Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A IV edición do MUMI reúne 200 profesionais da música galega e portuguesa

O ENCONTRO DESENVóLVESE ENTRE TUI E VALENçA ATA O VINDEIRO 24 DE SETEMBRO

A IV edición do MUMI reúne 200 profesionais da música galega e portuguesa

MISCELáNEA | setembro 22, 2023

imaxe non dispoñible

Cun concerto especial que reuniu 30 nomes da música galega e portuguesa abría este 21 de setembro as súas portas a cuarta xeira de Músicas do Minho. O único mercado profesional de músicas que existe no noso país desenvólvese entre Tui e Valença ata o vindeiro domingo 24. A proposta reúne máis de 200 profesionais da industria musical galega e portuguesa para presentarlles unha vintena de artistas e bandas.

Músicas tradicionais, rock, electrónica, jazz, músicas urbanas, o indie-pop ou canción de autoría, con nomes consagrados e novas propostas, mestúranse nun programa no que se realizarán xuntanzas de negocios e encontros rápidos, ademais de sesións de traballo. Nestas abordaranse cuestións como a comercialización dixital da música, as claves para a contratación artística transfronteiriza, conseguir audiencias para músicas non maioritarias, os fondos europeos, ou os coidados no sector da cultura.

Ademais dos encontros profesionais, esta iniciativa inclúe 18 concertos e actuacións, moitos deles abertos ao público. Habelas Hainas, Xurxo Fernández, Anxo Araújo, Diego Alonso 5Tet, Mondra, Moura, Antía Muíño ou Lontreira fan parte da representación galega na iniciativa. Pola banda lusa poderán ouvirse as actuacións de Virgem Suta, Retimbrar, Aníbal Zola ou Expresso Transatlântico. A eles súmase os cataláns Alba Careta&Henrio, no marco da colaboración da cita coa Fira Mediterrània de Manresa.