Ribeira Sacra e Ribeiro xuntan música e viño
xuño 5, 2017
Nun país pequeno pero rico en música e con cinco Denominacións de Orixe Protexidas vitivinícolas non é de estrañar que se sucedan as maridaxes entre a cultura enolóxica e a musical. Tales son dous eventos que veñen de presentarse: o 1º festival internacional de música 17 graos da Ribeira Sacra e o 4º Festival Ribeiro Son do Viño. Dende a Ribeira Sacra veñen de presentar un novo evento que aproveita a potencialidade turística comarcal e da súa D.O.P. para ofrecer durante tres días actividade cultural, gastronómica e de aproveitamento do patrimonio. O 17 Graos RibeiraSacra 1º festival internacional de música que organiza o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacre reunirá durante os días 28, 29 e 30 de xullo un cartel de artistas que xa comezou a coñecerse e que ofrecerá concertos en espazos emblemáticos de Monforte de Lemos e Sober (Lugo) como no Miradoiro de Santiorxo, no Parador de Monforte, no embarcadoiro de Doade ou nas bodegas, entre outros. A falta de máis confirmacións o cartel conta polo de agora cunha ampla representación galega formada por cantantes como Iván Ferreiro e Néstor Pardo, as bandas Novedades Carminha, Os Amigos dos Músicos e Best Boy e o grupo de jazz Sumrrá, aos que se suma o intérprete de zanfoña Germán Díaz, un vallisoletano asentado en Galicia. No programa figuran ademais a cantante andaluza Virginia Maestro, o músico madrileño Ángel Stanich, o cantante e compositor estadounidense Matthew Stephen Ward e as bandas The Magic Numbers, de Inglaterra, e The Wellgreen, de Escocia. O 17º Ribeira Sacra (que fai nese número referencia ao ángulo de pendente a partir do cal se considera de risco a actividade vitícola “heroica” propia desta zona), combina a música con visitas guiadas, roteiros, catas de viño e degustacións de produtos autóctonos.
O que non é novo pero volve con forza este ano e xa ten o cartel completo é o Festival organizado arredor da D.O.P. Ribeiro. Esta será a cuarta edición deste festival Ribeiro Son do Viño que reunirá no Náutico de San Vicente do Mar o 15 de xullo ás bandas Malandrómeda, Escuchando Elefantes, De Vacas, Sen Senra e Kings of the Beach como protagonistas musicais. Cada uno deles fará un particular maridaxe das súas cancións cos viños das adegas Alberte, Viña Meín, Viña Costeira, Eduardo Bravo, Villanueva e Son de Arrieiro. No Ribeiro Son de Viño combínase a música en directo con degustacións dos caldos do Ribeiro e o programa tamén inclúe mesas redondas nas que os adegueiros compartiran ese protagonismo cos músicos. Outra das citas indispensables do verán no relativo á simbiose música-viño é o ciclo Os xoves d Martín Códax , con concertos semanais que se celebran en xullo e agosto nas adegas desa marca en Cambados e do que aínda non se coñecen os detalles deste ano.