Ir ao contido directamente.


Noticias

Feito a Man presenta a súa 15ª edición e prepara cambios para 2019

Xénero: Miscelánea | 30 / 7 / 2018

imaxe non dispoñible

En continuidade das festas do Apóstolo a capital galega acollerá durante o mes de agosto, como xa é habitual, o festival Feito a Man. Este evento organizado desde a Asociación Cultural Cidade Vella composta por empresas hosteleiras do casco antigo celebra este ano a súa 15ª edición pasando un "momento crucial" en palabras de Manu Rodríguez, representante da asociación. O programa completo presentouse hoxe cun acto no que ademais dos representantes da A.C. Cidade Vella tomaron parte Martiño Noriega, alcalde da cidade, e Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación provincial. Este ano o festival, que irá desde 1 ao 26 de agosto, ofrecerá sesenta e sete espectáculos nos que 57 bandas ou artistas actuarán en prazas e rúas da cidade vella levando todo tipo de músicas de diferentes xéneros ao verán santiagués. Como ven sendo habitual o groso do festival recae nos concertos de pequeno formato realizados nas terrazas dos establecementos organizadores, mais tamén haberá lugar para noites con artistas de maior formato. A escena musical local estará moi rpesente un ano máis neste programa con nomes como Som do Galpóm, The Show Bass, Talabarte, Nastasia Zürcher, Mad Martin Trío ou The Fabulous Resaca Brothers, entre outros. Haberá tamén momentos para as propostas da escena internacional como Napalma (Brasil), Senza, María Reis (Portugal), Pedro Luis Ferrer & Lena Ferrer (Cuba) e Harmónica Creams (Xapón). O evento suma algúns espazos novo como o Xardín de Amarante ou a Rúa Nova aos xa habituais. O quinteto flamenco de Moisés Fernández inaugurá o ciclo este mércores ás 20 horas na Praza Feixóo seguido do concerto de Zafra e Napalma na Praza de Cervantes. Está dispoñible unha aplicación para teléfonos que posibilita a información do programa.

Martiño Noriega defende o método de invitacións dos concertos gratuítos

Xénero: Rock | 27 / 7 / 2018

imaxe non dispoñible

Na rolda de prensa na que se presentaba o vindeiro concerto do grupo de power metal Helloween no Multiúsos do Sar o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, defendeu o sistema de concertos de balde con retirada física de invitación previamente para as festas do Apóstolo da capital galega. O método, que non favorece ao público de fóra da cidade para achegarse aos espectáculos de Rubén Blades e Rosalía este ano, causou algún que outro problema con grandes colas no primeiro día de dispoñibilidade das invitacións e motivou tamén a cancelacións de viaxes concertadas como o autobús que a sala coruñesa Mardi Gras tiña contratada para asistir ao espectáculo de Blades. "Todo o gratuíto ten un custe. A fórmula perfecta non existe", aseguraba o alcalde que vencellou a elección deste método ao criterio no que prima a seguridade na Praza da Quintana e ao carácter de excepcional gratuidade destes dous concertos. "Se facemos un cálculo previo de acceso á praza e nos atopamos cunha gran aglomeración ou un problema de seguridade no acceso á praza estaríamos falando doutro tipo de cuestión e eu teño claro que prefiro unas molestias ou unha cola que un problema de seguridade nunha praza de 5000 persoas", sentenciou o alcalde compostelán. "A ninguén se lle escapa que iso limita bastante o acceso á xente que non é da cidade, do contorno ou da comarca", recoñeceu Noriega que tamén quixo establecer unha diferencia entre as festas da cidade e outros eventos á hora de optar polo acceso de balde que condicionaba a imposibilidade de usar a plataforma de despacho virtual habitual do Concello ao ir o custo desta a porcentaxe do custe da entrada. "É certo que podía ao mellor terse explorado algunhas outras vías de cara a outro tipo de plataformas a través da promotora pero son cuestións a abordar no futuro", comentou. "Valoráronse outras opcións no seu momento,- dixo o alcalde- como foi poñer entrada para os concertos e iso houbera implicado a posibilidade de subilo a ATaquilla, pero desbotouse porque é certo que durante toda a lexislatura diferenciouse o espazo das festas doutros espazos e seguiuse apostando polo feito da gratuidade como método de garantir a accesibilidade da xente da cidade a eventos punteiros culturais".

O Caudal Fest de Lugo engádese ao circuito de festivais musicais

Xénero: Miscelánea | 20 / 7 / 2018

imaxe non dispoñible

Un novo festival pechará a estación estival galega nas beiras do Miño, en Lugo. O Caudal fest, que se celebrará os días 21 e 22 de setembro na cidade das murallas, ven engadirse ao catálogo de este eventos cunha oferta na que xe confirmou para a súa segunda xornada parte do cartel, que está polo de agora encabezado por Vetusta Morla. No xardín do pazo de Feiras e Congresos de Lugo, ás beiras do río, estarán tamén Iván Ferreiro, la Mala Rodríguez, Novedades Carminha, Depedro e Andrés Suárez. Faltan artistas pro confirmar para esa data así como para o venres 21, que celebrará as actuacións na Praza de Santas María con carácter aberto e de balde. Non así a xornada do sábado para a que o vindeiro día 24 de xullo sairán a venda as 1.000 primeiras entradas a un prezo promocional de 25 euros. O Caudal fest chega para complementar a oferta cultural da cidade e engadir o nome de Lugo ao circuíto deste tipo de eventos que actualmente fan mover milleiros de persoas por todo o país.

O segundo semestre da rede de música ao vivo ofrecerá 136 concertos

Xénero: Miscelánea | 20 / 7 / 2018

imaxe non dispoñible

A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) inicia hoxe a súa nova programación para o segundo semestre do ano con dous concertos de verán, que terán lugar na sala A Ventana de Laxe, onde actuará o grupo feminino Ejazz ás 23,30 h., e no Náutico do Grove, no que soará o rock hispano dos anos 60 a cargo de Los Mecánicos a partir da medianoite. Este circuíto promovido pola Xunta de Galicia desenvolverá ata finais de decembro 136 novos concertos a cargo de 41 formacións musicais de todos os estilos. A cifra de recitais súmase aos 145 xa realizados antes de xullo, polo que cando remate o ano terase ofrecido un total 281 citas coa música en directo nas 23 salas de 14 localidades que conforman a RGMV á que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) achega 185.000 euros, o que supón o 85% do seu orzamento total e un 105% máis que en 2017. As salas que acollen estás actuacións posúen diferentes tipos de licenzas municipais, non todas elas coinciden coa de sala habilitada para concertos segundo o actual Catálogo de espectáculos públicos e de actividades recreativas e de lecer da Xunta de Galicia o que pode dar lugar a conflitos ante a recente entrada en vigor da nova Lei de Espectáculos de Galicia. Entidades de representación dos músicos e concellos xa pediron ao goberno autonómico a actualización urxente deste catálogo para evitar eses problemas.

No ventre da besta

Xénero: Rock | 19 / 7 / 2018

imaxe non dispoñible

Hai moitos detalles que fan de Resurrection Fest un festival pintoresco. Este ano, ao achegarse calquera que pasease pola Travesía da Mariña ao centro da vila, a música que escoitaba era merengue, cumbia e bachata. Ritmos moi do gusto dos afeccionados ás verbenas que son tan populares nos veráns galegos. E é que o festival é algo tan normalizado en Viveiro que ademais da convivencia dos veciños con rapaces coa cara pintada, tatuaxes tétricas, cadeas e cadeados colgando do pescozo e peiteados extravagantes, como se fose parte da paisaxe máis cotiá dunha vila galega de 15.000 habitantes, o verán transcorre tamén cunha verbena popular, por moito Resu que se celebre.

A programación lírica da Coruña celebrará os 250 anos de ópera na cidade

Xénero: Clásica/Lírica | 18 / 7 / 2018

imaxe non dispoñible

A programación lírica d’A Coruña, que se celebrará entre setembro e novembro servirá para conmemorar os 250 anos da fundación do primeiro teatro de ópera na cidade e o 65 aniversario da creación do Festival de Ópera de A Coruña. A asociación de Amigos de la Ópera celebrará estas efemérides coa programación, por vez primeira na cidade, da ópera Il Pirata de Bellini , unha produción propia que contará coa soprano Saioa Hernández para “rescatar” este título como no seu momento fixera Maria Callas,. Tamén está previsto o Serse de Händel en versión de concerto con Il Pommo D’Oro e o recoñecido contratenor Franco Fagioli. Ademais a soprano Angela Meade, ofrecerá o seu primeiro concerto con orquestra en España, cunha selección do seu repertorio para as vindeiras temporadas e estrearase o primeiro espectáculo sobre a historia musical da cidade, Setaro, el constructor de utopías, que viaxará a Portugal coa Orquestra Barroca de Mateus.A mezzo canadiana Vivica Genaux e o barítono coruñés Borja Quiza serán os protagonistas e o director Mario Pontiggia asinará a posta en escena. Esta obra lembrará ao cantante e emprendedor italiano Nocila Setaro que no ano 1768, obtivo a primeira licenza municipal na Coruña para a actividade dun teatro que se considera a orixe da actividade musical da cidade.

O CourelSon leva o blues e o jazz á serra

Xénero: Jazz/Blues | 17 / 7 / 2018

imaxe non dispoñible

Catro localidades do Courel acollerán unha serie de concertos de Jazz e Blues no que será a primeira edición do CourelSon. Catro concertos ao longo do verán dirixidos tanto á veciñanza coma ó turismo impulsados pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel. Os concertos, de balde, reúnen a catro propostas musicais dentro destes xéneros e terán lugar á tardiña nas Airas e prazas das distintas localidades caurelás o que permitirá gozar, non só da música senón tamén da contorna. Esta primeira edición do CourelSon comezará o vindeiro 26 de Xullo en Seoane do courel coa actuación da banda madrileña de blues Edu Manazas & Whiskey Tren. O 2 de Agosto, en Seceda*, será o momento do dúo belga Tiny Legs Tim. O cuarteto vigués de jazz FoureJazz estarán no serán do 9 de agosto e Parada de Courel e o ciclo terminará por todo o alto coa actuación de Sumrrá en Paderne o 23 de agosto. * Por cambios de derradeira hora desenvolveráse en FROXÁN a partires das 20:00h.

Peche de carteis nos festivais Revenidas e Noroeste para agosto

Xénero: Miscelánea | 16 / 7 / 2018

imaxe non dispoñible

O festival Revenidas que celebrará a súa 15º edición do 17 ao 19 de agosto, pecha o seu cartel sumando a tres novas bandas, que acompañarán ás xa anunciadas Soziedad Alkoholika, The Real MCKenzies, Balkan Bomba, Ezetaerre, Cuarta Xusta, Glaukoma, NH3, Zoo, Steve 'n' Seagulls, Banda Xangai, Russkaja, The Dawlins, High Paw, Joan Garriga, Keltoi, Xavi Sarrià, Ayax y Prok e Auxili. Deste xeito incorpóranse á festa que a organización ten preparada para o Festival das Linguas a cumbia combativa de Tremenda Jauría, a mestizaxe mediterránea de El Diluvi e a música comprometida e enérxica de Dakidarría. A organización, que non descarta algunha “incorporación sorpesa” durante as próximas semanas, está actualmente artellando unha programación cun potente contido cultural galego que abrangue diversas disciplinas, e sempre vencellado ás tradicións. Ademais, o Revenidas aposta por unha combinación de espazos de balde para o lecer de familias e de todos os públicos.

Charo Pita convídanos a pasear No país do vento

Xénero: Infantil | 16 / 7 / 2018

No-pais-do-vento_charo_pita_capa.jpg

Logo de se estrear con Xoán Curial en Estamos no verán!!, Charo Pita inicia a súa carreira en solitario no campo da música para as crianzas. No país do vento, publicado por Galaxia na editorial Sonárbore achega unha serie de personaxes e de obxectos con cadansúa historia. A científica incorrixible, O pato Simón, As campás ou A familia papaventos danse cita nun libro-CD que conta con ilustracións de Óscar Villán. O proxecto, cun total de trece temas, conta ademais con material extra dispoñible no web de Galaxia.

Tui e Valença homenaxean as mulleres na nova edición do Ikfem

Xénero: Miscelánea | 13 / 7 / 2018

imaxe non dispoñible

Women Sound é o lema co que Tui e Valença celebran entre o 20 e o 24 de xullo vindeiros a nova edición do IKFEM. O International Keyboard Festival & Masterclass celebra un ano máis os instrumentos de teclado a homenaxear as mulleres e cunha atención especial ás persoas afectadas pola explosión de material pirotécnico en Paramos, para quen se recollerán doazóns. Júlio Resende, Najla Shami, António Oliveira, Maria Ana Bobone, Fernando Miguel Jalôto, Rosa Torres-Pardo, Rocío Márquez, Clara Muñiz e, cun recital de pianos a catro mans, Andrea González e Daniel Pereira conforman o programa do evento.

<< Inicio / Anterior . 1051 a 1060 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR