Ir ao contido directamente.


Noticias

O festival SonRías Baixas deixou un impacto de 1,14 millóns de euros

Xénero: Miscelánea | 4 / 10 / 2018

imaxe non dispoñible

A seguir a análise sobre o retorno económico dos diferentes festivais de música integrados na marca FEST Galicia, a Agadic presentaba onte os datos do último SonRías Baixas de Bueu. Mediante a metodoloxía de avaliación implementada pola Universidade de Santiago de Compostela, comprobouse que a décimo sexta edición do evento, que se celebrou entre o 2 e o 4 de agosto pasados, revertiu na comarca do Morrazo 1,14 millóns de euros. Cunha cifra de ocupación do 85%, pasaron polo festival 21.800 persoas, cun perfil de asistente que corresponde a unha muller nova, de 18 a 24 anos, galega e estudante, que acudiu ao evento en grupo. Os datos para a análise saíron de 1.261 enquisas e mais das cifras manexadas pola organización do evento.

Tanxedoras homenaxean de Alan Lomax en 1952

Xénero: Folk | 27 / 9 / 2018

1952_tanxedoras.jpg

1952, ano no que o etnomusicólogo estadounidense Alan Lómax chegou a Galicia, serve de título para o novo traballo de Tanxedoras. O trío de música tradicional homenaxea o traballo deste investigador a reinterpretar 18 pezas recollidas por el "a tentar preservar a súa integridade". Así, as pandeireteiras tocan temas como Fun a feira de San Saturniño, E morreu a burra, O Tróupele ou Vente vindo, a contar coas colaboracións do acordeón de Carlos Comesaña e da voz Roberto do Viso. Leni Pérez, Margó Gayoso e María Silva continuarán a presentación do álbum cun concerto no V Poemagosto de Allariz o vindeiro 13 de outubro.

PortAmérica deixou un impacto económico de 1,3 millóns de euros

Xénero: Miscelánea | 27 / 9 / 2018

imaxe non dispoñible

A Axencia Galega das Industrias Culturais presentaba onte os datos de retorno da última edición do Festival PorAmérica. O evento que se celebrou este verán en Caldas de Reis deixou un impacto na comarca de 1,3 millóns de euros, cun retorno de entre 1,65 e 2,08 euros por cada euro investido no festival. Os datos reflicten unha ocupación do 91 por cento e unha valoración media do evento de 8,1 sobre 10. Segundo os datos, o perfil de participante no festival é unha muller de entre 25 a 34 anos que realizou un gasto medio por persoa e día de 50 euros.

Luís Vallecillo musica contos clásicos en Cantamos?

Xénero: Infantil | 25 / 9 / 2018

cantamos_luis_vallecillo.jpg

Un audiolibro con cancións e pictogramas e mais un espectáculo escénico e musical compoñen Cantamos?, a nova proposta de Luís Vallecillo para o público máis novo. Textos de Celtia Figueiras e ilustracións de Blanca Millán danlle forma ao volume, un libro-disco no que se mesturan cancións con versións sonoras das historias e que inclúe contidos adaptados a persoas con discapacidades. No campo escénico, o propio Vallecillo, acompañado da monicreque Rosi, actúa como fío conductor para as historias. O Museo Etnolúdico de Galicia, en Ponteceso, acollerá o vindeiro 30 de setembro ás 12 horas a presentación oficial do proxecto, que ve a luz da man de Guindastre Edicións.

Unha epopea rock desde o Barbanza

Xénero: Rock | 25 / 9 / 2018

imaxe non dispoñible

"Hai 25 anos, dende O Barbanza, os Heredeiros trouxeron a revolución". Quen así se pronuncia é Xurxo Souto, cantante dos Diplomáticos de Montealto. Souto é unha das moitas voces do mundo da música que opinan sobre a banda no libro Heredeiros da Crus. Cuadrilla de Pepa a Loba (Eds. Xerais), que asina o xornalista Antonio Díaz Ageitos. Foron a primeira banda de rock en galego en gravar un disco en directo (All right Chicago [Rockandrol], 2000) e as súas actuacións, sempre multitudinarias nunca deixaban a ninguén indiferente, contaron con club de fans e levaron o máis salvaxe rock en galego por todo o país e tamén a través da televisión, a súa participación no Xabarín Club xa forma parte da historia que marcou a unha xeración deste país. E todo iso sen Internet, redes sociais nin YouTube. "¡Menos mal que non había Internet! ¡Se chega a haber Internet vamos presos todos!" di Tonhito de Poi.

O festival Sinsal retoma edición de outono en Vigo

Xénero: Alternativa | 21 / 9 / 2018

imaxe non dispoñible

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia de outono botará a andar en Vigo os días 6 e 7 de outubro retomando así a súa variante outonal engadida agora á súa estabilizada cita na Illa de San Simón en xullo. O Museo do Mar de Galicia será o escenario o sábado 6, mentres que os estaleiros Freire e Cardama, na fachada marítima de Bouzas, acadarán o seu protagonismo o domingo 7. A nova edición combinará concertos de balde e de pago con actividades complementarias gratuítas para toda a familia. O programa ofrece sons de Galicia, Taiwán, Brasil, Islandia ou Andalucía.

Emilio Rúa presenta hoxe novo disco 'Duetos' un traballo de plenitude

Xénero: Cantautor | 21 / 9 / 2018

imaxe non dispoñible

O cantautor ourensán Emilio Rúa presenta o seu novo disco, Duetos, hoxe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Este oitavo álbum de Rúa tivo unhas condicións excepcionais respecto ao resto da súa carreira xa que foi gravado a dúo con dezaseis grandes nomes da música, como Pablo MIlanés, Victor Manuel, La Shica, Javier Álvarez, Rebeca Jimenez, Carmen Paris, Josele Santiago, Rozalén, Carlos Goñi, Vicky Gastelo, Soledad Gimenez, Rosa Cedrón, Javier Ojeda, Mercedes Ferrer, Luis Pastor e Dolo Beltrán. Na presentación do seu oitavo álbum no auditorio da Cidade da Cultura contará coa presenza de Victor Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastelo. Segundo o autor, este disco é un paso moi importante na súa carreira e tamén para a música galega, "pois leva a artistas moi importantes do panorama estatal e internacional a cantar comigo en galego de forma maioritaria". En palabras do ourensán, este traballo é "un punto e aparte, neste momento no que cumpro a maioría de idade editando discos e compondo cancións". As entradas para o evento, que terá lugar ás 21 horas están á venda en Ticketea desde 6 euros.

Cantos na Maré explora novos públicos na súa reformulación

Xénero: Miscelánea | 20 / 9 / 2018

imaxe non dispoñible

Catro días de programación, novos espazos e cambio de datas do inverno para o comezo do outono. A XIV edición do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré presentábase esta mañá en Pontevedra a adiantar grande parte do seu cartel. A cidade do Lérez acollerá do 11 ao 14 de outubro vindeiros as actuacións do evento que se desenvolverá en diferentes espazos e contará ademais con proxeccións de cinema, actividades para crianzas ou obradoiros. Teresa Salgueiro, Chico César, Mercedes Peón, as rapeiras lusas Capicúa e Eva RapDiva, xunto coa galega Wöyza; Throes & The Shine, Selma Uamusse, Bia Ferreira, Cesaria Evora Orchestra, o proxecto Coladera do brasileiro Marcos Suzano ou o músico e poeta caboverdiano Mário Lúcio son os primeiros nomes confirmados.

Vigo, Pontevedra e Cangas acollen o VI Festival Vertixe Sonora

Xénero: Clásica/Lírica | 20 / 9 / 2018

imaxe non dispoñible

Espellos, cintas, berros e almofadas e choiva un concerto do grupo madrileño Neopercusión abre esta tarde, ás 20.30 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra, a sexta xeira do Festival Vertixe Sonora. Ademais da cidade do Lérez, Vigo e Cangas acollerán as actividades desde encontro de música contemporánea, que conta nesta ocasión con nove citas que se desenvolverán ata o vindeiro 5 de novembro. Jean-Étienne Sotty co seu acordeón microtonal, a mestura de música e acrobacias de Ensemble Regards e a compañía Vahram Zayran, a violinista polaca Linad Jankowska, o saxofonista valenciano Ricard Capellino ou a estrea dunha peza de Xacobe Gaspar Grandal da man Thomas Piel son algunhas das propostas do programa. Dentro das actividades formativas desenvolverase de xeito paralelo ao evento o curso de achegamento á música contemporánea Aguzar o oído, diferentes máster class ou unha serie de concertos para escolares.

Resurrection Fest coloca 9.000 abonos para 2019 nunha hora e media

Xénero: Rock | 18 / 9 / 2018

imaxe non dispoñible

A capacidade de convocatoria do Resurrection Fest de Viveiro, a cita co rock duro máis multitudinaria do país, segue a sorprendernos ano tras ano. Onte ás 11 da mañá puxéronse á venda os primeiros abonos para a 14ª edición que se celebrará entre o 3 e o 6 de xullo do 2019 e milleiros de persoas lanzáronse xa facerse con elas aos prezos promocionais de saída. En apenas unha hora e media vendéronse máis de 9.000 abonos, 4.500 deles a un prezo inicial de 95 euros e outros tantos a 105 euros. En total case un millón de euros facturados pola organización no que é un importante apoio de confianza á marca Resurrection Fest, toda vez que do cartel artístico apenas se coñecen a día de hoxe cinco nomes do cento que cada ano ofrece o festival lugués. Ante este éxito, un fito na historia do evento, a organización decidiu manter a terceira e actual oferta de abonos, inicialmente 3.000 a prezo de 105 euros, ata o seguinte anuncio de bandas.

<< Inicio / Anterior . 1021 a 1030 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR