Ir ao contido directamente.


Noticias

Os Novos chegan como veteranos do punk-rock

Xénero: Rock | 27 / 10 / 2014

nom_lugar_os_novos.jpg

Unha nova banda compostelá, Os Novos, acaba de presentar o seu primeiro lanzamento. Nom Lugar chega da man de Lixo Urbano con sete temas cheos de carraxe, xogos vocais e guitarras de grande potencia nos que o trío amosa claramente a súa bagaxe punk-rock. Segundo explica o grupo na súa presentación, o grupo é "umha besta tricéfala que fai música para escuitar com os punhos fechados, com raiva, fazendo força até esmagar os dedos, rinchando nos dentes e maldizendo baixo um céu cinzento sempre a piques de esboroar-se". O álbum, gravado nos Estudios Soyuz e coa produción de Mike Mariconda en Sonic Boom Room sae á venda cunha dupla edición en digipack e mais en formato Vinilo de 10" máis un CD. O álbum tamén se pode escoitar en Bandcamp e nos diferentes concertos que o grupo ten previstos ao longo deste outono.

Fiandola dá Volta e media

Xénero: Folk | 24 / 10 / 2014

fiandola_volta_e_media.jpg

Dez cancións, na súa maior parte tiradas dos traballos de recolla que o propio grupo realiza, compoñen o terceiro disco de Fiandola. O septeto nado en 1996 mantén en Volta e media o seu son cun grande protagonismo dos acordeóns, clarinete, gaitas e percusións. Ritmos como as jotas, as muiñeiras, os pasodobres ou a rumba conviven no álbum, que se gravou o pasado verán nos estudios Edisco da Estrada. Logo do concerto de presentación na Salasón de Cangas, o pasado domingo 19, o grupo ten previstos novos recitais en Betanzos (decembro) ou Bueu (febreiro)

Daniel Minimalia volta con Arenas de luna

Xénero: Fusión | 23 / 10 / 2014

arenas_luna_minimalia.jpg

A aproveitar o Womex, a feira internacional de músicas do mundo que se celebra en Compostela, o músico Daniel Minimalia presenta hoxe Arenas de luna. O segundo álbum do ourensán achega nove temas na liña do seu primeiro traballo Contos sonoros, cun grande protagonismo da guitarra e a creación de atmósferas sonoras na liña de Mike Oldfield, e nas que se atopan "folk, flamenco, gipsy jazz e música francesa, a pasar polo rock e a electrónica", segundo sinala a presentación do disco. Olas del Sur en colaboración con Rosa Cedrón, serve de presentación ao volume, que conta tamén cunha versión de El estanque de Héroes del Silencio. O artista desenvolverá nos vindeiros meses unha xira por Galicia e España, e pretende presentar despois o álbum, editado por Zouma Records, en Estados Unidos.

O ukelele fai a unión

Xénero: Indie | 16 / 10 / 2014

imaxe non dispoñible

Deseño, música, videoclips... e ukeleles. Implicar a dez deseñadores, dez solistas e conxuntos de música e dez produtoras audiovisuais arredor dun instrumento é a ambiciosa proposta que desenvolveu a tenda O Gato Cósmico co seu Ukelele Kit Project. O resultado desta iniciativa pode verse este mes cunha exposición na Zona C de Compostela.

Eladio y los seres queridos chaman á orde

Xénero: Indie | 16 / 10 / 2014

orden_invisible_eladio_seres_queridos.jpg

Desde o pasado martes está dispoñible nas tendas o terceiro disco de Eladio y los seres queridos. Orden invisible achega doce novos temas que seguen a liña de pop indie. Editado por Esmerarte, o traballo foi gravado en xuño nos estudos Sonobox. Ademais da edición física, o álbum está dispoñible en diferentes plataformas dixitais.Logo da presentación, o grupo inicia unha xira que os levará o vindeiro 25 de outubro ao FNAC da Coruña.

Todo listo en Compostela para o WOMEX máis multitudinario

Xénero: Folk | 15 / 10 / 2014

imaxe non dispoñible

Compostela agarda para a vindeira semana a celebración da feira de músicas do mundo máis importante a nivel internacional. Entre o 22 e o 26 de outubro WOMEX celebra a súa vixésima edición na capital galega, cunha cifra de asistentes previstos que rolda os 2.600 e bate as marcas do evento nos últimos cinco anos. Ademais dos 60 concertos a cargo de 300 artistas que se desenvolverán entre a Cidade da Cultura e diferentes espazos do casco histórico, o programa do encontro contará coa presenza de artistas galegos como Davide Salvado, Uxía e Germán Díaz.

Neira Vilas presenta o libro-CD Cantos de sol a sol

Xénero: Infantil | 15 / 10 / 2014

cantos-de-sol-a-sol-galería_neira_vilas.jpg

Ilustracións de Xosé Vizoso e música de Xosé Lueiro acompañan os poemas de Xosé Neira Vilas en Cantos de sol a sol. O novo traballo do autor de Gres achega unha serie de composicións líricas pensadas para os máis novos da casa, que son interpretadas por voces como as de María do Ceo, Manoele, Lucía Azurmendi, Carme Rey, Felisa Segade e Xabier Díaz. A observacion da natureza e o esforzo por captar o momento centran os temas dos textos, que saen á luz da man da editorial Galinova e da Fundación Neira Vilas. Logo de se presentar onte no Teatro Principal de Santiago está previsto que ao longo do outono se desenvolva unha xira que dea a coñecer o proxecto por todo o país.

Isabel Rei Sanmartín debuta con A Viola no Século XIX: Música de Salão na Madeira

Xénero: Clásica/Lírica | 10 / 10 / 2014

A_viola_sec_xix_madeira_isabel_rei.jpg

Unha selección de composicións para guitarra conservadas en cadernos manuscritos desde hai uns 200 anos na Illa de Madeira. Este é o contido do primeiro CD da guitarrista galega Isabel Rei Sanmartim, A Viola no Século XIX: Música de Salão na Madeira. Un total de 40 cortes que inclúen valses, rondós, arias e, como extra, un vals de Cândido Drumond de Vasconcelos. O governo da illa portuguesa convidou a intérprete galega a gravar as pezas nos estudios DSEAM e agora corre coa publicación da obra, coa que quere dar a coñecer internacionalmente o patrimonio musical madeirense.

Blues do país presenta Bateas do Mississippi

Xénero: Jazz/Blues | 2 / 10 / 2014

bateas_mississipi_blues do pais.jpg

Transformar temas clásicos do blues e do soul internacional en cancións con referencias galegas. Isto é o que levan xa un tempo a facer por escenarios de todo o país o dúo Blues do país, formado por Pepe King e Bieitta James. Agora, presentan o seu primeiro disco, Bateas do Mississippi, no que se poden atopar revisións de cancións como Sitting on the dock of the bay (Sentadiña no pantalán), I just want to make love to you (Mirarche o cu), Killing me softly (Mátasme amodo) ou Mercedes Benz (Chimpín). Está xa dispoñible na rede o vídeo do tema Non amoles, se chachi!, e o grupo adianta que desenvolverá unha xira de presentación ao longo deste outono.

Dos Acordes compila composicións de Xoán Montes e Juan Antonio Moreno

Xénero: Clásica/Lírica | 1 / 10 / 2014

que_bela_te_deu_deus_capa.jpg

A soprano Esperanza Iglesias e o pianista Aurelio Chao son os intérpretes que poñen voz e música en Que bela te deu Deus, última produción da discográfica Dos Acordes. O volume recolle as Seis Baladas Galegas de Xoán Montes e mais as Oito cancións sobre poemas de Rosalía de Juan Antonio Moreno Fuentes. Textos de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Salvador Golpe Varela e Aureliano José Pereira atópanse nunha edición nun libro-disco de 16 páxinas. Ademais, o selo tamén publicou as partituras das Oito cancións de Juan A. Moreno.

<< Inicio / Anterior . 1761 a 1770 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR