Mondra publica o seu LP de debut ARDĒN
setembro 20, 2023
Hoxe é o día que o primeiro disco longo de Mondra, ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) sae á luz. Tras presentar varias das cancións que forman parte deste disco ao longo dos pasados meses o artista de Teo publica hoxe nas plataformas dixitais este disco composto por dez temas, producido por Berto e editado por Altafonte que tamén se distribuirá en formato CD de edición limitada na que cada copia será única. A deseñadora Zeltia Iglesias, xunto a Mondra, interveu persoalmente cada unha das portadas dos discos. As copias físicas poderanse adquirir nos directos e nas tendas físicas, onde o público pode facer xa a pre-reserva do seu disco en espazos seleccionados como Fnac, El Corte Inglés e Amazon.
Cantareiro, bailador, instrumentista e compositor, Mondra conta neste traballo, ademais de con Berto na produción e composición, con outras colaboracións importantes como a da tanxugueira Aida Tarrío no tema Ruando, de Brassica Rapa no corte Carmela ou das Fillas de Cassandra no tema Punheta!, composto con Berto. O álbum debut de Mondra é unha proposta ambiciosa, luminosa e reflexiva ao tempo; que salienta pola súa marcada identidade así como pola potente dimensión electrónica dun proxecto que dialoga coa música tradicional galega a través dos sons dos instrumentos tradicionais e dos seus estilos e retrousos, inseridos nunha narrativa contemporánea reivindicando a foliada como espazo de liberdades. A posta en directo do disco chegará o venres 29 de setembro á Sala Capitol na que será a primeira presentación pública de ARDĒN. Será unha noite na que Mondra despregará unha proposta contundente, dinámica e liberadora, segundo avanza.
ARDĒN ofrécese como unha celebración, un traballo conceptual no que Mondra introduce ás ouvintes nunha terra que saúda a liberdade, os afectos e o amor e na que tamén se exerce unha actitude de resistencia. O cantareiro exprésao así no Manifesto ARDENTE que acompaña a publicación do LP: "En ARDĒN hōnranos o resistir na terra. Hōnranos o orgullo de ser e a valentía de estar ARDENTES. Porque, por enriba de quen non nos quere libres, a FOLĪA segue a ser o noso espazo libertario. Fomos sepultadas, para furar dende o chan. Para, despois de todo, volver facer da FOLĪA un espazo onde troupelear. Onde rir as penas e chorar as alegrīas. Porque hai en ARDĒN unha rosa seca e espiñada que, na FOLĪA, reverdece".