O ukelele fai a unión
outubro 16, 2014
Deseño, música, videoclips... e ukeleles. Implicar a dez deseñadores, dez solistas e conxuntos de música e dez produtoras audiovisuais arredor dun instrumento é a ambiciosa proposta que desenvolveu a tenda O Gato Cósmico co seu Ukelele Kit Project. O resultado desta iniciativa pode verse este mes cunha exposición na Zona C de Compostela.
Hai xa varios anos que os ukeleles reivindican o seu lugar como instrumento de moda. A facilidade para tocar esta pequena guitarra de catro cordas e o atractivo do seu son está a facer que moita xente, tanto afeccionados como profesionais, aposten por incorporala á súa vida. Deste xeito, o ukelele está a se facer omnipresente en múltiples vídeos de Youtube, anuncios televisivos ou filmes, e está a se amosar como un instrumento predilecto para moitos músicos tanto á hora de compor como para abordar versións acústicas dos seus temas. Mergullados nesa onda, a tenda O Gato Cósmico comezou a vender Ukeleles Kits, instrumentos por pezas para montar na casa, cunha grande aceptación. Transformada en tenda virtual, Matilde Rodríguez, responsable da iniciativa optou por "continuar co proxecto como promotora cultural". Así, a partir do ukelele que "é algo que me gusta moito, con grupos como Beirut ou Devendra Benhart ", e "pensei que con esa excusa se podía involucrar a xente nunha proposta".
Trinta nomes e un ukelele
Así, naceu o Ukelele Kit Project, unha proposta que concitou a participación dun bo feixe de persoas de diferentes ámbitos creativos. O primeiro paso foi remitirlle dez destes kits a outros tantos artistas e deseñadores para que os personalizasen. A continuación, distribuíronse estes instrumentos entre outros tantos grupos e solistas da escena galega para que, con eles, interpretasen cadanseu tema adaptado ao son do ukelele. E, finalmente, convidouse a dez produtoras audiovisuais a que elaborasen cadanseu vídeo dun destes artistas a interpretar dito tema. O resultado, dez vídeos, dez versións, dez ukeleles artísticos. Segundo apunta Rodríguez "sorprendeume que resultou sinxelo implicar a xente. Explicáballes a idea e case todo o mundo dixo que si moi rapidamente". Malia á colaboración, desenvolver este proxecto artístico multidisciplinar implicou moito traballo e tempo. "Foi case un ano que botamos a compaxinar moitos calendarios. Hai que pensar que aínda que son trinta nomes, na realidade implícase a moita máis xente, porque tanto os grupos como a maior parte das produtoras están formadas por varias persoas", lembra.
Participantes
Así, esta iniciativa integrou grupos como Apenino ou Os Amigos dos Músicos que xa tiñan experiencia con este instrumento. Canda a eles, "busquei outros grupos, a maioría, que nunca o empregaran". Novedades Carminha, Linda Guilala ou Ataque Escampe son algúns dos debutantes coas catro cortas. A nivel artístico, personalizaron os instrumentos creadores como Jano, Pelucas, Rebeca Losada, Cinta Arribas, Eme ou María Nóvoa, e no apartado audiovisual colaboraron firmas como Illa Bufarda, Samthing Visual, A&B Comunicación e Deseño, Diplodocus, ETT Comix ou Baixo Miño estudios, entre outros. Segundo explica Rodríguez, "a nivel de vídeos sorprendéronme como están feitos todos. Logo nos artistas gustoumeu que cada ukelele define bastante o artista, en xeral seguiron o seu estilo aínda que houbo casos como o de Marcos Vigo, que polo xeral fai ilustración infantil e presentou un ukelele glam".
Coñecer o uke
O resultado final de toda esta iniciativa pode verse desde onte e ata o sete de decembro na Zona C de Santiago de Compostela. Aos ukeleles e os vídeos resultados deste traballo súmase tamén unha serie de concertos a cargo de seis dos grupos que participaron na iniciativa aos que se suma un recital especial e cargo de Víctor Coyote. E para mais, tamén se proxectarán traballos das produtoras que participaron nesta iniciativa. Os interesados en coñecer algo máis do proxecto, teñen na rede galerías fotográficas dos ukeleles personalizados e poderán ir vendo todos os vídeos que fixeron parte da iniciativa. Segundo adianta a responsable da inciiativa, "o proxecto vai para longo aínda. A miña idea é movelo como exposición e con algún concerto por diferentes espazos de Galicia". Calquera día, os ukeleles poden chegar á túa vila.