Ir ao contido directamente.


Noticias

Ugia Pedreira e Pierrot Rougier presentan A Comuna del Barruzo

Xénero: Infantil | 3 / 1 / 2019

comuna_barruzo_ugia_pedreira.jpeg

Dez cancións a retratar seres fantásticos da zona de Eo-Navia, xogos ou a relación coa natureza compoñen A Comuna del Barruzo. aCentral Folque presenta este libro-CD, primeiro en galego-asturiano para crianzas, que conta con cancións de Ugia Pedreira e Pierrot Rougier e ilustracións de Mónica Justo. O proxecto emprega textos de poetas desta comarca como son Héctor Acebo, Quique Roxíos, Belén Rico e Arturo Álvarez e conta con colaboracións como as de Quim Farinha ou Rosa Cedrón, a mesturar ritmos tradicionais de diferentes lugares do mundo con toques de música de cámara, reggae, ragtime ou pop rock.

Ataque Escampe lanza dous discos de rarezas para despedir 2018

Xénero: Rock | 2 / 1 / 2019

ataque_escampe_duplo_2018_fin.jpg

A plataforma Bandcamp acolle desde o pasado 31 de decembro para libre escoita e descarga o último lanzamento de Ataque Escampe. A banda fecha 2018 con mudanzas na súa formación e fai un repaso á súa traxectoria na forma de dous discos de inéditos e rarezas. Ídolos adolescentes (2007-2011) e A vida dos animais (2012-2018) achegan 24 temas entre directos, demos e versións, a incluír catro pezas inéditas rexistradas nos estudios Gonzalinhas de Lalín. Fican fóra do repaso os dous primeiros discos da formación, Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007) e Galicia es una mierda (2008). "Non imos dicir que estas 24 cancións encerren a historia desta última década (xa nos gustaría), pero seguramente si que sirvan para seguirnos o rastro a nós, ao que fomos nestes anos, ao que aínda somos e tamén ao que xa non. E pasabámolo ben. E eramos todos amigos. E non queriamos ter máis", explica a banda na presentación do proxecto.

Chega o 'Inverno' e Presumido ocupan o trono do electropop

Xénero: Electrónica | 21 / 12 / 2018

imaxe non dispoñible

Despois de pasar polo seu particular "xogo de tronos" o dúo Presumido presenta hoxe Inverno, coincidindo dun xeito nada casual coa entrada deste tempo. Tarci Ávila e Nacho Dafonte comezaban o 2018 co recoñecemento da crítica nacional ao seu disco de Vendetta (Music Bus) figurando en importantes listas das publicacións especializadas, pero ese impulso inicial non se correspondeu despois, segundo o grupo, co interese que o seu selo musical puña no seu traballo e levounos a un abrupto divorcio coa súa compañía e iniciar un complicado camiño de autoxestión do que foron gañando batalla tras batalla, non sen esforzo e risco. O resultado do seu proceso creativo independente e das súas batallas gañadas poderá comprobarse hoxe na sala la Fábrica de Chocolate de Vigo onde presentan ás 21:30 Invierno, o primeiro dos catro EPs que, con nome estacionario, conformarán a final de ano o proxecto Cuatro estaciones. Pop electrónico moi intenso, de raíces internacionais (Moderat, Massive Attack, Daft Punk, Kraftwerk...) con toques de artistas irreverentes como Björk ou Aphex Twin, conseguindo un estilo propio cheo de melodía, intensidade e escuridade. Xa está dispoñible o vídeo do tema de lanzamento El Rey azotado onde deixan ver o estilo intimista e potente que os define. Presumido tamén comezan a aparecer nos carteis dos festivais de verán, como é o caso do Portamérica pero para o directo aínda non teñen datas en terras galegas despois desta presentación.

Ponteceso celebra por vez primeira o Día do Himno Galego

Xénero: Miscelánea | 19 / 12 / 2018

imaxe non dispoñible

O Concello de Ponteceso acordou instituír o Día do Himno Galego, unha celebración que conmemora a estrea desta composición de Pascual Veiga cos versos de Eduardo Pondal na Habana o 20 de decembro de 1907. Para celebrar esta data desenvolverase entre os días 20 e 22 un programa de actividades que inclúe unha ofrenda floral, unha conferencia de Anxo Angueira sobre a simboloxía literaria do Himno Galego, un monólogo de Quico Cadaval ou unha interpretación colectiva do himno. Como remate da celebración, o día 22 inaugurarase na aldea do Couto un mural conmemorativo do Día do Himno, elaborado polos artistas carballeses Miguel Anxo Calvo “O Mighelo” e Isabel Fernández.

O dúo Vudú presenta en directo o seu primeiro disco editado

Xénero: Fusión | 14 / 12 / 2018

vudu_volIII.jpg

Vudú, a banda formada por Belém Tajes -teclado e voces- e Maritxinha -baixo e loops-, presentará este domingo 16 de decembro ás 20 horas na Sala Garufa da Coruña o seu novo traballo, Vudú Vol. III. O dúo xa fixeron unha breve presentación do disco na pasada feira Culturgal. Vudú Vol. III supón o peche dunha triloxía e o inicio dunha nova etapa. Con el, as coruñesas Belém Tajes e Maritxinha preséntannos o seu primeiro disco editado, cheo de sons máis pop ca nunca, percusións electrónicas e os seus inconfundibles tintes de jazz e soul. Partindo de letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas, Vudú atrévese nesta ocasión tamén con ritmos próximos aos anos cincuenta en temas como Xa me dixo, a revisitar cancións populares como en Unha noite na eira do trigo e Eu chorar chorei -o seu primeiro sinxelo- e tamén a presentarnos propostas de composición propia coma o é Lingua, que xira arredor das linguas minorizadas. Vudú Vol. III foi gravado en Drum&Roll (A Coruña) e El Observatorio Musical (Madrid). Conta con Nicolás Viéites na produción musical e con colaboradores e colaboradoras moi especiais como Adrián Seijas (Misterioso viaje a Holanda, Xoel López) nas percusións, Nata Álvarez (Swingdigentes) ao saxofón, ou rapera Wöyza, que poderedes escoitar no tema CouCou. No ano 2016, a banda Voo Doo, a súa formación anterior, faise co premio á mellor canción en Galego por Eu son VooDoo no certame Musica Xove e ao ano seguinte, acadan o Premio Martín Códax da Música galega na categoría Blues/Funk/Soul.

Thee Blind Crows celebra aniversario cun novo disco e con formación de trío

Xénero: Rock | 13 / 12 / 2018

Death-Awaits-Us-All---Portada.jpg

Death Awaits Us All, así de contundente é o título do novo disco dos coruñeses Thee Blind Crows. Nel recóllense catorce cancións intensas e salvaxes que serven como celebración dos seus dez anos de traxectoria e que presentan a súa nova formación pasando de duo a “power trio”. O disco lanzarase o vindeiro 9 de xaneiro e xa se pode reservar, tanto en formato dixital como en formato físico, a través do Bandcamp da banda. Este terceiro traballo longo foi gravado no Estudio A Ponte e masterizado por Mike Mariconda. Conta cunha coidada edición en vinilo a cargo dos selos Folc Records, KOTJ e Ghost Highway Recordings. Para agradecer a toda a xente que os acompañou ao longo destes dez anos, prepararon un paquete especial en edición limitada de cen unidades que inclúe o vinilo vermello, unha serigrafía numerada e mais un parche de tea. Este pack especial pódese reservar única e exclusivamente a través do Bandcamp de Thee Blind Crows. En febreiro Thee Blind Crows volverán levar a súa descarga visceral de Blues Punk aos escenarios para presentar a súa nova creación.

O Consello da Cultura homenaxea o labor das corais coa mostra Son de Galicia

Xénero: Folk | 10 / 12 / 2018

imaxe non dispoñible

A conmemorar o centenario da histórica coral De Ruada, o Consello da Cultura Galega inaugura mañá a exposición Son de Galicia, que percorre a traxectoria desta histórica formación canda a outras como Toxos e Froles, Cántigas da Terra e Cantigas e Agarimos. A sede de Afundación na Coruña acolle desde este 11 de decembro e ata o vindeiro 26 de xaneiro esta iniciativa que comisariou Miguel Anxo Seixas e que consta dunha serie de paneis acompañados de publicacións, manuscritos, fotografías, instrumentos, partituras, vestimenta, retallos de prensa e outros documentos, así como diversos vídeos de apoio. A mostra aborda cuestións como o traballo etnográfico de recollida da música e da vestimenta popular, o labor filantrópico e benéfico destas entidades, as súas xiras internacionais, a importancia das corais no comezo da actividade teatral galega ou o seu compromiso coa lingua. A inauguración celebrarase mañá ás 19 horas.

Doce festivais galegos aspiran a premios nos Iberian Festival Awards

Xénero: Miscelánea | 7 / 12 / 2018

imaxe non dispoñible

Xa se coñecen todos os candidatos para a cuarta edición dos galardóns Iberian Festival Awards que premian aos festivais musicais da península ibérica. Hai dous anos seis edicións destes eventos que se celebran na nosa terra entraban nas quinielas para recibir algún destes premios, este ano a oferta musical da nosa comunidade dobrou a aposta e son doce os eventos que forman parte das candidaturas, en moitos caso competindo tamén entre eles, en 18 categorías das que 10 estarán decididas nesta primeira fase polo voto do público e as outras oito por un xurado profesional, que finalmente tamén tomará unha decisión entre todas as categorías cos finalistas. Os galardóns entregaranse en Vigo o vindeiro 13 de marzo, nunha gala no Teatro AFundación.

A Coruña acollerá un encontro do sector da música centrado na igualdade

Xénero: Miscelánea | 5 / 12 / 2018

imaxe non dispoñible

A asociación MIM (Mujeres de la Industria de la Música) organiza os vindeiros 17 e 18 de decembro as xornadas Feminismo e Industria Musical no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña co obxectivo de fomentar o debate sobre feminismo e industria musical centradas na escena musical galega, así como planear estratexias de traballo efectivas para reverter a actual situación de desigualdade, desde o ángulo da profesionalización e a equiparación das condicións nos distintos xéneros. Co obxectivo de ir definindo os pasos necesarios cara a creación dun novo modelo cultural máis igualitario, na xornada participarán representantes das diversas asociacións feministas do territorio así como importantes referentes profesionais do sector que achegarán a perspectiva actual e retos cara ó futuro dunha industria igualitaria. Unha coidada selección de relatores e moderadores que simbolizan o espírito de cambio efectivo das xornadas e que darán voz a excelentes profesionais do sector que amosan que é posible traballar en chave de cambio. Contarase coa presenza de diversos colectivos que actualmente xa están aportando métodos de cambio baseados na perspectiva de xénero para reverter na situación de desequilibrio actual, como Mulleres Galegas Kañeras, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e Músicas ao Vivo.

Gabriel Peso presenta un proceso de percorrido vital en 'Travesía'

Xénero: Jazz/Blues | 4 / 12 / 2018

Gabriel_Peso_Travesia.jpg

Cinco anos transcorreron desde o primeiro disco de Gabriel Peso (Sinapsis, Estudios Mans 2013) e o pianista pontevedrés aproveitou ese tempo para traballar acompañando a outros artistas nas súas xiras, en obras de teatro e musicais, para a televisión e viaxar. Desa viaxe de cinco anos xurde agora este novo traballo Travesía (Xingra, 2018) para o que elixe un formato de trío acompañado por Miguel Asensio á batería e David Ruíz ao contrabaixo. Dez temas de jazz e fusión nos que, segundo Peso, se deixa ver claramente a influencia da súa orixe galega “na esencia e no aroma” así como nunha rítmica característica das nosas músicas, incluíndo especificamente no disco unha xota ( Jota de Peso)creada como homenaxe aos seus avó e pai e na que participa este último colaborando á gaita. O disco foi obxecto de mestura e masterización en Nova York da man do enxeñeiro Dave Arlington, que ten traballado con grandes nomes da música mundial. O músico comeza hoxe unha mini xira galega con este traballo no club Dado Dada Jazz, de Santiago, ás 22 horas. Mañá mércores o trío estará no Vitruvia Café de Vigo e o xoves estarán no Café Latino de Ourense. Outor local indispensable do circuíto do jazz den Galicia, o Jazz Filloa da Coruña pechará esta xira o sábado ás 22 horas.

<< Inicio / Anterior . 991 a 1000 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR