Ir ao contido directamente.


Noticias

Os cantares de Ons reclaman o seu lugar

Xénero: Folk | 17 / 7 / 2014

deixademe_cantar_ons.jpg

As gravacións que o antropólogo Steffan Mörlig realizou na Illa de Ons entre 1969 e 1972 vén agora a luz en formato CD. Déixademe cantar. Las canciones tradicionales de la isla de Ons é o título do volume que acaba de publicar o Colectivo Cultural Isleños e no que as gravacións orixinais de Mörlig están acompañadas dun libro con máis de cen páxinas coas transcricións e notacións dos temas recollidos. Josefa Otero e a súa familia son os intérpretes dos temas, mentres o musicólogo Bautista Delgado foi o responsable de os pasar a texto. O volume está á venda por 22 euros.

Seis grupos representarán a Galicia no Festival de Lorient

Xénero: Folk | 16 / 7 / 2014

imaxe non dispoñible

Óscar Ibáñez, o Cuarteto Caramuxo, o dúo Bellón & Maceiras, o grupo de baile Donaire e mais as bandas de gaitas Terra de Melide e Foula compoñen a representación galega no Festival de Lorient. O recoñecido encontro intercéltico de Bretaña celebrarase entre os vindeiros días 1 e 10 de agosto cunha edición centrada na música de raíz irlandesa. A delegación galega conta cun espazo propio en Facebook no que se dá conta das súas actividades, concertos e propostas ao longo do festival.

As Revenidas trasládanse a agosto cun cartel centrado no Bravú

Xénero: Rock | 16 / 7 / 2014

imaxe non dispoñible

Vilaxoán celebrará finalmente a XI edición do Revenidas. Logo de demoradas negociacións co Concello de Vilagarcía os últimos meses, o evento traslada as súas datas para agosto, e celebrarase entre os días 22 e 24. A xeira deste ano conta a peculiaridade de se centrar no vinte aniversario do Rock Bravú, e presenta un cartel de grupos galegos entre os que se contarán os principais nomes deste movemento. Con actuacións aínda por fechar, está xa confirmada a presenza de Os Diplomáticos de Monte Alto, Heredeiros da Crus, Ulträqäns, Rastreros, Leo e Arremecaghona ou Terbutalina entre outros.

O Festival de Jazz de Pontevedra cumpre 22 anos

Xénero: Jazz/Blues | 14 / 7 / 2014

imaxe non dispoñible

Jazz pola rúa, obradoiros creativos ou jam sessions fan parte do programa do XXII Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. A Cidade do Lérez acolle entre os vindeiros 21 e 26 de xullo a nova xeira deste recoñecido encontro, que contará coa presenza do jazz contemporáneo de Xan Campos Grupo, a fusión de Richard Bona o blues a cargo de Eric Bibb e o soul de Robin McKelle. Ademais, haberá actuacións a cargo de Grabriel Peso Trío e mais de Marcos Pin Factor E-Reset, e no Pontejazz Workshop participarán 17 dos músicos máis destacados do panorama jazzistíco actual do país.

Lucía Pérez volta con Quitapenas

Xénero: Pop | 14 / 7 / 2014

quitapenas_lucias_perez.jpg

Quitapenas é o sexto disco da cantante do Incio Lucía Pérez, e o primeiro que lanza logo da súa participación en Eurovisión en 2011. Gravado nos estudios Montepríncipe de Madrid, o proxecto supón un punto de inflexión na carreira da artista, coa aposta por temas pop e con toques latinos. Aínda que cantado en castelán, mesmo cunha versión do Moonlight Shadow de Mike Olfield, o álbum inclúe tamén o tema Sete chorares en galego. A edición en CD do álbum está dispoñible en exclusiva con La Voz de Galicia ata o vindeiro 21 de xullo, e distribuirase posteriormente polas tendas. A versión dixital está xa á venda nas principais plataformas internacionais.

AGADIC amplía a programación das redes de teatros, de salas e de música ao vivo

Xénero: Miscelánea | 10 / 7 / 2014

imaxe non dispoñible

Un total de 409 actuacións de teatro, música, danza, maxia e novo circo, desenvolveranse por toda Galicia ata fin de ano no marco das redes de teatros e auditorios, salas e música ao vivo. A Axencia Galega das Industrias Culturais adiantou a programación do segundo semestre destas iniciativas, a destacar que se amplían en 9 os locais participantes e un 13,7 por cento o total de actuacións respecto ao pasado ano.

Elelelos amosa a tradición sonora de Bueu

Xénero: Folk | 8 / 7 / 2014

elelelos_retrouso_cela.jpg

Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, a Asociación Retrouso de Cela acaba de publicar, da man de Inquedanzas sonoras, o duplo álbum Elelelos. Música de tradición oral do Concello de Bueu. O proxecto inclúe dous CDs, o primeiro dos cales escolma as gravacións que a asociación realizou por diferentes parroquias do concello ao longo dos últimos quince anos. Música de gaita, filharmónica, pandeireta e canto atópanse nun total de 47 cortes. O segundo CD de Elelelos amosa 14 pezas tradicionais reinterpretadas por músicos da asociación. Logo da presentación oficial en Bueu o pasado día 27 de xuño, está prevista outra actuación o vindeiro 12 de xullo no marco do XIII Festival Retrouso.

Colajet volta con Seguros Mutuos

Xénero: Miscelánea | 7 / 7 / 2014

colajet_seguros_mutuos.jpg

Dous anos despois do seu último traballo Colajet presenta Seguros Mutuos. Este traballo autoeditado é un longa duración no que se reúnen cinco temas instrumentais. Segundo explica a propia banda no seu Soundcloud, "gravamos con enorme lentitude un disco que non só non se parece aos nosos concertos, senón que non o poderiamos reproducir en concertos futuros. Pero, como dicía o outro, “no son todos los tiempos unos”: este disco si foi un proxecto, e marca un fito (perceptíbel) na historia e na traxectoria de Colajet". Atmósferas envolventes e propostas experimentais danse a man neste proxecto que foi gravado no Laboratorio Soyuz (Chaián).

Herbón acolle a segunda edición de As notas do Pemento

Xénero: Clásica/Lírica | 4 / 7 / 2014

imaxe non dispoñible

O tenor José A. Campo con Severino Ortiz ao piano abren hoxe a segunda edición de As notas do Pemento. O Festival de Música de Herbón volta ao convento franciscano cun cartel que inclúe a actuación o vindeiro día 11 de Herbens Consort, grupo residente do evento. O violín de Roberto Alonso con Samuel Diz á guitarra o día 18 e o Grupo de Música Antiga 1500 completan o cartel desta xeira. Os concertos distribuiranse por diferentes espazos do convento, nun ciclo que pretende potenciar o pemento de Herbón mediante a música.

Marful despedirase por tempo indefinido despois do verán

Xénero: Folk | 3 / 7 / 2014

imaxe non dispoñible

Un parón "indefinido". Así anunciaba Ugia Pedreira, a cantante de Marful, a pausa que toma este grupo logo dunha década a explorar novos vieiros para a música de raíz. A pausa por "motivos persoais", comezará logo da xira deste verán e deixa en suspenso o proxecto do novo diso da formación. Deste xeito, o grupo apunta que os concertos destes meses serán "moi especiais". A vindeira cita para o seguidores do conxunto é o vindeiro venres 4 de xullo no III Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia que se celebra en Agolada. A xira rematará o vindeiro 8 de outubro nas festas do San Froilán en Lugo. Ugia Pedreira tamén se retirará asimesmo doutros proxectos musicais, segundo asegurou nunha entrevista a La Voz de Galicia.

<< Inicio / Anterior . 1791 a 1800 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR