Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Maximino Zumalave despídese como director asociado da Real Filharmonía de Galicia tras 27 anos

NO SEU úLTIMO CONCERTO CONTARá COA SOPRANO CARMEN BUENDíA, GAñADORA DO CONCURSO DE CANTO COMPOSTELA LíRICA 2022

Maximino Zumalave despídese como director asociado da Real Filharmonía de Galicia tras 27 anos

CLáSICA/LíRICA | decembro 13, 2023

imaxe non dispoñible

O mestre santiagués Maximino Zumalave dirixirá o seu último concerto como director asociado da Real Filharmonía de Galicia despois de 27 anos, este xoves 14 no Auditorio de Galicia de Santiago. O director, vencellado neste posto á orquestra desde a súa fundación, brandirá de novo a batuta para ofrecer ao público de Santiago o programa "Exsultate jubílate", nun recital que contará coa actuación da soprano Carmen Buendía, gañadora do concurso de canto Compostela Lírica 2022 e que se realiza en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. Antes do recital ás 19:45h, o público poderá escoitar as impresións do mestre Zumalave nun novo coloquio do ciclo 'Conversando con...' que se desenvolverá na Sala Mózart. A Real Filharmonía de Galicia rematou o pasado xoves, 7 de decembro, o proceso de selección de dirección asistente para o ano 2024 cun concerto no Auditorio de Galicia no que as catro persoas candidatas dirixiron a orquestra. Ao remate da actuación, o xurado anunciou a elección do estadounidense Sebastian Zinca como novo director asistente da orquestra.

Director e pianista, Zumalave (Santiago de Compostela, 1956) formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Foi fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia , formación da que foi fundador, para alén de director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. No período 2010-2018 foi membro do Plenario, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega e, dende 2014, formou parte da Comisión Executiva desta institución. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e en 2016 recibiu o Premio da Cultura Galega.

O presente e o pasado danse a man neste programa con obras contemporáneas e do gran repertorio. A RFG abrirá o concerto coa interpretación da obra Saturnal, do compositor coruñés Manuel Balboa, unha peza de estética intimista cun uso marcadamente persoal das cores tímbricas; Galicia está tamén presente en 'Lúa descolorida', unha composición para voz e orquestra de Osvaldo Golijov a partir do poema homónimo de Rosalía de Castro á que o mestre arxentino outorgou un exquisito sentido lírico e que supón a súa estrea en España. A voz de Carmen Buendía protagoniza o motete mozartiano 'Exsultate Jubilate', unha das pezas vocais máis festivas e coñecidas do salzburgués, escrito orixinariamente para castrato. O concerto remata coa Sinfonía núm. 6 de Franz Schubert, unha das obras máis italianizantes do mestre vienés que nunca chegou a escoitala en vida.