Ir ao contido directamente.


Noticias

O festival de Jazz de Lugo ofrecerá 25 concertos

Xénero: Jazz/Blues | 5 / 11 / 2018

imaxe non dispoñible

O jazz galego, estará presente nesta 28ª edición con artistas como Nani García, Pablo Castanho, Marcos Pin, Natasia Zürcher, David Regueiro ou Juyma Estévez. O Club Clavicémbalo é un dos cinco espazos que acollerá as actividades deste ano xunto á Casa do Saber, o pub Ho! Gruf, o Centro Cultural Vello Cárcere e o Círculo das Artes, escenario este último que volverá recibir a visita de recoñecidos grupos e artistas do panorama jazzístico internacional. Entre eles, o David Murray Infinity Quartet; o Charles McPherson Quartet co pianista Bruce Barth; Sara McKenzie; o trío Zuperoctave que integran Gilad Hekselman, Aaron Parks e Kendrick Scott; Yellowjackets; Antonio Lizana Group, e Fabrizio Bosso & Special Quintet co saxofonista Max Ionata.

O Castañazo Rock abre hoxe a súa XVIª edición

Xénero: Rock | 2 / 11 / 2018

imaxe non dispoñible

Hoxe, venres, e mañá Chantada acolle a décima sexta edició0n do festival Castañazo Rock, un clásico da época outona na Ribeira Sacra que sempre reúne un cartel combativo e potente. Punk rock, hip-hop e músicas de fusión, sempre con unha actitude de crítica social reúnense estes dous días no recinto do mercado gandeiro da localidade lucense. Trece diferentes propostas da escena musical galega, nacional e internacional conforman o cartel desta edición na que hai bandas veteranas e destacadas como os italianos Talco, Boikot, Dakidarría, Desakato ou Rebeliom do Inframundo, entre outras formacións. A cita tamén conta cun programa para as crianzas que terá lugar o sábado ás 12 na Casa da Música co concerto de combos infantís e xuvenil de música moderna e unha pinchada cativa teatralizada Deixalle ao dillei, a cargo de A Run Run. A acampada é de balde e as entras e abonos están á venda polo sistema de Wegow a través da propia web do festival. O evento está organizado pola Asociación Cultural O Castañazo e conta coas subvencións do propio Concello de Chantada, a deputación de Lugo e a Xunta a través de AGADIC e co patrocinio ou colaboración de diversas empresas e marcas comerciais.

The Soul Jacket sacan o seu novo disco 'Plastic jail'

Xénero: Rock | 26 / 10 / 2018

plastic_jail_soul_jacket.jpg

A banda viguesa de The Soul Jacket teñen desde hoxe dispoñible á venda e nas plataformas dixitais o seu cuarto traballo de longa duración Plastic jail (autoeditado, 2018). Este disco sucede a Vol III (autoeditado, 2017), co cal o grupo conseguiu entrar no sexto posto da lista de mellores álbums nacionais de 2017 para a veterana revista Ruta 66. Se aquel se gravara en Cantabria e se masterizara en California neste caso Plastic jail foi gravado, en varias sesións durante os meses de abril a xullo do presente ano nos estudios Radar de Vigo "á vella usanza" e alí mesmo mesturado e masterizado. A produción é da propia banda e de Pablo Iglesias.

Su Garrido gaña o X Concurso Fran Pérez Narf

Xénero: Miscelánea | 22 / 10 / 2018

imaxe non dispoñible

A compostelá sala Sónar acollía o pasado venres 19 a final do X Premio Narf de artistas e grupos musicais que convoca a Deputación da Coruña. Logo das actuacións dos cinco proxectos finalistas, o xurado acordou outorgarlle o galardón a Su Garrido Pombo a atender á súa "calidade, a emoción e o proxecto artístico". A vencedora do certame leva un premio en metálico de 3.000 euros e participará en tres eventos e festivais de nivel galego da man dun programa específico de apoio da Deputación. Canda a ela, o xurado recoñeceu o grupo Néboa, de Caldas de Reis, co segundo posto e 2.000 euros de premio. Oh! Ayatollah situouse en terceiro lugar e fíxose con 1.500 euros mentres A banda da loba e Zumaque Trío ocuparon o cuarto e quinto postos con 1.000 € e un empate en puntos.

O impacto do XIIIº Resurrectión Fest valórase en máis de 8,5 millóns de euros

Xénero: Rock | 19 / 10 / 2018

imaxe non dispoñible

O festival de rock metal Resurrection Fest segue mantendo a atención dos medios neste final de semana. Se a súa posición de finalista en varias categorías dos premios nacionais para festivais era noticia nos días anteriores, o evento de Viveiro ven de acceder de novo ao primeiro plano da actualidade con dous motivos ao tempo, un de pasado e outro de futuro: a presentación do estudo de avaliación de impacto da súa pasada edición e un novo avance de cartel para a videira que se celebrará en 2019. Segundo o estudo impulsado pola Axencia Galega de Industrias Musicais, AGADIC, a décimo terceira edición do festival xerou un impacto de máis de 8,5 millóns de euros en toda Galicia, dos que 6,6 millóns reverteron directamente na comarca da Mariña.

A Real Filharmonía de Galicia inicia a xira de homenaxe a José Arriola

Xénero: Clásica/Lírica | 11 / 10 / 2018

imaxe non dispoñible

Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo acollerán os concertos da xira de homenaxe que a Real Filharmonía de Galicia realiza este outono en homenaxe José Pepito Arriola. O Auditorio de Ferrol acolle hoxe, ás 20:30 horas, o primeiro dos recitais. O Círculo das Artes de Lugo (día 17 ás 20 horas), o Auditorio de Galicia (día 18 ás 20:30 horas) e o Teatro Afundación de Vigo o día 19, tamén ás 20:30 horas, serán as outras paradas do proxecto. Maximino Zumalave, director asociado da RFG, será o encargado da batuta nesta xira, coa que se quere lembrar un dos máis importantes compositores galegos.

O festival Revenidas deixou un retorno de 711.000 euros

Xénero: Miscelánea | 9 / 10 / 2018

imaxe non dispoñible

A seguir coas súas presentacións dos datos sobre os festivais integrados na marca FEST Galicia, a Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer onte as cifras do retorno económico do festival Revenidas de Vilaxoán. Segundo a metodoloxía Avaliación 360º desenvolvida pola Universidade de Santiago, a décimo quinta edición do evento deixou na comarca un retorno económico de 711.000 euros. En total, asistiron ao evento 10.300 persoas durantes as tres xornadas nas que se desenvolveu, cun gasto medio por persoa de 46,37 euros. As persoas participantes déronlle ao evento unha nota de 8,2 sobre 10, segundo reflicten as 1.230 enquisas que se realizaron.

A gala Ari(t)mar reunirá á Banda da Loba e Salvador Sobral en Compostela

Xénero: Miscelánea | 5 / 10 / 2018

imaxe non dispoñible

Os Premios Ari(t)mar, que convoca cada ano a Escola Oficial de Idiomas a recoñecer os mellores poemas e cancións de Galicia e Portugal, teñen xa preparada a súa gala. O vindeiro 31 de outubro o Auditorio de Galicia acollerá este evento, presentado por Carlos Meixide e Iria Pinheiro, no que se presentarán e actuarán os galardoados. Deste xeito, no ámbito musical, estarán presentes A Banda da Loba, vencedora entre as cancións galegas con Bailando as rúas, e mais o portugués Salvador Sobral, que se impuxo co tema creado coa súa irmá Luísa e co que se impuxo en Eurovisión, Amar pelos dois.

Festivais como o Resurrection, SonRías Baixas o PortAmérica compiten nos Premios Fest

Xénero: Miscelánea | 4 / 10 / 2018

imaxe non dispoñible

A quinta edición dos Premios Fest, que recoñecen a nivel estatal o labor dos festivais de música, conta cunha importante participación galega nas súas 22 categorías. De entre as 150 entidades inscritas no certame, algúns dos principais eventos deste tipo do noso país acumulan candidaturas. Deste xeito, o SonRías Baixas de Bueu preséntase a 12 galardóns, mentres o Resurrection Fest opta a 11 premios e PortAmérica está presente en 9. Abre agora o prazo de votacións do público para os galardóns, co que se seleccionarán os finalistas entre os que un xurado escollerá os gañadores. As votacións populares están abertas ata o vindeiro 8 de outubro.

O festival SonRías Baixas deixou un impacto de 1,14 millóns de euros

Xénero: Miscelánea | 4 / 10 / 2018

imaxe non dispoñible

A seguir a análise sobre o retorno económico dos diferentes festivais de música integrados na marca FEST Galicia, a Agadic presentaba onte os datos do último SonRías Baixas de Bueu. Mediante a metodoloxía de avaliación implementada pola Universidade de Santiago de Compostela, comprobouse que a décimo sexta edición do evento, que se celebrou entre o 2 e o 4 de agosto pasados, revertiu na comarca do Morrazo 1,14 millóns de euros. Cunha cifra de ocupación do 85%, pasaron polo festival 21.800 persoas, cun perfil de asistente que corresponde a unha muller nova, de 18 a 24 anos, galega e estudante, que acudiu ao evento en grupo. Os datos para a análise saíron de 1.261 enquisas e mais das cifras manexadas pola organización do evento.

<< Inicio / Anterior . 1011 a 1020 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR