge Coira.

O coro Cantares do Brión publica o seu primeiro disco de repertorio

Xénero: Coral | 28 / 5 / 2014

cantaresdobrion_arruidos.jpg

O Coro Tradicional Cantares do Brión naceu en 2010 e recolle neste seu primeiro disco de título Arruídos o repertorio destes catro anos de actividade musical. Ademais de pezas tradicionais dos catálogos doutros coros máis veteranos como Aires da Terra, Cántigas da Terra, Cantigas e Agarimos, Coral De Ruada e Toxos e Froles Arruídos inclúe obras de nova creación, composición dos membros do coro Luís Correa “Caruncho” e Pablo Rial Salgueiro, que é o director da agrupación, súas son as pezas Tríadas do vento no mar, Camiño de Ourense, Na Touba do Brión, Foliada de Vincios, Has de cantar; e outras con harmonización e arranxos para coro como é O carro, de Mero Iglesias, con letra de Manuel María. Cantares do Brión está integrado na actualidade por 60 persoas, a maioría delas do Val Miñor, fundamentalmente da parroquia de Vincios, pero tamén doutras comarcas como O Condado, O Baixo Miño, Soutomaior ou Vigo. O disco foi gravado no Centro Cultural de Vincios por Planta Sónica e mesturado en Planta Sónica.

The Lost Omelette-makers chegan a Discos da Máquina

Xénero: Pop | 27 / 5 / 2014

imaxe non dispoñible

O segundo LP de The Lost Omelette-makers viu a luz este mes como o novo lanzamento de Discos da Máquina. Daniel Santos é o único membro do grupo e asina os temas de A calor dun corpo estraño, o seu segundo LP con este alias. Pop lo-fi con letras desquiciadas e arranxos traballados amosan a creatividade deste proxecto, que está a facer a súa xira de presentación. Canda a sete cancións de composición propia, Santos inclúe Romeo&Cuneta, curiosa versión da Romeo y Julieta popularizada por Karina que ambienta nas obras das compostelá rúa de San Pedro.

O folclore das procesión protagoniza os XV Encontros de Música Tradicional

Xénero: Folk | 26 / 5 / 2014

imaxe non dispoñible

Cabezudos, feira de artesanía, un xantar popular, a procesión de Santa Ferreña ou a sesión vermú son algunhas das actividades que se celebrarán o vindeiro 7 de xuño no mosteiro de Carboeiro, en Silleda. Os XV Encontros de Música Tradicional voltan a esta localidade cun especial interese no folclore vencellado ás procesións, un tema que protagoniza a exposición temporal desta xeira. Os contos de Celso F. Sanmartín, os títeres de Fantoches Baj e, como non, a tradicional foliada fan parte do programa.

<< Inicio / Anterior . 1821 a 1830 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR