A Coruña presenta a súa nova Temporada Lírica
xuño 3, 2014
As dúbidas sobre o futuro da ópera na Coruña están resoltas. O Concello presentaba onte a nova Temporada Lírica da cidade, unha proposta que pretende tomar o relevo do Festival Mozart e mais do Festival da Ópera a propor unha programación estable e espaciada en tres bloques, Outono, Inverno e Verán. O 4 de setembro arrincará a nova iniciativa, que conta con cinco óperas, tres galas líricas, un Ciclo de Grandes Cantantes e un proxecto didáctico da man de Alberto Zedda. Tamén se desenvolverán ciclos de conferencias e proxeccións arredor do mundo da ópera.
Dentro das óperas previstas para esta primeira temporada atópanse A traviata e Attila de Verdi, Ermione, de Rossini ou A Frauta Máxica de Mozart. No apartado Grandes Voces anúncianse a Philippe Jaroussky (novembro do 2014), Rene Pape (xaneiro do 2015), Natalie Dessay (marzo do 2015), Leo Nucci (abril do 2015), Bryn Terfel (abril do 2015) e Matthias Goerne (xuño do 2015).
O alcalde, Carlos Negreira, salientou que o novo programa se desenvolverá cun orzamento un 40% menor do que os seus antecesores.
Tamén che pode interesar:
- 29/ 6/ 2023 | Aida e Romeo et Juliette protagonizan a Temporada Lírica da Coruña
- 18/ 2/ 2016 | Concello, Deputación e a Xunta colaboran para manter un programa lírico na Coruña
- 3/ 2/ 2016 | Un concerto reclama a continuidade da Temporada Lírica
- 11/ 1/ 2016 | A Orquestra Sinfónica suspende a venda de abonos da Temporada Lírica
- 2/ 11/ 2005 | “Madame Butterfly” inaugura a temporada de outono da Asociación de Ópera