Noticias
As Maimiñas debutan con Unha viaxe polo mundo
Xénero: | 18 / 9 / 2014
Unha nova formación súmase ás propostas musicais para os máis novos no noso país. Da man da colección Sonárbore de Galaxia, o dúo As Maimiñas presentan o libro-CD Unha viaxe polo mundo. Ilustrado por Patricia Castelao, o volume achega dez temas que convidan a bailar distintos ritmos acompañando as cantantes nas súas aventuras por Nova York, O Tirol, China ou África. O volume gravouse nos estudios de Isaac Palacín e sae á venda a un prezo de 20 euros.
Wild Balbina presenta Sisters before misters
Xénero: | 17 / 9 / 2014
Logo de visitar a pasada Semana Carballiño e mais Compostela, os vigueses Wild Balbina continúan a xira de presentación do seu último traballo. Sisters before misters achega sete temas de rock sesentero con aires garage e punk da man de Antía Figueiras, Marta González, Guille Zapata e Miguel Bianchi. O volume está dispoñible de balde en bandcamp ou pode adquirise nunha edición en vinilo. A vindeira cita para coñecer Sisters before misters será o vindeiro 26 de setembro no Playa Club da Coruña e o 27 no Bar Labranza de Bueu.
Compostela acolle as III Xornadas de Música Contemporánea
Xénero: | 12 / 9 / 2014
Por terceiro ano consecutivo, diferentes espazos de Compostela acollerán as Xornadas de Música Contemporánea. Entre o 3 de outubro e o 1 de novembro un total de 22 recitais resoarán en espazos como o CGAC, a Cidade da Cultura, a praza da Quintana ou diferentes igrexas da cidade. A Real Filharmonía de Galicia abrirá cun concerto de Mauro Montalbetti a actividade. Canda a este recital, o programa inclúe como o de Ensemble Ixor, Elisa Vázquez Doval, que actuarán o 4 de outubro, Lytos e Zoar Electric, o 5 de outubro Pablo Seoane, o 12 e o pianista Alejandro Vargas, o 26 de outubro. Outras formacións que se poderán escoitar son o Cuarteto Vogler, o Taller Atlántico Contemporáneo, Vertixe Sonora Ensemble e artistas como a violinista Leticia Moreno e o pianista Bertrand Chamayo.
tUnE-yArDs e Ólöf Arnalds protagonizan o Voces Femininas 2014
Xénero: | 11 / 9 / 2014
Só dúas artistas compoñen o cartel deste ano do festival Voces Femininas. A cita especializada en músicas alternativas da escena internacional mantén a súa tripla sede en Madrid, Ourense e Vigo, e reúne este ano a estadounidense tUnE-yArDs e mais a islandesa Ólöf Arnalds. As actuacións celebraranse o vindeiro 26 de novembro em Madrid, o 27 no Teatro Principal de Ourense e o 28 no Auditorio de Afundación en Vigo. tUnE-yArDs chegará a Galicia a presentar o seu último álbum Nikki Nack, publicado en maio deste mesmo ano, e no que mestura electrónica e sons lo-fi acústicos. Pola súa bnada, Ólöf Arnalds amosará o seu traballo como cantautora e presentará Sudden Elevation, o seu disco de 2013.
Óscar Avendaño y Los Profesionales voltan con Demasiado oro
Xénero: | 8 / 8 / 2014
Desde comezos deste verán Óscar Avendaño y Los Profesionales están a presentar o seu segundo disco. Demasiado oro achega dez novos temas nos que a banda mantén o seu estilo achegado ao rock dos anos setenta. Oscar Avendaño, Indy Tumbita, Xabier Vieitez, Mauro Comesaña e Alberto Rodriguez, Membros de bandas como Siniestro Total, Transilvanians, Pedrito Diablo y Los Cadáveras ou The Soul Jacket fan parte deste proxecto. A banda organizou unha campaña de crowdfunding coa que acadaron 5.230 euros para editar este proxecto,
Da cámara ao natural
Xénero: | 6 / 8 / 2014
Un festival de música de cámara que se celebra no rural xa é de por si orixinal. Pero se engadimos que o lugar é o rural galego, en concreto na Ulloa, e que ademais o proxecto está vencellado a unha iniciativa de custodia do territorio, a cousa é aínda máis curiosa. Festiulloa chega o vindeiro 15 de agosto á súa sétima edición amosando as posibilidades de integrar arte e medio.
Música no Claustro celebra os seus dez anos
Xénero: | 6 / 8 / 2014
Cinco días de música, exposicións, obradoiros e patrimonio. O ciclo Música no Claustro celebra en Tui, entre o 6 e o 10 de agosto, os seus dez anos de existencia. No programa deste aniversario ten un protagonismo especial a madeira e os instrumentos feitos con este material, cunha mesa redonda sobre o mesmo. O Quinteto inVento, Marçal Font e Ferran Besalduch, Fernando Buide, Anxo Pintos e Ramón Corral, Lulabai, Herbens Consort e Roberto Castro corren coa parte musical do evento. Ademais, no marco do ciclo celébrase o V Ciclo JLMúsica-Dos Acordes no que os estudantes do conservatorio local subirán ao escenario. Un obradoiro de ourivería, visitas nocturnas aos tellados da catedral e varias exposicions completan o programa.
Takekazu Asaka presenta o seu libro-disco Cantata a Ramón Cabanillas
Xénero: | 5 / 8 / 2014
Un texto biográfico sobre Cabanillas, unha escolma de trece poemas deste autor en galego e en xaponés, fotografías e notas que contextualizan o seu traballo e un limiar a cargo do académico Franciso Fernández Rei. Estes son os contidos do libro Cantata a Ramón Cabanillas, que o profesor Takekazu Asaka presenta mañá en Cambados. A presentación, ás 21 horas no auditorio A Xuventude, irá acompañada dun concerto no que a pianista Rika Nishikawa e a soprano Miho Haga interpretarán os oito temas musicados que se inclúen no CD que acompaña o libro.
Cincuenta accións de promoción escénica e musical reciben axudas de AGADIC
Xénero: | 5 / 8 / 2014
A Axencia Galega das Industrias Culturais publicaba onte a primeira resolución da súa liña de axudas para a promoción exterior e xiras escénicas e musicais. Un total de 20 empresas conseguiron apoios para accións deste tipo, entre elas propostas de xiras no exterior como o proxecto Inter Celtic de Carlos Núñez, que recibe 40.000 euros, a xira americana de Roi Casal, que obtivo 17.740 ou as actuacións foráneas de Produccións Teatrais Excéntricas, Teatro Ensalle ou Tanxarina Títeres. Nas axudas para a distribución de espectáculos en Galicia, Malasombra Producións foi a maior beneficiada con 35.339 euros. O prazo de solicitude para esta liña de axudas continúa aberto ata o 30 de setembro ou ata esgotar o orzamento de 350.000 euros con que conta esta partida.
Mi Perro Vincent lanza o seu primeiro disco
Xénero: | 4 / 8 / 2014
Punk-rock clásico, con claras influencias de Los Ramones, The Queers ou Los Nikis é a base coa que traballa Mi Perro Vincent. O grupo de Vilalba publica agora o seu propio nome o primeiro LP autoeditado. Quince temas enérxicos, como El ataque del gafapasta de 50 pies, El último punk, El surf no es para mi ou Méteo no cú, a primeira canción en galego do grupo. Gravado en Estudios Primarios, o álbum está a venda por 5 euros en formato digipack e dispoñible tamén en BandCamp.


