Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Doce festivais galegos aspiran a premios nos Iberian Festival Awards
Doce festivais galegos aspiran a premios nos Iberian Festival Awards
decembro 7, 2018
Xa se coñecen todos os candidatos para a cuarta edición dos galardóns Iberian Festival Awards que premian aos festivais musicais da península ibérica. Hai dous anos seis edicións destes eventos que se celebran na nosa terra entraban nas quinielas para recibir algún destes premios, este ano a oferta musical da nosa comunidade dobrou a aposta e son doce os eventos que forman parte das candidaturas, en moitos caso competindo tamén entre eles, en 18 categorías das que 10 estarán decididas nesta primeira fase polo voto do público e as outras oito por un xurado profesional, que finalmente tamén tomará unha decisión entre todas as categorías cos finalistas. Os galardóns entregaranse en Vigo o vindeiro 13 de marzo, nunha gala no Teatro AFundación.
O festival Portamérica de Caldas é o que máis galardóns aspira a recibir estando presente en oito candidaturas. Con sete séguenlle Atlantic Fest da illa de Arousa, Sinsal Son Estrella Galicia de San Simón e SonRías Baixas de Bueu. Entran con forza nas categorías varios festivais de primeira edición este ano, como o Caudal Fest de Lugo (catro candidaturas), O Son do Camiño de Santiago (seis candidaturas) e o Super Bock Under Fest de Vigo (catro candidaturas). Na pasada edición destes recoñecementos o XIIº festival Resurrection Fest de Viveiro, acadou catro premios absolutos dos oito nos que era finalista, a edición XIIIª do festival de Metal Rock aspira a 6 premios. Ademais destes xa mencionados, engrosan a lista da quiniela galega outros nomes, ata doce, da oferta musical de festivais de Galicia: 17º Ribeira Sacra(5 candidaturas); FIV de Vilalba(4 candidaturas); Revenidas de Vilaxoán (3 candidaturas); WOS Festival de Santiago (5 candidaturas).
Premios para outras festas e festivais culturais
Alén das categorías de mellores festivais divididas polos correspondentes tamaños, a oferta galega tamén entra disputar os premios outorgados á mellor capacidade de promoción turísticas dos territorios, de mellor oferta musical en cartel, mellores programacións culturais, mellor comunicación, mellor activación de marca e sostibilidade entre outros. Para a decisión dalgúns deles serán os votos do público, abertos ata o vindeiro 31 de decembro os que decidirán os gañadores. Ademais de aos propios festivais os Iberian festival Awards tamén premian as mellores actuacións neles de grupos ou artistas internacionais ou dos Estados peninsulares, nese caso dáse o paradoxo de que os únicos representantes artísticos da nosa escena presentes nas votacións son o grupo vigués Kings of the Beach e Ivan ferreiro, e nos dous casos por actuacións en festivais fóra de Galicia. A maiores do ocorrido dentro dos festivais os Iberian premian tamén outros eventos e aí hai tamén curiosas representacións galegas. Ë o caso da nova categoría de Festividades na que se premia a eventos vencellados a festas populares, nese caso aparece como candidata a Festa dos Botes de Arzúa. No premio a festivais aparecen dúas citas da axenda cultural galega tamén vencelladas á poesía esencialmente, o Festival dos Eidos organizado pola Fundación Uxío Novoneyra, e o Festival Kerouac de Vigo.