Noticias
Ribeira Sacra e Ribeiro xuntan música e viño
Xénero:
| 5 / 6 / 2017Nun país pequeno pero rico en música e con cinco Denominacións de Orixe Protexidas vitivinícolas non é de estrañar que se sucedan as maridaxes entre a cultura enolóxica e a musical. Tales son dous eventos que veñen de presentarse: o 1º festival internacional de música 17 graos da Ribeira Sacra e o 4º Festival Ribeiro Son do Viño. Dende a Ribeira Sacra veñen de presentar un novo evento que aproveita a potencialidade turística comarcal e da súa D.O.P. para ofrecer durante tres días actividade cultural, gastronómica e de aproveitamento do patrimonio. O 17 Graos RibeiraSacra 1º festival internacional de música que organiza o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacre reunirá durante os días 28, 29 e 30 de xullo un cartel de artistas que xa comezou a coñecerse e que ofrecerá concertos en espazos emblemáticos de Monforte de Lemos e Sober (Lugo) como no Miradoiro de Santiorxo, no Parador de Monforte, no embarcadoiro de Doade ou nas bodegas, entre outros. A falta de máis confirmacións o cartel conta polo de agora cunha ampla representación galega formada por cantantes como Iván Ferreiro e Néstor Pardo, as bandas Novedades Carminha, Os Amigos dos Músicos e Best Boy e o grupo de jazz Sumrrá, aos que se suma o intérprete de zanfoña Germán Díaz, un vallisoletano asentado en Galicia. No programa figuran ademais a cantante andaluza Virginia Maestro, o músico madrileño Ángel Stanich, o cantante e compositor estadounidense Matthew Stephen Ward e as bandas The Magic Numbers, de Inglaterra, e The Wellgreen, de Escocia. O 17º Ribeira Sacra (que fai nese número referencia ao ángulo de pendente a partir do cal se considera de risco a actividade vitícola “heroica” propia desta zona), combina a música con visitas guiadas, roteiros, catas de viño e degustacións de produtos autóctonos.
Espiño e Alejandro Vargas Trío presentan os discos gañados no certame Galicia Creativa
Xénero:
| 5 / 6 / 2017Cun concerto onte nas Matinés do Teatro Principal de Pontevedra a cargo de Espiño comezaba a xira do IIº certame Galicia Creativa da SGAE polo cal o músico compostelán, integrante de bandas como Los Chavales e Mega Purple Sex Toy Kit, resultou gañador na categoría de pop-rock e ven de editar o disco I . O traballo presentouse oficialmente na sede da SGAE en Santiago xunto co de Alejandro Vargas Trío, gañador na categoría de Jazz que editou o disco Diablito baila ao abeiro do mesmo certame. Os dous proxectos musicais saídos do concurso convocado pola Fundación SGAE son agora protagonistas dunha serie de concertos na Coruña, Pontevedra, Santiago, Vigo e Lugo. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colabora de novo con esta iniciativa da Fundación SGAE en Galicia, dirixida á promoción de artistas emerxentes. Espiño defenderá en directo o seu álbum de psicodelia pop no mes de agosto dentro do festival Feito a Man de Santiago. Alejandro Vargas Trío, pianista cubano radicado en Galicia desde 2009, debutará o 30 de xuño na sala Germán Coppini da SGAE en Santiago de Compostela; o 6 de xullo estará no Imaxinasons de Vigo e en novembro chegará ao Festival de Jazz de Lugo. Ambos os artistas pasan a integrar o palmarés deste certame, que na súa primeira edición premiou os artistas Juan Ramos (en rock), Cibrán Seixo (en tradicional-folk) e Álvaro Buxeiro (en jazz), das formacións Prímula, Ramos e Buxeiro Trío, respectivamente.
Def Con Dos e Soziedad Alkohólika para o Castelo Rock de Muros
Xénero:
| 2 / 6 / 2017O festival Castelo Rock que se celebra na Praia do castelo na localidade de Muros celebrará este ano a súa décima terceira edición nos días 4 e 5 de agosto. Desde a Asociación Cultural Recreativa e Deportiva Praia do Castelo, organizadora do evento, veñen de presentar o cartel definitivo coa distribución por días para este ano. Oito grupos de dous Dj´s para ofrecer un festival de sons potentes e reivindicativos da corda do punk rock e cunha importante representación galega. Os organizadores non esquivan a controversia e contarán coas bandas Def Con Dos e Soziedad Alkohólika (S.A.) encabezando o cartel de venres e sábado respectivamente. Xunto a eles o venres estarán os vascos Kaótiko, a banda de hip hop Rebeliom do Inframundo e Archivo Adxunto. O sábado o cartel completarase con Reincidentes, que como S.A. xa participara anteriormente no festival muradán, NAO, e Monoulious Dop. As entradas xa están á venda por 19,50€ máis gastos.
A OSG pecha tempada cun importante incremento de asistencia de público
Xénero:
| 2 / 6 / 2017A Orquestra Sinfónica de Galicia ven de presentar a tempada 17-18 tras rematar a actual cun incremento do 20 por cento en asistencia de público aos seus concertos, cun total de 43.000 espectadores. A OSG e o seu coro arrancarán a vindeira tempada no Auditorio Mar de Vigo coa Sinfonía nº 2, «Resurrección» de Gustav Mahler en colaboración co concello vigués. Ademais dos dous ciclos de concertos abono en A Coruña a OSG ofrecerá catorce concertos en Galicia, con oito deles en Vigo, cinco en Ferrol e un en Santiago de Compostela e viaxará fóra da comunidade para actuar en Madrid, Zaragoza e Alicante. Nesta vindeira temporada da formación sinfónica que xa conta con 25 anos, xunto con algunhas das obras esenciais e icónicas da música del século XX, como A consagración da primavera de Stravinski, Noite transfigurada de Schoenberg, a Música para cordas percusión e celesta de Bartók ou as músicas de K. Penderecki, John Adams, Prokófiev, Shostakóvich, Tippett ou Britten, a OSG estreará en España un total de cinco obras: o Concerto para violonchelo nº 2 de Penderecki, o Concerto para violín de Kaija Saariaho, 4 Iberian Miniatures de Francisco Coll, o Concerto para orquestra de Jennifer Higdon e Drifts de Sebastian Fagerlund, un encargo conxunto da OSG, a Orquestra da Radio Finesa e a Sinfónica de Gotenburgo.
Atrás Tigre salta á escena con Fainos saír
Xénero:
| 30 / 5 / 2017Un ano despois do seu EP de presentación, os composteláns Atrás Tigre presentan o primeiro álbum de longa duración. Fainos saír achega dez temas de pop cheos de guitarras e sintetizadores e letras de lírica coidada. Ademais das composicións propias, o disco adapta textos de Estevo Creus e de Aníbal Núñez, e integra en Este é o rostro tema versos de Olvido García Valdés e de Gonzalo Hermo. Os compoñentes habituais do grupo, Pedro Solla (guitarras, xilófono, claves, voz), Olalla Cociña (teclados, voz), Xiana Arias (baixo, voz) e Lois G. Carlín (batería) incorporaron para as gravacións no Estudio Terraforma do Hío a Ibán Pérez (trompeta) e José Ramón Rocha (cello). O disco, que viu a luz da man de Triunvirato o pasado día 20 logo dunha preestrea en Rockdeluxe está dispoñible en plataformas dixitais e nunha tiraxe limitada de 250 copias en vinilo de 12".
Xardín Desordenado publica en disco as súas versións de Carlos Casares
Xénero:
| 29 / 5 / 2017Poemas musicados e versións cantadas de contos do autor compoñen Casares, o álbum co que Xardín Desordenado lembra o autor homenaxeado o Día das Letras. O disco achega nove temas entre os que se recuperan poemas nunca publicados en libro, e nos que se mesturan sons melódicos, bolero, bossa nova ou blues na liña habitual do grupo. Monólogo, A Galiña Azul, Elegía para Luis Cernuda, Amemos ou Un polbo xigante son algunhas das cancións que se recollen no álbum, que ve a luz da man da discográfica SUL. Santiago Ferragud, Marlene Rodrigues, Isaac Garabatos, David Outumuro, Blas Segura e Lorenzo Boo compoñen este proxecto que chega así ao seu terceiro disco e que está a xirar polo país cunha serie de concertos dedicados a Casares.
Luar na Lubre encabeza o cartel no XVIII Festival Folk de Raíz
Xénero:
| 29 / 5 / 2017A décima oitava edición do festival Folk de Raíz xa ten o cartel da súa proposta musical. O festival que se celebra en Callobre, no Concello da Estrada, o sábado 1 de xullo, contará con catro actuacións musicais ademais da animación e gastronomía, xunto coa zona de acampada. Luar na Lubre, que está este ano celebrando en xira o seu XXX aniversario, será un dos pratos fortes do cartel. Polo escenario do Folk de Raíz en Callobre tamén pasarán Zurrumalla, que leva en activo un ano menos que o propio festival; o grupo de música tradicional Sons da Mina, de Fontao (Vila de Cruces) e a formación propia da Asociación Cultural Retranqueiros, organizadores deste evento de música tradicional e que neste caso actúan como anfitrións. Desde a organización non descartan que haxa máis incorporacións sobre o escenario.
A fórmula da orquestra de verbena chega ao público infantil
Xénero:
| 24 / 5 / 2017Unha formación de músicos recoñecidos que interpretan grandes éxitos de bandas de onte e de hoxe. O formato que estamos habituados a ver nas orquestras de verbena chega agora, por vez primeira, á música infantil galega. A produtora Urdime estrea nas festas da Ascensión de Compostela A Pequena e Grande Orquestra, unha formación que conta con Carliños Freire á batería, Pablo Vidal no Contrabaixo, Javier Costenla no piano, Benxamín Vázquez á guitarra e as voces de Sabela King, Javi Gradín e Nerea Bello. Como repertorio, "as referencias da música infantil mundial de todos os tempos" coa música infantil galega como eixo. Segundo explica a propia produtora, "partiremos do repertorio de música infantil máis tradicional, pasando polos grandes éxitos que acompañaron nos 90 a toda a xeración Xabarín, e continuando o percorrido polos grupos musicais que nos últimos 15 anos teñen agromado no País e que xa neste momento son seguidas por fans miúdos alí por onde pasan".
Os Bolechas presentan un libro-CD-DVD con Monoulious DOP
Xénero:
| 23 / 5 / 2017Un novo conto dos irmáns mais populares do país, un DVD co concerto dos personaxes co grupo Monoulious DOP, un videoclip do primeiro single e un código de descarga das cancións en formato dixital. Estes son os contidos de Chis Pum!, o novo traballo da colección Os Bolechas que mestura literatura, música e audioviual e que ve a luz da man de Bolanda. En total son dez temas que inclúen títulos como Xa están aquí os Bolechas, A cidade máxica, Esta é a nosa casa ou Ghominola. O concerto gravouse no pasado Nadal na Cidade da Cultura e foi emitido pola CRTVG.
Atlantic Fest 2017 xa amosa cartel completo
Xénero:
| 23 / 5 / 2017A pouco máis dun mes para o seu comezo o Atlantic Fest da Illa de Arousa ven de presentar o seu cartel completo. Dez novas confirmacións para os diferentes escenarios do festival, Son Estrella Galicia, Turismo Rías Baixas (Auditorio), D’Tascas Jägermusic, Paco & Lola (Plaza de Abastos) e Zona Gastro presentan xa un line-up completo e distribuído polos tres días do festival entre o 30 de xuño e o 2 de xullo. Esta edición de novo volve ofrecer un diverso listado de bandas e artistaas do panorama "indie" nacional e internacional, do pop a outros máis roqueiros e mesmo a electrónica. A escena galega tamén está representada nesta edición en varios dos escenarios. L.A., Apartamentos Acapulco, Sen Senra, Puma Pumku, Electric Feels, Birds Are Indie, Dois, MounQup, Kings Of The Beach únense agora aos xa confirmados Los Planetas, Lori Meyers, The Temper Trap, Maxïmo Park, Delorean, Anni B Sweet, Joe Crepúsculo, Rosalía & Raül Refree e Os Amigos dos Músicos. Dezaoito actuacións ás que haberá que engadir actuacións sorpresa sen desvelar na Zona Gastro e o programa de actividades náuticas, infantís e o Mercado Galician Tunes que aínda avanzarán máis adiante. A segunda edición do Atlantic Fest segue a liña marcada o pasado ano apostando por un formato diferente de festival que comeza desde a mañá cada día, convertendo toda a illa de Arousa nun recinto e aproveitando para os concertos escenarios naturais e locais da vida cotiá da Illa como as tascas para ofrecer unha experiencia que lembrar e pensada para compartir con amigos ou en familia. As entradas están á venda na páxina web oficial del festival por 48€ máis gastos.