Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Fin de verán de festivais co Festival do leite e Rock is Dead

A CANDELORIA ANUNCIA EDICIóN DE PECHE E O RESURRECTION FEST AVANZA CATRO CONCERTOS EXCLUSIVOS ANTES DE LANZAR OS ABONOS

Fin de verán de festivais co Festival do leite e Rock is Dead

MISCELáNEA | setembro 14, 2018

imaxe non dispoñible

Nos últimos estertores do verán aínda quedan citas musicais multitudinarias ás que asistir. Esta fin de semana, ademais do WOS Festival que xa leva desde mércores, dan comezo dúas que teñen como común denominador a gratuidade na asistencia. A Ílla das Esculturas de Pontevedra acolle mañá o Festival do Leite, un evento patrocinado pola empresa Deleite, no que toda a oferta musical é de bandas e artistas galegos. No seu cartel con dous escenarios e que cun programa que comeza desde o mediodía, están presentes Ses, Triángulo de Amor Bizarro, The Soul Jacket, Devacas, Gramola Gominola, Bifannah ou Disco las Palmeras!, entre outros. En Compostela o parque de Belvís acollerá tamén este sábado, unha nova edición da “romaría rock” Rock is dead Fest. Igualmente con entrada de balde este evento centrado en diversas variedades do rock and roll, ofrece entre outras as actuacións de Mad Martin Trío, Mojo experience, Riff Raff, Bonobo e outras tres formacións de diferentes cortes.

E sobre o rock na súa variedade máis dura traemos esta semana novas relativas a unha das citas máis importantes de todo o Estado: o Resurrection fest. O que será o Capítulo 14 deste enorme evento e que terá lugar en Viveiro entre o 3 e o 6 de xullo ven de anunciar, como xa non era costume neles, un adianto das bandas que se poderán ver en 2019. Son apenas catro das 100 que adoita ter o “Resu” pero xa deixan ver que de novo a cita será espectacular e que preparan a saída á venda dos abonos o vindeiro luns ás 11 da mañá. A banda Parkway Drive ofrecerá en Viveiro o seu espectáculo con produción completa e só se poderá ver neste sitio da península durante o 2019 e 2020. Outras tres bandas farán no Resurrection 2019 o seu único concerto en España para ese ano, serán Trivium, Kvelertak e While She Sleeps.

Antes desa grande cita no verán, Lugo acollerá o festival A Candeloria, que adoita ser a primeira cita festivaleira de cada ano a mediados de febreiro, (16) no pazo de Feiras e Congresos da cidade das murallas. Estea nova edición, a sexta, preséntase por parte da organización como a derradeira e coa que poñen fin ao seu ciclo de vida tras sete anos de traballo. Catro nomes xa se veñen de avanzar para o cartel: Ruxe Ruxe, NAO, Mafalda e El Coleta.