Noticias
Comeza o ciclo sobre os 250 anos de ópera na Coruña cunha conferencia de Juan Durán
Xénero:
| 31 / 8 / 2018Hoxe as 20 horas na sede de Afundación comezarán os actos paralelos do ciclo 250 anos de ópera na Coruña organizado pola Asociación de amigos de la Ópera da cidade herculina. E que se abrirá coa conferencia do compositor Juan Durán «Ópera galega, dez anos de O Arame», na que rememorará a estrea desa ópera en 2008 da que se fai o décimo aniversario e da que Juan Durán fixo a composición musical e o dramaturgo Manuel Lourenzo, o libreto. Durán falará sobre a obra, que non volveu ser representada, antes da súa proxección en audiovisual. Este ciclo continuará con outras dúas conferencias, a seguinte o 4 outubro a cargo do crítico Julio Andrade Malde na que se tratará «O 65 aniversario do Festival de Ópera da Coruña», e o 3 novembro Alejandro martínez falará de «Miguel Fleta, o tenor do século XX».
Caudal Fest de Lugo pecha o cartel da súa primeira edición
Xénero:
| 31 / 8 / 2018O Caudal Fest de Lugo ven de pechar o seu cartel coas incorporacións par ao venres 21, de acceso aberto de balde. O novo festival lugués que fai a súa primeira edición contará na súa primeira xornada con Rulo y La Contrabanda e Viva Suecia como cabezas dio cartel no que tamén se confirman para o mesmo día as actuacións de Joe Crepúsculo e Igloo así como Andrés Suárez en acústico. Debido a alta afluencia de xente que se agarda acuda ao festival os organizadores decidiron pasar os concertos de balde tamén ao recinto do xardín do pazo de Feiras e Congreso en troques da Praza de Santa María onde se pensaba inicialmente. Ademais acondicionarase unha zona de descanso para acampada nas inmediacións do festival ante o cheo que se comprobou que se estaba a dar na hostalería lucense para os días do evento. O festival vendeu máis de 8.000 entradas para a súa xornada principal o sábado cuxo cartel xa se desvelou ao principio e que conta con Vetusta Morla, Iván Ferreiro, Mala Rodríguez Novedades Carminha e Triángulo de amor bizarro, entre outros.
WOS Festival engade oito artistas para a súa quinta edición
Xénero:
| 29 / 8 / 2018O WOS festival de Santiago, a cita urbana coa música alternativa, ven de confirmar oito novos nomes ao seu cartel para esta quinta edición que dará comezo o vindeiro día 12 de setembro. Paul Jebanasam & Tarik Barri, Group A, The Bug ft. Miss Red e Gábor Lázár son algúns dos nomes confirmados nesta tanda e cos que o cartel do WOS Festival x SON Estrella Galicia chega xa aos 24 artistas, e non se descartan novas incorporacións nos vindeiros días. O festival contará tamén coa performance sonora 100 Keyboards, creada polo artista Asuna Arashi, talento da arte sonora e a vangarda xaponesas; a chelista Lucy Railton; o proxecto da artista de descendencia grega Christina Vantzou e o norteamericano John Also Bennett, CV & JAB; e para rematar a novísima RRUCCULLA. Os oito nomes sumados seguen demostrando a firme vontade do evento de presentar en Santiago de Compostela e en Galicia formas artísticas ao redor da música electrónica e a exploración avaladas polo rotundo recoñecemento de público e prensa fóra das nosas fronteiras. Con este novo anuncio, o festival deixa practicamente pechado o seu cartel de concertos e nos próximos días publicará os programas de cinema e encontros.
2019 será 'O ano de Galicia' no Festival Intercéltico de Lorient
Xénero:
| 9 / 8 / 2018Galicia será a nación convidada de honra á vindeira edición do Festival Intercéltico de Lorient o que suporá un protagonismo especial para a nosa comunidade nesta histórico encontro da cultura celta. Así o confirmou hoxe a propia organización do evento, que presentou nunha conferencia de prensa o cartel promocional da cita para o 2019, no que se fai referencia á 49ª edición como “O ano de Galicia”. A pasada semana o director da Agadic, Jacobo Sutil, desprazouse a Lorient para avanzar xunto coa organización do festival nesta posibilidade, que supón o máximo protagonismo para a nosa comunidade neste histórico encontro da cultura celta, así como unha importante visibilidade para a delegación galega que viaxe ao festival. Con 48 anos de historia, o Festival Intercéltico de Lorient reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales (país convidado este ano), Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes na localidade. A 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient celebrarase na localidade bretoa entre o 2 e o 11 de agosto de 2019.
O festival Sinsal deixa medio millón de impacto económico
Xénero:
| 7 / 8 / 2018Asistencia maioritaria de público feminino de 25 a 34 anos e preto de 525.000 euros de impacto económico na comarca e unha valoración xeral de 8,6 sobre 10 por parte do público son algúns dos datos máis salientables do informe de avaliación de impacto da recente oitava edición do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que tivo lugar do 26 ao 29 de xullo na Illa de San Simón (Redondela). Onte presentouse o informe de avaliación do seu impacto, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Axencia Galegas das Industrias Culturais como parte das accións de FEST Galicia. Un equipo de traballo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), encargouse da elaboración deste estudo da repercusión económica, social e mediática dentro das iniciativas desenvolvidas ao abeiro da marca FEST Galicia.
Só os vigueses poderán obter entradas na zona baixa dos concertos de Castrelos
Xénero:
| 3 / 8 / 2018O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ven de manifestar a súa intención de cambiar os sistemas de acceso aos espectáculos programados polo Concello en Castrelos para que só os cidadáns vigueses poidan entrar na zona baixa fronte ao escenario. O xornal Atlántico Diario así o recolle facéndose eco dunha declaracións do alcalde en Radio Vigo. Segundo estas declaración Caballero asegurou que o actual sistema de compra anticipada a través de Internet para ese espazo desaparecerá xa que "hai xente que está traballando e non pode conectarse ás nove da mañá", dixo o rexedor ante situación como esgotamento nunha hora das entradas para ver a Maná e OT desde ese espazo pagando a entrada simbólica de 5 euros. O vindeiro método a utilizar para restrinxir ese espazo aos votantes locais requirirá dunha inscrición previa para que, segundo o alcalde nas declaracións mencionadas "Haberá dous ou tres días para reservar as entradas nun proceso restrinxido ás persoas de Vigo", para despois efectuar un sorteo entre todas as solicitudes e asignar as entradas. Caballero non detallou o método a utilizar para controlar o empadroamento no proceso de reserva. O resto do parque de Castrelos estará aberto para os foráneos da cidade con acceso de balde polo de agora. Esta situación súmase á polémica das invitacións para os concertos de Rubén Blades e Rosalía en Compostela durante as festas do Apóstolo que debían ser retiradas de dúas en dúas de xeito presencial, método defendido polo alcalade santiagués por criterios de seguridade no recinto.
A Xunta regula a composición e funcionamento da Comisión de Espectáculos Públicos
Xénero:
| 3 / 8 / 2018O primeiro Consello da Xunta celebrado neste mes de agosto aprobou o proxecto de decreto que regula a comisión de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia contemplada na recente e polémica Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. A comisión terá entre outras funcións a de resolver as interpretacións da lei cando existan dúbidas ou controversias na súa aplicación por parte dos concellos.
A primeira parte do festival 17 graos Ribeira Sacra deixa un impacto de 250.000 euros
Xénero:
| 2 / 8 / 2018O pasado domingo, día 29, concluía a primeira parte do Festival 17º Ribeira Sacra, nomeada 17º Paisaxe, que segundo os datos achegados desde a organización deixou tras de si un resultado moi positivo cuantificado este balance a través de varias cifras. Algunhas delas inclúen 4.000 visitantes, ocupacións hoteleiras do 100% nos concellos nos que tiveron lugar os eventos principais; desde a empresa i-radia Crea calculan un impacto económico de 250.000 euros, un gasto medio por participante de 180 euros e a creación de 70 empregos, 30 dos cales correspondían a residentes na Ribeira Sacra. Esta cifras achegadas desde a empresa organizadora complétanse cos da distribución da orixe dos asistentes que implican que o evento conseguiu atraer ao 16% do seu público de fóra de Galicia e entre a asistencia galega o 30% chegaban da provincia de Lugo, 24% de Coruña, 24% de Pontevedra e o 6% de Ourense. Para o 80% esta era a primeira vez que viaxaban á Ribeira Sacra e todo o público afirmaba a súa intención de volver á zona noutros momentos do ano.
Uxía, Romaní e Lorenzo encabezan a galeguidade musical do Interceltique de Lorient
Xénero:
| 1 / 8 / 2018O festival folk máis importante do mundo, o Interceltique da vila frnacesa de Lorient na Bretaña, comezará este vindeiro día 3 de agosto cunha importante presenza de artistas de Galicia encabezada por Uxía, Rodrigo Romaní e Anxo Lorenzo. Con 48 anos de existencia o festival bretón congrega durante os seus dez días a máis de 4.500 artistas, chegando a haber 120.000 espectadores de pago e 750.000 visitantes, o que dá a medida da súa importancia no mundo da música de raíz. Nesta edición dedicada ao País de Gales, a presenza galega é numerosa e destacada, chegando a todos os escenarios do festival con arredor de 130 músicos e bailadores en total, co que acada un dos seus grandes anos na vila bretoa.
O Festival Groba acollerá a estrea mundial da obra ‘Rosalía na Catedral’
Xénero:
| 31 / 7 / 2018O Festival Groba regresa cun programa que se desenvolverá do 18 ao 24 de agosto en Ponteareas. A sexta edición desta iniciativa promovida pola Orquestra de Cámara Galega incorpora como principal novidade o protagonismo do son do vento-metal e do da voz coral. O vento-metal terá como máximo representante o instrumentista Pacho Flores, artista de Deutsche Grammophon, considerado como unha verdadeira referencia mundial no eido da trompeta, e a Hércules Brass. O quinteto galego será o encargado de estrear a obra Distorsións ubedianas, do mestre Groba, dedicada á creación do pintor pontevedrés Rafael Úbeda. Como en pasadas edicións, o festival programará concertos diarios ás 21:00 horas no auditorio municipal, nos que participarán grandes intérpretes cunha longa e importante traxectoria internacional, así como con outros que inician unha prometedora carreira na escena musical. O cartel inclúe tamén o Coro de Cámara de Pamplona, que interpretará, xunto á OCG, a emblemática cantata Cantigas de mar, con textos de Filgueira Valverde, e realizará a estrea mundial dunha das últimas obras compostas polo mestre Groba, Rosalía na catedral. Ademais das obras de Rogelio Groba, formarán parte dos repertorios dos concertos de cada noite compositores como J. Neruda, C. Saint-Saëns, G. Faure, Mozart, E. Granados, Mendelsson, J. Turina, Beethoven etc.