Noticias
O Festival de Pardiñas cumpre 35 anos
Xénero: | 1 / 8 / 2014
Cun obradoiro de batucada e o concurso de cantos de taberna esta tarde bota a andar a XXXV edición do Festival de Pardiñas, en Guitiriz. No entanto, será sábado e domingo cando se desenvolvan o groso das propostas deste veterano evento, con concertos a cargo de A Quenlla, os irlandeses Niamh ni Charra, Guauchos, Trapallada, Radio Cos, Electric Gozarella ou Os Diplomáticos de Monte Alto entre outros. Precisamente Os Diplomáticos realizarán unha charla sobre os vinte anos do Bravú. De xeito paralelo desenvolverase a XXI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional e mais a XXXV Mostra de Artesanía.
Compostela acollerá a incubadora cultural WOS INC
Xénero: | 1 / 8 / 2014
Visibilizar novas propostas en diversos ámbitos da cultura coa música como elemento aglutinador. Esta é a base de WOS INC, que se presenca como "a incubadora de ideas galega" e que se celebrará en Compostela entre o 14 e o 16 de setembro. Espazos como o CGAC, a Sala Capitol, a Zona C, a Fundación Autor ou o Teatro Principal participan da iniciativa. O programa do encontro incluirá grupos como Place to Bury Strangers, Ensemble Economique, Red Fang, Spindrift, The Cosmic Dead ou Wooden Wand, canda a aristas multidisciplinares como Miguel Noguera ou Kiko Amatson. Tamén haberá presenza galega con nomes como Guerrera, Unicornibot ou a orquestra Metamovida.
Clave de Fado abre Xanelas
Xénero: | 31 / 7 / 2014
Logo de reunir máis de 5.000 euros mediante a plataforma de crowdfunding Verkami, Clave de Fado acaba de pór na rúa o seu primeiro disco. Xanelas segue a liña de música lusófona, fundamentalmente fados, que caracteriza o trío desde os seus comezos en 2009. Iria Estévez, Paco Dicenta, Pepe Piña e Gonzalo Piña interpretan desde fados canónicos ata versións de Rosalía de Castro ou José Afonso. De xeito paralelo á gravación do álbum no estudio Son Natural, Iria Estévez gravou tamén un disco de nanas tradicionais destinado exclusivamente aos patrocinadores deste proxecto. Boiro, o 14 de agosto, o mosteiro portugués de Sanfins o 22 e Gondomar o 23 son as vindeiras paradas da xira de presentación.
O Festival de Poesía do Condado centrarase en Escrever nas margens
Xénero: | 30 / 7 / 2014
Música, poesía, obradoiros ou audiovisuais danse cita como é habitual na XXVIII edición do Festival de Poesía do Condado. Salvaterra acolle os días 5 e 6 de setembor a nova xeira do encontro que se celebra baixo o lema Escrever nas margens: O programa inclúe actuacións musicais como as de Sés, A Quenlla, Fortuítos, The Tetas Van, Liska! a Fanfarria Takikardia ou Blues do País. Viale Moutinho, Teresa Moure, F. Álvarez Koki, Alicia Fernández, Paula Carballeira, Ismael Ramos, Marília Miranda, Xabier Cordal, Xesús Rábade, Berta Davila e Concha Rousia serán os autores que recitarán no encontro na noite do sábado seis. A maiores, haberá proxeccións audiovisuais, un obradoiro de pandeireta, mercado de artesanía e mesas redondas sobre cuestións como a banca ética ou a bioconstrución.
Karolis Biveinis e Mónica de Nut reciben un premio no festival de Sapporo
Xénero: | 30 / 7 / 2014
O coñecido Festival Internacional de Arte de Sapporo, en Xapón ten este ano presenza galega no seu palmarés. O compositor Karolis Biveinis e mais a cantante Mónica de Nut recibiron neste evento un Silver Award pola composición Voicing (III parte), composta por Karolis e gravada por mónica en 2014. Ryuichi Sakamoto, director convidado do festival, destacou que a "esta pieza embala o maior impacto, e o concpeto é o de arte moderna, polo que é unha excelente selección".
Davide Salvado, Uxía e Germán Díaz representarán a Galicia no WOMEX 14
Xénero: | 29 / 7 / 2014
A Cidade da Cultura acollía esta mañá a presentación do programa do WOMEX 14, que se celebrará en Compostela entre os vindeiros 22 e 24 de outubro. O xurado internacional de expertos seleccionou para representar o noso país neste evento a Davide Salvado, que actuará no escenario da selección oficial, a Uxía e mais ao zanfonista Germán Díaz, que presentarán os seus traballos no escenario local Atlantic Connections. Canda aos galegos, as músicas da Penínula estarán representadas no encontro por Raúl Rodríguez e Lula Pena na selección oficial e por Korrontzi e Custódio Castelo no Atlantic Connections.
Golfiños debutan con Té, chocolate e café
Xénero: | 28 / 7 / 2014
Xa está nas tendas Té, chocolate e café, o libro-disco co que debuta Golfiños. Aínda que con anos de existencia, este grupo orientado aos máis novos da casa lanza agora o seu primeiro traballo no que mesturan melodías tradicionais e composicións propias que falan de diferentes animais, contan adiviñas ou abordan historias orientadas ás crianzas. O grupo, composto por Elena Paz , Diego Paz e Xosé Liz, presentaba o seu espectáculo o pasado 25 de maio en Vigo e está a desenvolver a xira presentación. A vindeira parada é hoxe mesmo na libraría San Pablo de Santiago de Compostela.
Sub Rosa chega con Vagalú
Xénero: | 22 / 7 / 2014
Retais de poemas de Ismael Ramos, Carla Carbatti ou Séchu Sende sobre unha mestura de "uros de son de guitarra, capas e capas de sintetizadores, voces falando máis aló da música; caixas de ritmos e toms salvaxes". Esta é a proposta de Sub Rosa en Vagalú, o seu primeiro disco. Nove temas gravados nos estudios A Ponte de Tomas Ageitos nos que a banda compostelá formada por Helga Blanco, Xalo Gayoso e Pulpiño Viascón experimentan sen medo.
Verán cultural en Ons
Xénero: | 22 / 7 / 2014
Algo acontece con Ons. Ao longo dos últimos dous meses viron a luz un libro electrónico, un documental, unha exposición e mais un disco que teñen o seu eixe nesta illa. A abundancia de propostas amosa o grande potencial cultural dunha zona ata o de agora pouco coñecida.
Espazos Sonoros contará con 9 concertos na súa sétima edición
Xénero: | 21 / 7 / 2014
O grupo italiano laReverdie abrirá o vindeiro 14 de setembro na igrexa de Santa María de Baiona a sétima edición do ciclo Espazos Sonoros. A Consellaría de Cultura presentaba hoxe en Compostela a nova xeira desta iniciativa na que se mestura música e espazos monumentais. En total serán nove concertos os que se desenvolverán ata o vindeiro de outubro ademais de rutas pola paisaxe, visitas guiadas e obradoiros. Canda aos italianos, o programa inclúe actuacións como as de Marco Beasley acompañado polos laudistas Fabio Accurso e Stefano Rocco, Xoán Curiel, Doa, o organista Marco Brescia ou unha produción a cargo do Coro Ultreia e os Menestreis de 1500.


