Ir ao contido directamente.


Noticias

Unha xornada e un concerto homenaxean a Martín Códax polo Día das Artes

Xénero: Antiga | 5 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

A Illa de San Simón, en Redondela, acolle este 5 de outubro a celebración do encontro "Seíam'eu... en San Simón". O Consello da Cultura Galega organiza esta iniciativa que homenaxea a Martín Códax polo Día das Artes Galegas. O programa comeza de mañá coa xornada "Ecos medievais: A voz e a arpa, testemuñas e transmisores da alma musical do pasado".

O Outono Lírico de Vigo recupera a presencialidade con nove citas

Xénero: Clásica/Lírica | 28 / 9 / 2023

imaxe non dispoñible

Este 30 de setembro o Outono Lírico de Vigo comeza a andaina sonora de 2023, na que recupera as óperas presenciais logo da pandemia de Covid-19. O recital Novas voces da lírica galega reúne nesa data a soprano Susana García coa pianista Cristina Ledo para interpretar pezas de Donizetti, Mozart, Rossini, Thomas, Granados, Vives, Obradors, Chapí e Giménez iniciará as actividades musicais desta xeira. Os pratos fortes, no entanto, serán a versión en concerto semiescenificado de Il Trovatore, de Giuseppe Verdi, o vindeiro 15 de outubro e mais a representación de Don Pasquale de Donizetti.

Tolemias.TV chega a un acordo de distribución con Amazon Prime

Xénero: Miscelánea | 25 / 9 / 2023

imaxe non dispoñible

A días de cumprirse os seis anos desde o seu lanzamento, a plataforma dixital Tolemias.TV, un proxecto pioneiro de vídeo por demanda baixo subscrición (SVOD, nas súas siglas en inglés) especializada na música en directo ven de anunciar un importante acordo de distribución en Reino Unido coa plataforma Amazon Prime. Segundo sinalan medios como El Español e La Voz de Galicia, a empresa galega dirixida polo músico Segundo Grandío ven de chegar un acordo coa delegación británica da multinacional Amazon para a distribución a través de Amazon UK e Amazon EEUU dalgúns dos contidos de Tolemias para os usuarios dese país. O acordo supón un impulso contundente a este modelo de negocio pioneiro polo que Grandío, desde Casa de Tolos, apostou en 2017e que desde entón foi crecendo paseniñamente aumentando a súa capacidade, non so á hora de gravar concertos ou festivais para despois poñelos a disposición do público, senón tamén incrementando as súas posibilidades a través do "live streaming", baixo demanda ou en aberto. Tolemias conta xa cun ampolo catálogo de concertos por toda a xeografía española e dos estilos musicais máis variados.

Francisco Castro publica o seu primeiro traballo musical

Xénero: Pop | 25 / 9 / 2023

francisco_castro_disco_agora.jpg

O escritor e ex-director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro (Vigo, 1966) saca hoxe á luz o seu primeiro traballo discográfico. "Agora é o tempo" é o título co que Castro nomea este traballo discográfico que xa está á venda e que presentará en concerto o vindeiro 28 de outubro no Teatro Salesianos de Vigo contando co acompañamento da Banda dos Borges . O disco, publicado baixo o selo Awanta Producciones S.Coop. Galega, conta na produción con Federico Welicki e, segundo o propio autor, foi gravado entre Vigo, A Estrada, Madrid, Los Ángeles, Buenos Aires e Seattle. Segundo a descrición que acompaña á presentación, a súa música "gravita arredor de ritmos pegadizos e, sobre todo, letras intensas que reflicten a súa forza poética". Trátase de letras e músicas "para reivindicar a vida pero tamén para pelexar contra dunha realidade que merece ser, cando menos, pensada", aseguran. Segundo explica o autor nas súas redes sociais son cancións que "explican quen son, como sinto, e que quero do mundo. Saíron das tripas", afirma Castro.

A IV edición do MUMI reúne 200 profesionais da música galega e portuguesa

Xénero: Miscelánea | 22 / 9 / 2023

imaxe non dispoñible

Cun concerto especial que reuniu 30 nomes da música galega e portuguesa abría este 21 de setembro as súas portas a cuarta xeira de Músicas do Minho. O único mercado profesional de músicas que existe no noso país desenvólvese entre Tui e Valença ata o vindeiro domingo 24. A proposta reúne máis de 200 profesionais da industria musical galega e portuguesa para presentarlles unha vintena de artistas e bandas.

O Son dos Arrieiros volve á Estrada

Xénero: Miscelánea | 21 / 9 / 2023

imaxe non dispoñible

Comeza a conta atrás para que o festival O Son dos Arrieiros inunde de música en directo as rúas do Concello da Estrada esta fin de semana. A terceira edición deste festival de carácter gratuíto presenta ata unha decena de propostas artísticas de diferentes tendencias musicais, todas galegas, coa intención de amosar que é posible formular propostas de éxito en clave territorial. O cartel conta con nomes como Boyanka Kostova, Malendrómeda, BabyKatze, hydn ou Guezos, entre outros. Este evento trata de ser un escaparate para recoñecer a valía de bandas e artistas noveis seleccionando as propostas da nosa terra e integrándoas en espazos urbanos para poñer en valor a creación musical a plena luz do día. Con vontade continuísta, a organización aposta novamente por un evento paritario tanto enriba como debaixo do escenario organizado pola produtora musical dotbeat! co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello da Estrada.

Mondra publica o seu LP de debut ARDĒN

Xénero: Electrónica | 20 / 9 / 2023

ARDEN_by_Zeltia_Iglesias.jpg

Hoxe é o día que o primeiro disco longo de Mondra, ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) sae á luz. Tras presentar varias das cancións que forman parte deste disco ao longo dos pasados meses o artista de Teo publica hoxe nas plataformas dixitais este disco composto por dez temas, producido por Berto e editado por Altafonte que tamén se distribuirá en formato CD de edición limitada na que cada copia será única. A deseñadora Zeltia Iglesias, xunto a Mondra, interveu persoalmente cada unha das portadas dos discos. As copias físicas poderanse adquirir nos directos e nas tendas físicas, onde o público pode facer xa a pre-reserva do seu disco en espazos seleccionados como Fnac, El Corte Inglés e Amazon.

Sen Senra nomeado ao Grammy Latino polo videoclip "No Quiero Ser Un Cantante"

Xénero: Hip-Hop | 20 / 9 / 2023

imaxe non dispoñible

"No Quiero Ser Un Cantante" é canción coa que o vigués Christian Senra abría o seu máis recente traballo discográfico "PO2054AZ (Vol.1)" (Universal Music Spain, 2023). Co video clip da súa presentación dirixo por Torso, o músico reivindicaba as súas raíces galegas ao nivel máis local, rodando en Forcarei, ao mesmo tempo de deixar claras que as súas expectativas son como creador, non como figura valeira da industria musical ou outras etiquetas. O vídeo ven de entrar na lista de nomeados para o Grammy latino deste ano na categoría 55, de videoclips de sinxelos. O do vigués é un dos cinco traballos que compiten este ano na categoría, entre os que está tamén un vídeo da coñecida Nathy Peluso e outros artistas como Kayode, Luthuly Featuring Nave e Wos. A Academia latina de Grabación entregará os premios desta 24ª edición o vindeiro 16 de novembro en Sevilla.

O proxecto Sensoxenoma amosa os efectos da música sobre doenzas dexenerativas

Xénero: Clásica/Lírica | 20 / 9 / 2023

imaxe non dispoñible

O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acollía este 19 de setembro a presentación dos resultados da primeira fase de Sensoxenoma. Esta investigación do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) amosou que a música ten efectos positivos na expresión de xenes que afectan a doenzas dexenerativas como o alzhéimer.

Amancio Prada abrirá o MARÉ musicando a Lorca coa Filharmonía

Xénero: Miscelánea | 19 / 9 / 2023

imaxe non dispoñible

O festival MARÉ, que terá lugar en Santiago de Compostela entre o 20 e o 24 de Setembro, abrirá a súa programación mañá mércores no Auditorio de Galicia, cunha estrea especial que se leva xestando desde hai varios meses. Por vez primeira, o histórico cantautor Amancio Prada presentará coa Real Filharmonía de Galicia a versión sinfónica dos 'Seis Poemas galegos' de Federico García Lorca, coa orquestración e dirección de David Fiuza e a colaboración especial do Coro Cantigas e Agarimos. Este concerto inaugural será a primeira vez que se poidan escoitar os poemas galegos de Lorca en versión sinfónica, sendo a segunda vez na historia que colaboren Amancio Prada e a Real Filharmonía de Galicia. Ademais esta suporá a primeira das actuacións da xira "Celebrando 50 anos desde Vida e Morte", na que Amancio Prada lembrará este disco fundacional. Outro dos puntos emocionantes este ano do evento será a homenaxe ao artista vasco Kepa Junquera, que estará presente o domingo 24 para a presentación do documental "Berpiztu, Renacer", dirixido por Fermín Aio. Tamén se fará unha homenaxe musical de tributo a kepa, "Éromeríak", que contará coa Banda das Crechas e varias persoas invitadas.

<< Inicio / Anterior . 101 a 110 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR