Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Espiño e Alejandro Vargas Trío presentan os discos gañados no certame Galicia Creativa

OS ARTISTAS DEFENDERáN AGORA OS SEUS TRABALLOS NUNHA XIRA COMO PARTE DO PREMIO

Espiño e Alejandro Vargas Trío presentan os discos gañados no certame Galicia Creativa

MISCELáNEA | xuño 5, 2017

imaxe non dispoñible

Cun concerto onte nas Matinés do Teatro Principal de Pontevedra a cargo de Espiño comezaba a xira do IIº certame Galicia Creativa da SGAE polo cal o músico compostelán, integrante de bandas como Los Chavales e Mega Purple Sex Toy Kit, resultou gañador na categoría de pop-rock e ven de editar o disco I . O traballo presentouse oficialmente na sede da SGAE en Santiago xunto co de Alejandro Vargas Trío, gañador na categoría de Jazz que editou o disco Diablito baila ao abeiro do mesmo certame. Os dous proxectos musicais saídos do concurso convocado pola Fundación SGAE son agora protagonistas dunha serie de concertos na Coruña, Pontevedra, Santiago, Vigo e Lugo. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colabora de novo con esta iniciativa da Fundación SGAE en Galicia, dirixida á promoción de artistas emerxentes. Espiño defenderá en directo o seu álbum de psicodelia pop no mes de agosto dentro do festival Feito a Man de Santiago. Alejandro Vargas Trío, pianista cubano radicado en Galicia desde 2009, debutará o 30 de xuño na sala Germán Coppini da SGAE en Santiago de Compostela; o 6 de xullo estará no Imaxinasons de Vigo e en novembro chegará ao Festival de Jazz de Lugo. Ambos os artistas pasan a integrar o palmarés deste certame, que na súa primeira edición premiou os artistas Juan Ramos (en rock), Cibrán Seixo (en tradicional-folk) e Álvaro Buxeiro (en jazz), das formacións Prímula, Ramos e Buxeiro Trío, respectivamente.

Na presentación dos discos e da xira Galicia Creativa, celebrada na sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela, Juan Rivas (presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia) trasladou a satisfacción da entidade polo recoñecemento do certame Galicia Creativa "non só aos músicos emerxentes, senón tamén aos resistentes".Durante a presentación, o director da Agadic, Jacobo Sutil, destacou as especiais características deste concurso, a través do que se busca contribuír a que os artistas gañadores logren facerse un oco no mercado actual. Segundo Jacobo Sutil, agora contan cun medio ideal para conseguir este obxectivo: "Estas gravacións discográficas que hoxe ven a luz son a súa mellor tarxeta de presentación: os sete temas de I, o disco de Espiño, e os nove de Diablito baila, o título escollido por Alejandro Vargas, rexistrados a partir dos masters orixinais, dos que eles son agora os únicos titulares e poden facer valer diante de distribuidoras, discográficas, festivais e programacións musicais galegas e de fóra de Galicia", explicou.