Ir ao contido directamente.


Noticias

A aceleradora musical Sonemerxente inicia segunda edición con 12 artistas

Xénero: Miscelánea | 20 / 12 / 2023

imaxe non dispoñible

A segunda edición da aceleradora musical Sonemerxente, impulsada pola Xunta e xestionada pola Fundación Paideia Galiza, xa conta cunha lista de 12 grupos e artistas emerxentes que entraran no seu programa de formación e promoción. Abril, Amoebo, Candela Liste, Catuxa Salom, Eris Mackenzie, Filloas, French Riviera, Futuro Alcalde, Habló Pablo, Javier Lago, Marián e Verter GZ son os proxectos seleccionados nesta nova xeira da iniciativa, para a que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades consigna unha dotación de 240.000 euros procedentes dos fondos Next Generation EU no marco do Plan de Recuperación e Resiliencia do Goberno de España. A ducia de proxectos seleccionados desta volta súmanse a Adrian Timms, Ani Baires, De Ninghures, Helena Egea, Hydn, Law, Mondra, Paraíso Canto, Samudra Trio e Zeltia Irevire, que participaron durante 2023 na primeira edición de Sonemerxente.

Alberto Vilas fai un percorrido a piano pola música popular galega

Xénero: Fusión | 19 / 12 / 2023

imaxe non dispoñible

O pianista Alberto Vilas ten un novo traballo discográfico "Once cancións e unha danza" (AMG Music, 2023), un proxecto co que entra desde o clásico, e o jazz na música popular galega. O compositor busca nas súas raíces redondelás para dedicar unha das pezas, 'La danza' a unha das tradicións locais que é a Danza da Coca. As outras están baseadas tanto en cantares tradicionais coma noutros que xa forman parte da cultura popular creados por diferentes formacións o século pasado. Dese xeito neste traballo Vilas achega a súa interpretación desde o piano a temas como "A Rianxeira", "A saia da Carolina”, "Miudiño" ou "Catro vellos mariñeiros", entre outros. "Once cancións e unha danza" preséntanse coma un paseo polo tempo e a infancia desde o piano e coa perspectiva dun compositor de jazz e música contemporánea de formación clásica. O disco, en formato CD está dispoñible para a súa venda a través da propia páxina de Alberto Vilas

Maximino Zumalave despídese como director asociado da Real Filharmonía de Galicia tras 27 anos

Xénero: Clásica/Lírica | 13 / 12 / 2023

imaxe non dispoñible

O mestre santiagués Maximino Zumalave dirixirá o seu último concerto como director asociado da Real Filharmonía de Galicia despois de 27 anos, este xoves 14 no Auditorio de Galicia de Santiago. O director, vencellado neste posto á orquestra desde a súa fundación, brandirá de novo a batuta para ofrecer ao público de Santiago o programa "Exsultate jubílate", nun recital que contará coa actuación da soprano Carmen Buendía, gañadora do concurso de canto Compostela Lírica 2022 e que se realiza en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. Antes do recital ás 19:45h, o público poderá escoitar as impresións do mestre Zumalave nun novo coloquio do ciclo 'Conversando con...' que se desenvolverá na Sala Mózart. A Real Filharmonía de Galicia rematou o pasado xoves, 7 de decembro, o proceso de selección de dirección asistente para o ano 2024 cun concerto no Auditorio de Galicia no que as catro persoas candidatas dirixiron a orquestra. Ao remate da actuación, o xurado anunciou a elección do estadounidense Sebastian Zinca como novo director asistente da orquestra.

Ailá presenta un disco de panxoliñas tradicionais

Xénero: Folk | 5 / 12 / 2023

aila_nadal.jpg

Oito panxoliñas tradicionais compoñen Ailá de Nadal. O grupo de música tradicional Ailá acaba de lanzar este volume no marco da campaña Nadal en rede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que ten o álbum íntegro na súa canle de Youtube. O volume recolle cancións de aguinaldo como Aninovo de 1860, peza recollida no cancioneiro de Marcial Valladares, ou As xaneiras recollidas en Pazos de Borbén. Cantares de Reis de Bendollo, Vilardevós e Rianxo fan tamén parte do proxecto.

O Consello da Cultura recupera unha partitura inédita de Antonio Iglesias Vilarelle

Xénero: Clásica/Lírica | 17 / 11 / 2023

imaxe non dispoñible

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acollía na tarde deste 17 de novembro a presentación de Keltia. Preludio sinfónico. O Consello da Cultura Galega recuperou esta peza inédita que o compositor Jose Antonio Iglesias Vilarelle, falecido en 1971, creara en 1939. A composición, que estreou a Orquestra Municipal de Bilbao en 1946, está dispoñible para descarga no web do Consello da Cultura.

Martins Aneiros Band debuta con Rain

Xénero: Jazz/Blues | 15 / 11 / 2023

MartinsAneirosBand_rain.jpg

A voz de Paula Martins e a guitarra de Víctor Aneiros compoñen a base de Martins Aneiros Band, unha formación que acaba de debutar no mercado discográfico con Rain. Dez cortes que combinan grandes referentes do blues con composicións propias, con letras da vocalista e música do guitarra, conforman a carta de presentación deste proxecto.

Culturgal expande a Vigo a súa programación

Xénero: Folk | 14 / 11 / 2023

imaxe non dispoñible

Por vez primeira desde o seu nacemento Culturgal, renomeado como Feira das Culturas Galegas, terá dúas sedes neste 2023. A organización do evento e máis a Deputación de Pontevedra anunciaban este 13 de novembro a programación Culturgal Expandido, que se desenvolverá na sede viguesa da institución provincial entre os días 23 e 24 de novembro.

A Quenlla presenta un novo disco que recupera ao poeta Avelino Díaz

Xénero: Folk | 9 / 11 / 2023

aquenlla_discoavelino.jpg

A histórica formación A Quenlla ven de presentar un novo traballo discográfico cando están a piques de facer o seu corenta aniversario. O disco 'Na lírica emoción' está dedicado de xeito íntegro ao poeta Avelino Díaz Díaz, ofrecendo nel doce cantigas "cunha sonoridade que bebe da tradición e que percorre diversos estilos para achegarse ao folk de raíz", segundo explica o grupo. O disco está dispoñible en formato físico de CD baixo pedido a través das redes sociais de A Quenlla.

A Cidade da Cultura repasa cunha mostra un século de orquestras de verbena

Xénero: Miscelánea | 9 / 11 / 2023

imaxe non dispoñible

A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura en Santiago, acollía este 8 de novembro a inauguración de Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia. Esta exposición, comisariada polos investigadores Zósimo López e Henrique Neira propón "un percorrido pola historia das agrupacións a través de carteis, programas de festas, fotografías e discos".

Redondela acolle a Homenaxe nacional a Dorothé Schubarth

Xénero: Folk | 9 / 11 / 2023

imaxe non dispoñible

Dous meses despois da súa morte, a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, autora do Cancioneiro popular galego, recibe o seu primeiro acto de homenaxe póstumo no noso país. O Concello de Redondela, co apoio do Consello da Cultura Galega e mais do Museo do Pobo Galego organiza a Homenaxe nacional a Dorothé Schubarth, un encontro que se desenvolverá o vindeiro 11 de novembro no Auditorio da Xunqueira.

<< Inicio / Anterior . 101 a 110 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR