Verán cultural en Ons
xullo 22, 2014
Algo acontece con Ons. Ao longo dos últimos dous meses viron a luz un libro electrónico, un documental, unha exposición e mais un disco que teñen o seu eixe nesta illa. A abundancia de propostas amosa o grande potencial cultural dunha zona ata o de agora pouco coñecida.
Habitada desde o Neolítico. Abandonada e reocupada en diferentes ocasións. Na actualidade, parte do Parque Nacional Illas Atlánticas e un destino turístico en crecemento no que, no entanto, só dúas familias viven ao longo de todo o ano. Lendas, patrimonio e historias cotiás do máis curioso entrecrúzanse nun territorio singular, que deu pé a particularidades culturais fronte ao "continente", como os locais denominan a terra firme. Toda unha serie de produtos culturais están a se achegar, desde diferentes ópticas, á realidade e ao pasado deste espazo.
O libro electrónico
Ons unha illa habitada é o título do libro electrónico para iPad que presentaba a delegación galega do Centro Superior de Investigacións Científicas a finais do pasado mes de xuño. Un proxecto multimedia e interdisciplinar que repasa a historia da Illa e presenta os resultados de cinco anos de investigacións. Segundo explica Paula Ballesteros, participante deste proxecto, a iniciativa arrincou "cunha prospección superficial para documentar o patrimonio material da Illa". Así, un completo catálogo de hórreos, vivendas, camiños, igrexas ou fontes supón un dos contidos fundamentais no novo volume. "En paralelo a este catálogo, realizáronse entrevistas a habitantes da Illa, traballadores do parque ou turistas". Destas, no libro recóllense os cuestionarios á xente do lugar "nos que daban información sobre estes elementos, como cando ían a fonte, como se facía a rega ou se había lendas vinculadas a algún xacemento arqueolóxico. Cousas que nos permitisen entender mellor eses elementos do que o rexistro descritivo". No canto de ficar nos elementos máis antigos do pasado da Illa, o proxecto abordou tamén "procesos máis recentes, como a situación na posguerra, o desastre do Prestige, o proceso de abandono da Illa nos anos 60 ou actual proceso de retorno, da man do turismo".
Niveis de lectura
A amplitude do contido non impide, no entanto, que esta sexa unha publicación divulgativa. O formato interactivo escolleito (iBook) permite consultas con diferentes niveis de profundidade ao gusto do usuario. As persoas interesadas en coñecer máis fondo este espazo teñen a opción de consultar os artigos científicos que os investigadores foron publicando en diferentes publicacións especializadas logo do proceso de investigación. "Pódense facer varios tipos de lectura. Desde atopar un xacemento no mapa, a ler a súa descrición e fotografías, ao mellor sons de alguén que fala do lugar ou ler máis texto". Así por exemplo, as liñas temporais sobre a historia e os procesos de ocupación da Illa permiten acceder ata resumos de censos, transcricións destes documentos ou mesmo reproducións dos mesmos. Igualmente "nas análises sobre a propiedade da Illa tentamos amosar os documentos orixinais, transcribilos e describilos de xeito que poidas elixir o nivel no que se quere ficar.Tamén se pode navegar por diferentes datas". A xeografía das illas, o propio proceso de investigación, gravacións de vídeo e audio, transcricións das entrevistas e das anotacións do equipo de investigación sobre os diferentes temas e mesmo os sons da Illa en diferentes momentos fan parte do contido. "Pódese escoitar o ruído dun día de temporal, o da auga mentres Isolina lava a roupa ou a festa que se monta nas noites de verán", explica esta investigadora.
Os procesos
Para alén destes contidos, o volume pretende pór sobre a mesa a importancia da propia evolución do espazo. "A maior singularidade da Illa son os procesos de cambio que continúan en activo, con diferente conflitos e problemas de poboamento. Non é tanto que haxa xacementos arqueolóxicos exemplares, que os hai, como que estamos nun territorio que está a ser continuamente transformado, unha paisaxe viva que non está musealizada. Cando imos ao Parque nacional pensamos que imos atopar unha paisaxe natural, pero queremos amosar que isto que temo diante foi moi modificada polo ser humano ao longo do tempo. De xeito directo ou indirecto vese a pegada da humanidade, non existen paisaxes naturais" aclara Ballesteros. O volume publicado en galego, castelán e inglés está polo momento dispoñible unicamente en iTunes, aínda que se agarda que en breve aparezan versións para dispositivos Android.
O documental
A IX Mostra de Cinema Etnográfico que se celebrou no Museo do Pobo Galego a comezos do pasado mes de xuño serviu de escenario para a estrea do documental Fóra do continente que ten como protagonistas as dúas únicas parellas que habitan durante todo o ano na Illa. A vida cotiá, a visión ante a morte e a soidade, as relacións co "continente", como eles chaman á terra firme retrátanse neste filme. Segundo explica Carlos Martínez-Peñalver, un dos membros do equipo do filme "o proxecto naceu para a carreira de Comunicación Audiovisual que estabamos a estudar na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. No grupo que tiñamos estabamos dous galegos, entres eles o director, Nicolás Martínez Millán, que xa tiña unha idea nese sentido". Segundo explica Martinez-Peñalver, "sabiamos da existencia dos dous matrimonios que están alí ao longo de todo o ano. Os protagonistas son Emilio e Victoria, e logo aparecen tamén Chefa e o seu home. Queriamos documentar as súas vidas cotiás, ver en qué condicións se desenvolven".
A vida na Illa
Logo das entrevistas, o filme acaba amosando, "unha visión da vida bastante particular" por parte dos habitantes. "Quéixanse bastante do continente fronte á Illa, aínda que ao tempo dependen dos recursos que lles chegan nos barcos. Están ata certo punto incomunicados pero viven fundamentalmente do cultivan e do que pescan, son autónomos". Como algo que sorprendeu especialmente ao equipo, Martinez-Peñalver apunta que "vivían sen ataduras, os horarios non importaban e facíanse as cousas cando lles apetecía. Iso contrasta coa vida nas cidades actuais, onde todo é un estrés con datas e horas continuamente. É un tipo da vida que moitas persoas han envexar". Logo da estrea, está previsto que o filme comece a se mover polo circuíto de festivais, non sen antes facer, este mesmo verán, un pase no Morrazo para darlle a coñecer a historia aos veciños máis próximos da Illa.
Fotografías e cancións de antano
Por se fose pouco, o Museo do Pobo acolle ata a fin do mes de agosto a exposición A Illa de Ons. Unha cultura, unha identidade. O proxecto, desenvolvido pola Consellaría do Mar e mais a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial recupera as fotografías que Staffan e Mikael Mörling coa colaboración de Josefa Otero realizaron da vida da Illa entre os anos sesenta e setenta do pasado século durante a súa investigación etnográfica sobre Ons. Este traballo, pioneiro no coñecemento da cultura tradicional mariñeira galega supón un rexistro fundamental sobre a vida na Illa. Na exposición, as imaxes de bailes, festas e traballos encóntranse amosan un espazo cheo de vida que contrasta co baleiro actual que aparece retratado no documental de Martínez Millán. E non é esta a única iniciativa que recupera o traballo que o matrimonio Staffan-Otero desenvolveu desde aquela. O Colectivo Cultural Isleños publicaba hai poucas semanas o libro-disco Deixádeme cantar. Las canciones tradicionales de la isla de Ons no que se recollen as gravacións sonoras daquel traballo de campo canda a transcricións dos temas que se cantaban na Illa daquela. A parella xa publicara o pasado ano, co apoio do Parque Nacional das Illas Atlánticas, Alá, no medio do mar. A Comunidade da Illa de Ons a repasar o xeito de vida tradicional da comunidade.
Desde logo, semella que este é o mellor ano para visitar Ons e coñecela polo miúdo. Os interesados, para alén de toda esta oferta cultural, contan con servizos de transporte marítimo durante os meses de verán desde Bueu, Sanxenxo e Portonovo con diferentes compañías. Tal e como apunta Paula Ballesteros "nestes últimos meses saíron varios produtos sobre a Illa de Ons. Bendita sexa a coincidencia, iso permite que se coñeza o espazo e sensibilizar a xente sobre os procesos culturais que se dan alí, pero que tamén se poden dar noutro lugar".
Ligazóns
- Ons. Unha illa habitada en iTunes
- Entrevista sobre Ons. Unha illa habitada en Galicia Confidencial
- O proxecto Fora do Continente en Verkami
- A exposición sobre Ons no Museo do Pobo Galego
- Josefa Otero e Staffan Mörling falan sobre Deixádeme cantar no Faro de Vigo
- Anterior publiación de Mörling e Otero sobre Ons en Pontevedra Viva