Noticias
Fol Música ábrese aos sons do mundo
Xénero: | 2 / 7 / 2014
Logo de 22 anos especializado na música folk e de raíz galega, o selo Fol Música, integraod na discográfica Boa, anúncia un cambio de orientación. Segundo explican os seus responsables nun comunicado, a boa experiencia do traballo con Kepa Junkera no seu álbum Galiza animounos a seguir as colaboracións con artistas foráneos, e apuntan agora a súa intención de se converter "nun dos selos de World Music máis interesantes do mundo". Entre os vindeiros proxectos, para alén do novo traballo de Junkera, Fol anuncia Historias de Radha y Krishna de Jorge Pardo, Gaduxo de Magín Blanco, o próximo disco de Guadi Galego ou a reedición de Ejazz con Jota de Carmen Paris entre outros álbums.
Doce corais infantís únense nun disco a prol do Monte Pindo
Xénero: | 2 / 7 / 2014
Co fin de conseguir fondos para apoiar os traballos de reforestación do Monte Pindo, doce corais infantís galegas e de diferentes partes do Estado uníronse no disco El bosque encantado. Un total de 400 nenos e nenas participan neste proxecto editado por Microrec Producciones e que se pode aquirir por 15 euros no web da Asociación Monte Pindo Parque Natural. Segundo explica o web deste colectivo, no traballo mésturanse "música tradicional, espiritual, versións de música pop e ata composicións inéditas feitas para a ocasión, coma a peza elixida para o adianto do disco, O Son do Bosque, do Colexio Montespiño".
Víctor Aneiros amósase máis acústico que nunca no seu novo traballo
Xénero: | 30 / 6 / 2014
Versións en acústico dunha selección de temas de tres discos anteriores. Esta é a nova proposta que fai Víctor Aneiros en A soidade pide copas nos bares, o seu último traballo. Editado polo selo vasco Gaztelupeko Hotsak o disco recupera dez temas entre os que se atopa títulos como Miña bala perdida, Vida bohemia, Un tute á morte ou Autor de westerns nos que o son espido da guitarra cobra protagonismo. Aneiros conta no proxecto coa colaboración de Fran Rey ao acordeón neste proxecto. Logo e presentar o disco o pasado venres 27 en San Sadurniño, o guitarrista ten previsto tocar o 17 de xullo no Festival de Blues de Getxo e o 27 no Festival de Jazz e Blues de Ribadeo.
Ulträqäns contraatacan co seu segundo disco
Xénero: | 26 / 6 / 2014
"Música retrovangardística. Steampunk. Ciberfolc. Speed-folc. Psicodelia enxebre con raíces bravús". Ulträqäns continúan coa mestura de ritmos no seu novo traballo, titulado simplemente Ulträqäns II. O ritmo frenético e as letras irreverentes mestúranse nunha proposta que de certo ha se deixar sentir nos festivais do verán. A sala Garufa da Coruña acolle esta mañá unha escoita comentada na que o grupo dará a coñecer o álbum, e o venres 27 o concerto de presentación, no que o grupo estará acompañada por A Banda de Andrelo.
A música, a ciencia, a arte e o pensamento encóntranse no ciclo Do audible
Xénero: | 13 / 6 / 2014
Catro concertos Ourense, Vigo, A Coruña e Pontevedra, cada un deles artellado arredor dun eixe temático: o tacto, o universo, o mar e o diabólico. Esta é a proposta de Do audible o ciclo que presentaba esta mañá a Consellaría de Cultura en colaboración con Vertixe Sonora. A proposta, que busca normalizar a escoita de música contemporánea no noso territorio, pretende ender pontes entre a música contemporánea e outros campos de expresión como a ciencia, a arte e o pensamento.
PortAmérica confirma 12 chefs para o seu programa gastronómico
Xénero: | 13 / 6 / 2014
O Festival PortAmérica, que se celebra entre o 17 e o 19 de xullo Porto do Molle, en Nigrán, continúa coa súa aposta pola fusión entre música e cociña. Así onte daba a coñecer os doce chefs que participarán este ano no showrocking que se integra no programa. Xosé Solla, Iago Pazos, Diego López, Lucía Freitas, Héctor López, Javier Olleros, Alberto González, Roberto Ruiz e Estanis Carenzo son algúns dos nomes que participan no proxecto. No ámbito musical, a organización confirma nomes como Andrés Calamaro, Calexico, Iván Ferreiro, Calle 13, Triángulo de Amor Bizarro ou Vetusta Morla.
Fernando Reyes ponlle música ao Camiño
Xénero: | 13 / 6 / 2014 + AUDIO
As músicas do Camiño de Santiago nos relatos dos peregrinos Leo Von Rozmital, William Wey, G. Manier, Bartolomeo Fonana e Nicola Albani compoñen o eixe o novo traballo de Fernando Reyes acompañado de boa parte do grupo de música antiga Resonet no que el tamén milita. Carlos Castro, X.R.Martínez e Trinidad de Miguel acompañan o músico en Viaxe a Compostela, onde interpretan composicións antigas e propias para ambientar as viaxes que desenvolveron estes personaxes entre 1456 e 1742. Resonet xa publicara anterioremente diferentes traballos nos que vencella música e peregrinación.
San Xoán Pequeniño volta encher A Coruña de actividades para os máis novos
Xénero: | 12 / 6 / 2014
A Coruña celebra o vindeiro 24 de xuño a segunda edición do San Xoán Pequeniño. Logo do éxito do pasado ano, con máis de 5.000 participantes, unha nova programación destinada aos máis novos transcorrerá en diferentes prazas e rúas da cidade. O aspecto musical estará a cargo dos proxectos de Magín Blanco, Petit Pop e María Fumaça, aos que se suman propostas de animación como Os tres tenedores, Fantoches Baj, Malabaranda ou CircoKote, así como xogos e obradoiros.
Unha charla concerto recupera a compositora Eugenia Osterberger
Xénero: | 12 / 6 / 2014
O Centro Galego de Arte Contemporánea acolle esta tarde a partir das sete a charla concerto Eugenia Osterberger. Unha compositora galega na Belle Époque. A iniciativa, desenvolvida da man da Consellaría de Cultura, pretende reivindicar o traballo desta música e artista do século XIX. O programa inclúe os relatorios Achegamento á biografía de Eugenia Osterberger de Rosario Martínez e A obra de Mme. Saunier e a súa contribución á creación musical galega, no que Beatriz López-Suevos analizará a relevancia da súa produción musical no contexto da época. Como final, López-Suevos, ao piano e a soprano Susana de Lorenzo interpretarán varias pezas desta compositora.
Fracasados mantén a aposta pola fusión no seu novo traballo
Xénero: | 10 / 6 / 2014
Catro anos depois do seu primeiro lanzamento, Fracasados voltan á carga con Diáspora. O grupo coruñés presenta oito novos temas nos que manteñen a súa fusión de ritmos latinos, rock e rap. Temas como o que dá nome ao álbum, coa colaboración de Xurxo Souto e inequívocos aires bravú, conviven con propostas máis próximas á electrónica como Alma presa, toques pop ou aproximacións ao hip hop como en Mass Media. A banda anuncia para o vindeiro mes de xuño o comezo da xira de presentación do álbum.


