Noticias
A AGPXC e a AGEM reclaman ás administracións que paguen en prazo
Xénero:
| 24 / 1 / 2024Nun comunicado conxunto emitido este 24 de xaneiro, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e AGEM, Asociación Galega de Empresas Musicais, reclámanlle ás administracións que cumpran os prazos legais para o pago de facturas e de subvencións. Segundo os colectivos, estas demoras poñen en risco a viabilidade e a calidade do traballo de moitas entidades do sector e obrigan a un endebedamento difícil de sustentar.
As II Residencias Artísticas Mariñán acollerán oito proxectos creativos
Xénero:
| 24 / 1 / 2024Catro proxectos do ámbito musical e outros catro centrados na literatura e no pensamento participarán da segunda convocatoria das Residencias Artísticas Mariñán. A Deputación da Coruña presentaba estes 23 de xaneiro esta nova edición, que se desenvolverá entre o 15 e o 26 de abril. Durante estes días o pazo de Mariñán acollerá as persoas responsables dos proxectos escolleitos, que terán estadías de seis días no caso das propostas musicais e de doce nas literarias e de pensamento.
Fanny & Alexander remesturan as voces femininas da música galega
Xénero:
| 16 / 1 / 2024Xa está dispoñible nas plataformas o novo proxecto de Aregueifa Plataforma, Manifestas, no que Fanny & Alexander remesturan nunha serie de EPs temas de "algunhas das máis poderosas voces femininas da escena galega". O proxecto parte das voces de Su Garrido, Lucía Aldao, Ugia Pedreira e Mai, que seleccionaron temas de diferentes álbums e traballos. "Unha proposta, tan sinxela coma complexa de executar no musical, que ispe as cancións das súas roupaxes orixinais para voltalas construir dende os propios alicerces vocais en forma de reinvención en clave electrónica, levando as pezas orixinais a territorios tan inéditos coma as pistas de baile", sinalan desde A Regueifa. A p roposta complétase cun videoclip para a remestura de "Big Bang", o tema escollido por Mai, quen tamén aparece no propio audiovisual.
Unha nova publicación reivindica o legado musical dos Valladares
Xénero:
| 9 / 1 / 2024Co título de A música dos Valladares. Retratos de familia, a Editorial Galaxia acaba de presentar unha obra que repasa a traxectoria de Marcial Valladares a través do seu vencello coa arte sonora. Textos de Pablo Bernárdez e ilustracións de Hortensia Fernández componen este volumen no que se aborda tamén a relación da familia do autor coa disciplina musical.
A USC crea un certame de musica moderna
Xénero:
| 5 / 1 / 2024A Universidade de Santiago de Compostela ven de poñer en marcha a primeira edición dun Certame de grupos musicais. A institución académica pretende fomentar e darlle visibilidade á actividade artística e creativa orixinal, no ámbito da música moderna, da comunidade universitaria da USC e especialmente do seu estudantado. Ata o 22 de xaneiro poderanse presentar candidaturas de maneira individual ou como grupo, formado por un mínimo de dous membros da comunidade universitaria ou tres para grupos de cinco ou máis compoñentes. Nas solicitudes presentaranse temas de música moderna orixinais e non premiados con anterioridade. Cada participante ou grupo poderá presentar unicamente unha solicitude e unha proposta musical. Tampouco pode tomar parte nesta convocatoria quen teña editado algún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e que careza de respaldo discográfico na actualidade. Valorarase o uso da lingua galega.
Factoría de Subsistencia presenta 'Respirando...Sempre!'
Xénero:
| 3 / 1 / 2024Co ano aínda por estrear a banda Factoría de Subsistencia dá comezo sacando o que é o seu terceiro disco longo "Respirando...Sempre!". Nove temas novos presentan a formación encabezada polo actor Josito Porto e Sabela Dacal, xunto aos que nesta ocasión estarán Rafa Otero ao baixo e Adrián Ríos na batería. O disco chega 5 anos despois do seu anterior traballo "Amores Fratricidas" (2019). En clave de rock and roll, Factoría de Subsistencia ofrece neste terceiro disco letras cargadas de humor negro, reflexión filosófica e crítica social. Aí están eses temas que xa foron presentándose quincenalmente como 'Non quero ser feliz' ou 'Esperta'. Todos eles poden escoitarse xa en YouTube e a banda presentará en concerto o novo disco na Casa das Crechas de Santiago de Compostela o vindeiro 13 de xaneiro. Tamén está prevista unha actuación o día 20 de xaneiro no espazo do Estudo Aldeaglobal de Vilagarcía onde ser realizou a gravación do disco.
Amigos da Ópera de Santiago rescata unha zarzuela de Otero Pedrayo
Xénero:
| 2 / 1 / 2024Unha zarzuela escrita por Ramón Otero Pedrayo abrirá o vindeiro 19 de xaneiro a actividade e Amigos da Ópera de Santiago para 2024. Nesa data Vilagarcía acollerá a posta en escena de Miñatos de Vran, unha obra que conta con música do mestre Juan Fernández Vide e que só se puidera vez en dúas ocasións, na estrea da Habana en 1928 e nunha representación en Ourense en 1959.
Susana Seivane volve máis forte co disco 'Sete'
Xénero:
| 28 / 12 / 2023Achegar o son da gaita a enfoques contemporáneos, máis sonoros e vibrantes, con contido máis pesado e poderoso, sen perder a esencia do xenuíno da interpretación é a intención de Susana Seivane con este novo traballo 'Sete'. O nome do álbum coloca o novo disco no seu posto na discografía da artista, tras aquel 'Dende o meu balcón' (2020) no que recollía os temas compartidos cos seu veciños en nas redes sociais durante o confinamento. O pasado sete de setembro, a gaiteira adiantaba 'Non é non’ o tema de apertura deste álbum, onde emprega a forza do seu instrumento para elevar o berro sinalando a lacra incesante na nosa sociedade da violencia de xénero. Para elo, rodeouse de multitude de artistas que tamén pronunciaron a súa repulsa contra este mal endémico: Luis Zahera, Elena Ferro, Iván Raña ou Carlos Blanco, entre outros, sumáronse a esta campaña iniciada pola artista. Ese tema, no que agaita comparte a súa forza coa dos instrumentos electricos e de percusión propios do rock abre un disco cheo de variedade sonora e no que hai un total de 12 temas, incluíndo xotas, pasodobres, muiñeiras e outras pezas como unha versión de 'Lela'. Composicións propias e tradicionais atópanse neste repertorio que Seivane defenderá hoxe no teatro Colón da Coruña no que será o su único concerto de presentación en Galicia de 'Sete'. Este xoves 28 ás 20:30 h seivane comparecerá ante o seu público acompañada de Miguel González no saxo, Iago Rodríguez no baixo, Alber Grela na guitarra e Carlos Freire na batería. O disco xa pode escoitarse nas platafromas dixitais.
Zënzar celebra no escenario "35 anos bourando"
Xénero:
| 22 / 12 / 2023A banda cercedense Zënzar celebra este sábado os seus 35 anos ininterrompidos facendo rock en galego. "35 anos bourando", din, desde o seu debut o 23 de decembro de 1988 no disco-pub Non Sei de A Silva. A formación soprara as candeas deste aniversario tamén nun escenario, o da Sala Capitol de Santiago que entón non existía. E para tal ocasión, estarán rodeados de case unha ducia de amizades que estarán presentes en varios temas, desde os clásicos ata os máis novos.
Nova cita festivaleira en Lugo co Valadouro Rock
Xénero:
| 21 / 12 / 2023Á lista nada pequena de festivais musicais de Galicia ven de unirse un novo nome: o Valadouro Rock. A Mariña lucense, onde ten lugar un dos festivais máis coñecido de Galicia e do Estado, o Resurrection fest de Viveiro, engade unha nova cita a poucos quilómetros dalí e tamén en clave de rock duro. A primeira edición deste Valadouro Rock terá lugar o 22 de xuño en Ferreira do Valadouro e ofrece unha experiencia de rock de todos os tipos a base de bandas de todo o Estado. Das nove bandas que ofrecerá o seu caertel hoxe mesmo veñen de desvelar as tres primeiras confirmacións. Un dos nomes máis coñecidos é o dos valencianos Gigatrón, unha formación que leva 25 anos percorrendo o país coa súa peculiar proposta paródica. Tamén hai sitio para o rock máis local coa confirmación de Materia Muerta, unha banda de hardcore Ribadeo cun disco publicado e outro a piques de saír. Completa a lista de primeiros nomes do cartel o grupo asturiano de heavy, SKÜLD. Aínda faltan outros seis nomes para completar o cartel desta primeira edición que sacou hox á venda as primeiras entradas.