Compostela acollerá a incubadora cultural WOS INC
agosto 1, 2014
Visibilizar novas propostas en diversos ámbitos da cultura coa música como elemento aglutinador. Esta é a base de WOS INC, que se presenca como "a incubadora de ideas galega" e que se celebrará en Compostela entre o 14 e o 16 de setembro. Espazos como o CGAC, a Sala Capitol, a Zona C, a Fundación Autor ou o Teatro Principal participan da iniciativa. O programa do encontro incluirá grupos como Place to Bury Strangers, Ensemble Economique, Red Fang, Spindrift, The Cosmic Dead ou Wooden Wand, canda a aristas multidisciplinares como Miguel Noguera ou Kiko Amatson. Tamén haberá presenza galega con nomes como Guerrera, Unicornibot ou a orquestra Metamovida.
Literatura, creación audiovisual, artes escénicas ou gastronomía son algúns dos ámbitos que se sumarán á música durante o evento que coordina a produtora Work on Sunday e que se celebrará ao abeiro do festival Compostela Rock.