Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Zënzar celebra no escenario "35 anos bourando"

A SALA CAPITOL ACOLLE ESTE SáBADO UN CONCERTO DA FORMACIóN CON MOITAS COLABORACIóNS

Zënzar celebra no escenario "35 anos bourando"

ROCK | decembro 22, 2023

imaxe non dispoñible

A banda cercedense Zënzar celebra este sábado os seus 35 anos ininterrompidos facendo rock en galego. "35 anos bourando", din, desde o seu debut o 23 de decembro de 1988 no disco-pub Non Sei de A Silva. A formación soprara as candeas deste aniversario tamén nun escenario, o da Sala Capitol de Santiago que entón non existía. E para tal ocasión, estarán rodeados de case unha ducia de amizades que estarán presentes en varios temas, desde os clásicos ata os máis novos.

Zënzar comeza así a compartir o seu peculiar aniversario. Pero o concerto na Capitol non será o único, nin é a única cousa que están a preparar: a finais de novembro publicaron o videoclip co tema novo "Non é casual", mentres que a súa baixista, a ilustradora Laura Romero, avanza no que será o libro (ilustrado) sobre a historia da banda. Unha publicación que verá a luz en marzo, e na que converxen decenas de voces que retratan e achegan unha historia, que comeza no 1976 e que aínda hoxe está viva, sobre a contracultura nun recuncho da xeografía galega que foi sempre fértil para o rock e o punk galegos. Da formación, que no seu debut conformaban Manuel Silveira, Manolo García, Xosé Antón Bocixa, Luís Gómez e Jose Antonio Regueiro (Tabe), seguen hoxe en día Manolo García á batería e Xose Antón Bocixa á voz. Ademais deles completan o grupo hoxe en día Mario Grela á guitarra e coros, Paco Cerdeira (Pakolas) á outra guitarra e coros, e Laura Romero ao baixo.