Redondela acolle a Homenaxe nacional a Dorothé Schubarth
novembro 9, 2023
Dous meses despois da súa morte, a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, autora do Cancioneiro popular galego, recibe o seu primeiro acto de homenaxe póstumo no noso país. O Concello de Redondela, co apoio do Consello da Cultura Galega e mais do Museo do Pobo Galego organiza a Homenaxe nacional a Dorothé Schubarth, un encontro que se desenvolverá o vindeiro 11 de novembro no Auditorio da Xunqueira.
Con esta proposta o concello quere "recoñecer e difundir o enorme traballo que sobre a cultura popular levou adiante" esta investigadora ao tempo que aposta por divulgar o seu nome entre o público máis novo.
Artistas do país como Xabier Díaz ou Mercedes Peón, ou o filólogo Antón Santamarina participan deste encontro que reúne "persoas que conviviron con ela con quen traballaron pezas musicais sobre a súa obra" e que contará con grupos de música tradicional de Redondela. O acto central, que se desenvolverá pola tarde, combinará música e baile tradicionais con pezas de base popular interpretadas para voz e piano.
Na mañá, ás 12 horas, celebrarase o concerto para público familiar Café Dorothé. O título "procede da expresión que as nosas mulleres adoitaban dicirlle a Dorothé cando ía gravalas ou entrevistalas: 'Dorothé, toma un café?'", segundo explica o concello. No mesmo, interpretaranse cantigas recollidas pola investigadora orientadas aos ouvintes máis novos.