Peche de carteis nos festivais Revenidas e Noroeste para agosto
xullo 16, 2018
O festival Revenidas que celebrará a súa 15º edición do 17 ao 19 de agosto, pecha o seu cartel sumando a tres novas bandas, que acompañarán ás xa anunciadas Soziedad Alkoholika, The Real MCKenzies, Balkan Bomba, Ezetaerre, Cuarta Xusta, Glaukoma, NH3, Zoo, Steve 'n' Seagulls, Banda Xangai, Russkaja, The Dawlins, High Paw, Joan Garriga, Keltoi, Xavi Sarrià, Ayax y Prok e Auxili. Deste xeito incorpóranse á festa que a organización ten preparada para o Festival das Linguas a cumbia combativa de Tremenda Jauría, a mestizaxe mediterránea de El Diluvi e a música comprometida e enérxica de Dakidarría. A organización, que non descarta algunha “incorporación sorpesa” durante as próximas semanas, está actualmente artellando unha programación cun potente contido cultural galego que abrangue diversas disciplinas, e sempre vencellado ás tradicións. Ademais, o Revenidas aposta por unha combinación de espazos de balde para o lecer de familias e de todos os públicos.
Na Coruña o Festival Noroeste Estrella Galicia tamén deu por pechado a pasada semana o seu extenso cartel para a vindeira edición. O evento organizado desde o Concello fixo os derradeiros anuncios confirmando a incorporación de The Pretenders na cabeceira xunto a Belle and Sebastian no Festival, ao que tamén se unen Temples, Viva Suecia, Maika Makovski, Mad Martin Trío, Esteban y Manuel, FAB ou Les Filles de Illighadad. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, destacou a "vocación integradora" dunha edición que aposta pola creación feminina. "Este ano queremos dotar ás mulleres creadoras do lugar que lle corresponde, é que moitas veces é invisibilizado. É un cartel repleto de forma maioritaria por músicas e creadoras que encabeza unha das máis recoñecidas artistas do pop europeo das últimas décadas, como é Chrissie Hynde", expuxo Ferreiro. Así, durante seis días entre o 7 e o 12 de agosto, máis de 80 artistas e bandas ofrecerán concertos en 14 localizacións por toda a cidade.
Tamén che pode interesar:
- 13/ 5/ 2016 | A Deputación de Pontevedra promoverá conxuntamente sete festivais de música
- 17/ 8/ 2015 | Chega o Revenidas das medras
- 19/ 8/ 2014 | Biribirlocke gaña o II Concurso de Grupos Emerxentes Revenidas
- 16/ 7/ 2014 | As Revenidas trasládanse a agosto cun cartel centrado no Bravú
- 7/ 6/ 2013 | A Federación Galega de Festivais presenta o seu calendario