Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Amigos da Ópera de Santiago rescata unha zarzuela de Otero Pedrayo
Amigos da Ópera de Santiago rescata unha zarzuela de Otero Pedrayo
xaneiro 2, 2024
Unha zarzuela escrita por Ramón Otero Pedrayo abrirá o vindeiro 19 de xaneiro a actividade e Amigos da Ópera de Santiago para 2024. Nesa data Vilagarcía acollerá a posta en escena de Miñatos de Vran, unha obra que conta con música do mestre Juan Fernández Vide e que só se puidera vez en dúas ocasións, na estrea da Habana en 1928 e nunha representación en Ourense en 1959.
A peza, creada con finalidade pedagóxica para distintas agrupacións artísticas galegas en Cuba, recolle motivos populares do folclore galego e retrata a historia de amor entre o mariñeiro Manuel e mais Maripepa, á que tamén pretende o señorito Eduardo. Ambientada nunha vila mariñeira galega e mais nunha taberna en Santiago, retrata a situación social, económica e cultural da Galicia do seu momento.
A montaxe, que tamén se poderá ver no compostelán Auditorio de Galicia o día 21, pon nas táboas a Banda de Música Municipal de Santiago, baixo a dirección de David Fiuza e mais o Coro Asociación Liceo de Vilagarcía dirixido por Josefa Dorado Soto, canda á formación Antiguos Tunos de Santiago. As voces solistas serán a soprano Patricia Rodríguez Rico, o barítono Gabriel Alonso e o tenor Diego Neira, con dirección escénica a cargo de José Álvarez.
Segundo explica Amigos da Ópera, "a parte musical en Miñatos de Vrán contén preludios, coros, romanzas, dúos, coplas, interpretadas polos solistas principais, o coro e a tuna". O texto da zarzuela foi publicado en 2023 pola editorial Galaxia.