Noticias
Sepárase o histórico dúo musical Mini e Mero
Xénero:
| 28 / 11 / 2018Logo de 46 anos de proxectos musicais conxuntos, o histórico dúo conformado por Xosé Luis Rivas, Mini e Baldomero Iglesias, Mero, sepárase. Segundo apunta hoxe Santiago Jaureguizar en El Progreso, as ruptura débese "diferenzas persoais" e a "un desencontro" entre os dous compoñentes do proxecto, sumados ao cansazo e á dificultade de atender a actividade musical por parte de Mini, inmerso na súa carreira política. Aínda que é agora cando se fai oficial o final da formación, o xornal lucense sitúa a separación hai máis dun ano. Os dous foron membros fundadores de formacións históricas da música galega como Fuxan os Ventos ou A Quenlla, e desenvolveron unha intensa carreira como dúo.
Cé Orquestra Pantasma convida A voar
Xénero:
| 27 / 11 / 2018A Voar é o novo libro disco de Cé Orquestra Pantasma. O músico, coa colaboración de Cristina Ouro nas ilustracións e de Judit Santos no texto literario presenta a historia dunha xoaniña que "movida pola curiosidade e o desexo de voar, emprenderá unha longa viaxe que a súa vida mudará, amosándonos que só a través do coñecemento dos valores universais seremos quen de a nosa vida mellorar". Nove cancións seguen unha historia que inclúe chamadas desde o libro cara ao disco. Ademais do CD, o volume inclúe un código para descargar os temas e un avión de papel para montar. O proxecto ve a luz da man da cooperativa Miudiño, que pon á venda de xeito anticipado o volume a un prezo rebaixado de 15 euros ata o vindeiro 30 de novembro. Segundo sinala a presentación do álbum, "A Voar pretende axudar aos nenos e nenas a reivindicar a confianza necesaria para satisfacer as súas necesidades de liberdade, movemento e xogo libre".
O Fanzine Fest presenta unha ambiciosa edición de artes de vangarda
Xénero:
| 26 / 11 / 2018Cunha celebración musical de tres días, o selo e promotora coruñesa Fanzine records celebrará este decembro o seu décimo aniversario. Tres xornadas, o 1, 7 e 8 de decembro e tres espazos diferentes para este Fanzine Fest 2018: a sala O tunel (Coliseum), o Teatro Colón e a Fundación Luís Seoane. O evento ofrecerá unha experiencia multidisciplinar sempre baseada na música electrónica de vangarda pero con presenza de propostas de arte visual ofrecendo diferentes formatos sempre alternativos e cunha actitude de axitación cultural. A programación inclúe artistas sonoros e visuais con longa traxectoria xunto a artistas emerxentes, en total 21 nomes para estas xornadas de celebración. Tamén se xuntan as propostas da escena internacional coas da escena local. Nomes emerxentes do eido galego como Pálida, Músculo, Mateo Mena & Montse Piñeiro, Grobas ou Dial Combo entre outros. Ademais o Fanzine Fest ofrecerá varias actividades como obradoiros, coloquios e mesmo programación pensada para público familia. O Fanzine Fest presentará ante o público coruñés unha visión panorámica e ecléctica do amplo espectro de variedades presentes na música electrónica e as artes visuais de vangarda.
Un duplo disco da RFG presenta composicións recuperadas de José Arriola
Xénero:
| 22 / 11 / 2018A Real Filharmonía de Galicia e o Consello da Cultura Galega presentaron o disco José Arriola. Orchestral Music, con obras inéditas do compositor galego. É o resultado dun proxecto de colaboración entre o Consorcio de Santiago e o Consello da Cultura Galega que arrincou en 2010 coa edición das obras completas e a gravación no Auditorio de Galicia dun dobre CD baixo a batuta do mestre Maximino Zumalave, director asociado da RFG, que sae agora á luz da man do selo discográfico Brilliant Classics. O betanceiro José Arriola (1895-1954), o compositor galego máis universal do seu tempo e un dos máis relevantes dentro do panorama nacional. É coñecido como o "Mozart galego" debido ás súas precoces composicións (con 3 anos xa compoñía) e ás súas cualidades pianísticas, que o levarían a tocar nos escenarios internacionais máis prestixiosos como a Ópera de Berlín ou o Carnegie Hall de Nova York, xerando unha enorme expectación. Foi discípulo de Richard Strauss, profesor seu de Composición en Leipzig. Desafortunadamente, se perdeu a meirande parte da súa obra, xunto á súa biblioteca e discografía, cando a súa casa de Berlín foi bombardeada durante a II Guerra Mundial.
NAO presentan o seu traballo de despedida 'Ata que o lume se apague'
Xénero:
| 21 / 11 / 2018A banda estradense de metal rock NAO anunciou a saída do seu derradeiro disco e o que será a súa xira de despedida, poñéndolle así data de finalización a trece anos de andaina. O grupo presentou este martes o álbum Ata que o lume se apague nun acto exclusivo para medios, festivais, salas e fans na Nave de Vidán (Santiago de Compostela). Ante eles os músicos responderon á pregunta que moita xente agardaba aclarando o motivo polo que un grupo que funciona, que continúa a ter público e concertos, decide dicir adeus, ao que Jasper, vocalista da banda, explicou: "Chegamos a un punto no que manter a esixencia con nós mesmos e a coherencia co noso público fíxonos tomar a decisión de buscar un final acaído para a banda. Ter un grupo do nivel de NAO supón sacrificar moitas outras cousas e sabiamos que ía ser imposible manter este nivel acadado no tempo. Por honestidade con nós mesmos e a xente que nos sigue, tomamos a decisión de deixalo no mellor momento, como unha conta atrás de tres discos nos que fixemos o esforzo de que remataran sendo o mellor da nosa carreira. Agardamos que a ilusión que depositamos nisto se vexa reflexada nos sentimentos da xente que nos sigue". NAO recibiron no ano 2015 o prestixioso Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Metal.
Ezetaerre espremen as uvas da ira en 'Pólvora e Tormenta'
Xénero:
| 16 / 11 / 2018Hoxe é o día no que a banda Ezetaerre saca á venda e presenta en Galicia o seu novo e segundo traballo longo. A Sala NUMAX de Santiago acollerá ás 20 horas o acto no que falarán polo longo do impresionante Pólvora e tormenta (New Beats) e presentarán o videoclip Matar a McCarthy, o tema que veñen de lanzar hai uns días como segundo adianto do disco. O trío de rapeiros comezou a presentarnos o seu disco no mes de outubro co lanzamento do tema que dá nome ao disco, Pólvora e Tormenta, onde xa avanzaban o fío condutor deste álbum de once temas e deixaban claro cal é a súa posición: “Non somos influencers, somos almas subversivas”.
Chicharrón presentan o novo disco 'Cancións clínicas'
Xénero:
| 14 / 11 / 2018A banda carballesa Chicharrón saca este mes o que é so terceiro traballo delonga duración Cancións clínicas (Prenom, 2018). No seu formato físico o disco preséntase nunha edición limitada de 200 copias en CD, nunha carpeta de dimensións semellantes ás dun vinilo 7". O disco foi producido por Rubén Domínguez e gravado e mesturado por Ibán Pérez no Estudio Terraforma. Once temas conforman este novo traballo no que a banda liderada por Alberto M. Vecino (ex- Franc3s) transita moito máis pola electrónica que nos seus anteriores discos malia que xa había unha transformación neste sentido en Postal(Prenom, 2016) respecto ao seu disco de debut Chicharrón(Prenom, 20149 o traballo máis acústico e pop da banda, que hoxe en día conforman seis compoñentes. A atmósfera neste novo disco é máis escura e agresiva que nos anteriores e mesmo con temas como Que máis dará? apuntan cara o garaje mentres que noutras entran no tecno-punk ou mesmo o krautrock. Como xa fixeran en a banda presentan todas as letras do disco en galego, escritas todas por Alberto M. Vecino agás No seu despregar, poema de Gonzalo Hermo titulado orixinalmente O dó. Moitos dos títulos presentan unha actitude inquisitiva en forma de preguntas a contestar como o que abre o disco Qué maís nos queda por dicir?, nun tema que afonda na decepción e na ausencia de sentimentos, presentando unha intimidade case apocalíptica.
Esmorga Fest pon en marcha a súa quinta edición
Xénero:
| 8 / 11 / 2018O Esmorga Fest, festival independente de música alternativa, ven de confirmar unha nova edición e os primeiros nomes para o seu cartel. A que será a quinta edición deste evento de Sarria celebrarase na fin de semana do 15 e 16 de marzo de 2019. Xurdido dun crecemento orgánico dunha celebración particular anual para a que ían contratándose bandas indies, o Esmorga Fest incorpora un ano máis nomes de referencia na escena alternativa e nesta ocasión os tres primeiros nomes son os da banda madrileña de rock instrumental Toundra, o cuarteto murciano Perro e a formación posthardcore vasca Ànteros. O festival xa comezou a poñer a venda os primeiros abonos a prezos reducidos.
Eu ben vin, virivín recupera o cancioneiro infantil tradicional
Xénero:
| 8 / 11 / 2018"Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar" é o lema co que se presenta Eu ben vin, virivín, o novo libro CD de Manuel Rico Verea. O volume presenta unha selección de rimas infantís de tradición oral, na súa maioría vencelladas a animais, que se recrean coa participación do Obradoiro Experimental de Música Tradicional, formado polo propio Manuel Rico e por Nani García. O Nani García Trío corre tamén coa instrumentación do proxecto, na que as melodías tradicionais se mesturan con arranxos de Jazz e que conta con Lucía Souto como voz principal, canda a Rico e a Clara Jelihovsky como convidada. O volume, editado por Xerais, achega ademais textos que presentan cada un dos temas, a falar do significado e cada un, acompañados da partitura correspondente e de exercicios sobre os mesmos. O CD inclúe ademais pistas para cantar en modo karaoke.
Ourenrrock abre cartel para 2019 con catro bandas
Xénero:
| 6 / 11 / 2018Xa hai data e catro nomes de cartel para o seguinte Ourenrrock Sound. Será entre o 31 de maio e o 1 de xuño cando o complexo de Bemposta en Ourense celebrará este evento que forma parte do catálogo primaveral de festivais da comunidade. Os catro primeiros nomes do cartel avanzan unha oferta bastante variada nesta IV edición do festival encabezándose polo de agora cos galegos Triángulo de Amor Bizarro, co seu garaxe shoegaze, unha aposta pola escena alternativa. O pop rock independente aparece da man dos madrileños Carolina Durante. Os melidáns Cuarta Xusta co seu rock de fusión ská combativo tamén están xa confirmados para este Ourenrrock así como o rap de Sons of Aguirre & Scila. Quedan aínda moitas bandas por confirmar para esta edición toda vez que o Ourenrrock adoita ofrecer entre 13 e 15 concertos en cada edición.