Noticias
Resurrection Fest coloca 9.000 abonos para 2019 nunha hora e media
Xénero:
| 18 / 9 / 2018A capacidade de convocatoria do Resurrection Fest de Viveiro, a cita co rock duro máis multitudinaria do país, segue a sorprendernos ano tras ano. Onte ás 11 da mañá puxéronse á venda os primeiros abonos para a 14ª edición que se celebrará entre o 3 e o 6 de xullo do 2019 e milleiros de persoas lanzáronse xa facerse con elas aos prezos promocionais de saída. En apenas unha hora e media vendéronse máis de 9.000 abonos, 4.500 deles a un prezo inicial de 95 euros e outros tantos a 105 euros. En total case un millón de euros facturados pola organización no que é un importante apoio de confianza á marca Resurrection Fest, toda vez que do cartel artístico apenas se coñecen a día de hoxe cinco nomes do cento que cada ano ofrece o festival lugués. Ante este éxito, un fito na historia do evento, a organización decidiu manter a terceira e actual oferta de abonos, inicialmente 3.000 a prezo de 105 euros, ata o seguinte anuncio de bandas.
Anxo Lorenzo mantén a súa aposta pola fusión acústico-electrónica con 'Vortex'
Xénero:
| 17 / 9 / 2018O gaiteiro moañés Anxo Lorenzo ven de presentar esta fin de semana o seu novo traballo discográfico, Vortex, o terceiro en solitario da súa carreira tras deixar a formación viguesa Spiritu 986. O pasado día 15 o Círculo de Arte de Toledo acolleu a primicia de presentación en directo deste disco e onte domingo o moañés levou a súa nova proposta á sala Galileo Galilei de Madrid. Este vindeiro venres poderemos escoitalo xa en Galicia, nunha actuación no teatro Rosalía da Coruña e o vindeiro 29 de setembro estará actuando ante a comunidade exterior, no Centro Galego de Bruxelas.
Fin de verán de festivais co Festival do leite e Rock is Dead
Xénero:
| 14 / 9 / 2018Nos últimos estertores do verán aínda quedan citas musicais multitudinarias ás que asistir. Esta fin de semana, ademais do WOS Festival que xa leva desde mércores, dan comezo dúas que teñen como común denominador a gratuidade na asistencia. A Ílla das Esculturas de Pontevedra acolle mañá o Festival do Leite, un evento patrocinado pola empresa Deleite, no que toda a oferta musical é de bandas e artistas galegos. No seu cartel con dous escenarios e que cun programa que comeza desde o mediodía, están presentes Ses, Triángulo de Amor Bizarro, The Soul Jacket, Devacas, Gramola Gominola, Bifannah ou Disco las Palmeras!, entre outros. En Compostela o parque de Belvís acollerá tamén este sábado, unha nova edición da “romaría rock” Rock is dead Fest. Igualmente con entrada de balde este evento centrado en diversas variedades do rock and roll, ofrece entre outras as actuacións de Mad Martin Trío, Mojo experience, Riff Raff, Bonobo e outras tres formacións de diferentes cortes.
Unha homenaxe a Aretha Franklin pechará en Nadal o 8º Outono Códax Festival
Xénero:
| 14 / 9 / 2018Hoxe presentouse a oitava edición do Outono Códax Festival de Santiago, unha cita musical que seguie a crecer cada ano e que goza dunha saúde de ferro a xulgar polo feito de que os seus organizadores xa están a pensar na décima edición e que o seu principal patrocinador, Martín Códax, xa aposta por chegar moito máis alá. Así se desprendía das comparecencias hoxe de uns e outros co gallo da presentación na que estaban María Garrido (Bodegas Martín Códax); Fran Villasenín, Martín Calviño e Javier Freire (organización do festival). O vindeiro 19 de outubro abrirase esta quenda da cita outonas co blues, o soul e o Rhythm & Blues, que se prolongará, en datas salteadas ata o 27 de decembro, xa en inverno. Un ano máis co apoio de varios patrocinios privados como as Bodegas Martín Códax e Pousadas de Compostela, o festival ofrece concertos de pago e outros de balde nos que xunta figuras e grupos que están a despuntar no panorama internacional con outro xa consolidados como referencias.
Susana Seivane explora a maternidade en FA
Xénero:
| 14 / 9 / 2018Logo da preestrea que celebrou o pasado mes de febreiro cun recital da Coruña, hoxe sae á venda FA, o novo álbum de Susana Seivane logo de oito anos de silencio discográfico. A gaiteira achega doce composicións que presenta como "unha profunda introspección no eido da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal". De feito o nome do disco xorde das iniciais dos seus fillos, Fiz e Antón. Segundo adianta a discográfica, "sen perder a súa esencia definitoria, Susana explora novos ritmos imprimindo modernidade na tradición". Papá Pum Pum, "un canto á alegría vital e á supremacía dos pequenos momentos" é o tema de presentación gravado, como o resto do álbum, nos estudios Nakra. Durmíndote, O primeiro baile ou A nana dos bicos son outros dos títulos que xa están dispoñibles en tendas e plataformas dixitais.
Heredeiros da Crus entran nas librarías
Xénero:
| 13 / 9 / 2018Non todos os días pasa que a historia da música actual do país pasa a formar parte tamén do corpus literario da nosa cultura. Desde hoxe está nas tendas o libro Heredeiros da Crus. Cuadrilla de Pepa a Loba (Eds. Xerais) que recolle a historia dos primeiros 25 anos de vida desta formación, incluídos os oito anos que se contaron entre a súa separación e volta a actividade en 2012. Este libro asinado polo xornalista Antonio Díaz Ageitos é a crónica de como o soño entolecido dun mariñeiro do Barbanza unha noite de marea rematou converténdose nun capítulo fundamental da historia do rock feito en Galicia. A obra conta unha viaxe que empeza a bordo dun pequeno pesqueiro de Riveira, pasa por un galiñeiro e remata compartida en escenarios por milleiros de persoas. O episodio da reunión do grupo en Ordes en 2012 e a súa agardada e emocionante volta aos escenarios case por petición popular serve de porta de entrada e presentación ao libro. "Os máis jrandes" (sobrenome autoproclamado da banda barbanzá ) seguen en activo cunha axenda repleta de concertos e celebraron o pasado ano, 2017 o 25 aniversario cunha xira peninsular e está pendente este ano saída dun novo disco, en formato vinilo, que fará a undécima obra editada polos Heredeiros desde aquel A cuadrilla de Pepa a Loba que tamén dá nome a este libro . Ao mercar o libro poderá obterse unha entrada para a "festa de presentasión" que terá lugar o vindeiro sábado 22 de setembro na Sala Sónar de Santiago.
Sumrrá dedica o seu sexto traballo a '6 mulleres'
Xénero:
| 12 / 9 / 2018A inauguración hoxe do WOS Festival de Santiago acolle o concerto de presentación do novo disco da formación de jazz Sumrrá. Co seu sexto álbum SUMRRÁ 6 MULLERES (Clermont Music, 2018), o trío rende tributo a 6 mulleres poderosas que foron e aínda son fonte de inspiración na loita por un futuro mellor para toda a humanidade. Frida Kahlo e Rosa Parks de America, Rosalía de Castro de Galicia, Qiu Jin de China, Malala Yousafzai de Pakistán, e Nawal El-Saadawi de Exipto. A cada unha delas dedica un tema titulado co propio nome o trío integrado por Xacobe Martínez Antelo, Manuel Gutiérrez e L.A.R. Legido. Editado polo selo neoiorquino Clermont Music, gravado por primeira vez en estudio, e cun corte manifestamente feminista, o disco conta cun deseño de portada e de interior do álbum para o CD realizado pola artista María Meijide e para a actuación de hoxe de posta en escena do traballo contarán coa colaboración da artista visual Laura Iturralde. O disco xa está dispoñible en plataformas dixitais. O cocerto terá lugar hoxe ás 21 horas no Teatro Principal de Santiago.
Galicia será a protagonista dun espazo de promocións no Celtic Connections
Xénero:
| 7 / 9 / 2018Galicia será o territorio convidado do programa Showcase Scotland 2019, que se desenvolverá ao abeiro da 26ª edición do Celtic Connections de Glasgow (Escocia), un dos festivais musicais de inverno máis relevantes do panorama internacional e o máis destacado no ámbito dos sons celtas. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora como socia nesta iniciativa para garantir a actuación de seis grupos ou solistas galegos como parte desta programación con carácter de actuacións de demostración, que terá lugar do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro e estará aberta tanto ao público xeral como aos delegados internacionais acreditados. Este anuncio ven sumarse, no contexto da proxección internacional da música galega de raíz, ao Ano de Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa o que fai agardar unha importante presenza dos artistas galegos nos máis importantes citas deste xénero musical no 2019.
Clubtura establece un procedemento común para o acceso dos menores a salas de concertos
Xénero:
| 7 / 9 / 2018A Asociación Galega de salas privadas de música ao vivo, Clubtura, co apoio da Asociación Músicas ao Vivo e do colectivo Queremos Entrar, fixo público un comunicado sobre a situación de acceso dos menores aos concertos en locais pechados. O asunto é unha das teimas da asociación que agora se pronuncian respecto os procedementos que pensan seguir todas as salas integrantes para permitir ese acceso nunhas condicións que consideran axeitadas legalmente ante "a difusa e profusa normativa galega" sobre este acceso dos menores de idade aos eventos. As salas que conforman a asociación permitiran o acceso de menores de idade aos concertos que organicen se veñen acompañados polos seus pai, nai, titor legal ou persoas maiores de idade nas que estas fagan unha delegación dun xeito que faga fe na porta do local. O procedemento a seguir comprende a entrega na porta dos locais dunha autorización para o acceso na que se fan responsables deles no interior do recinto. A asociación agarda que nun futuro próximo evolucione a normativa e aqueles menores de entre 16 e 18 anos poidan asistir sen adultos, como xa ocorre noutras comunidades, e sendo debidamente identificados como menores de cara a evitar que se lle venda alcohol, que é o que motiva principalmente estas restricións, que non se dan noutros establecementos de hostalería comúns.
WOS Festival presenta unha edición de cambio de publico
Xénero:
| 3 / 9 / 2018A poucos días de comezar e co cartel practicamente pechado Iván Arias presentou hoxe o programa da Vª Edición do WOS Festival recoñecendo que este ano o evento busca renovar o seu público e aposta por un cambio diferenciador na súa traxectoria a través do seu deseño artístico nese sentido, malia que signifique renunciar a parte da súa anterior masa de asistentes. O director do WOS Festival apoiou así a proposta consciente deste ano na que non hai cabida para músicas do rock ou do punk e se reforza substancialmente toda a oferta de música electrónica e de vangarda na busca dun "nicho de público" que representa unha oportunidade diferenciadora na oferta peninsular de festivais. Cun orzamento de entre 110 e 120 mil euros está apoiado por varias institucións públicas presentes no acto (Concello de Santiago, Deputación da Coruña, AGADIC e Cidade da Cultura) e empresas privadas como Estrella Galicia.