Ir ao contido directamente.


Noticias

A raíz na fronteira dos públicos

Xénero: Folk | 30 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

A revolución que vive nos últimos anos a música de raíz galega está a pór sobre a mesa o potencial dos nosos sons para chegar a novos públicos. O éxito a nivel estatal de Tanxugueiras, a raíz da súa candidatura para representar a España no festival de Eurovisión 2022 marcou un punto de inflexión e cuestiona os límites destes estilos. Continuamos o repaso sobre o panorama galego neste campo a coincidir coa celebración da feira Womex na Coruña e en paralelo á serie de vídeos Crossing Borders do Consello da Cultura Galega.

Satélite Salifre faise co Premio Narf

Xénero: Miscelánea | 30 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

O Salón Teatro de Santiago acollía este sábado 28 de outubro a gala final do XV Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. As deliberacións do xurado escolleron como vencedora do certame a banda compostelá Satélite Salifre, que levará o premio de 4.000 euros en metálico ademais de participar en tres festivais de referencia no panorama galego.

O festival Castañazo de Chantada volve tras tres anos desaparecido

Xénero: Rock | 27 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

Disque foi en Chantada no 1994, na segunda edición do que entón era chamado o Castañazo Rock, onde naceu o termo 'Rock bravú'. Nunha cea coas bandas presentes na cantina de Viana. Dende entón esta é unha cita especial para a o rock en galego e só a pandemia conseguiu parala, ata agora. Tras dunha anterior edición, a 17, que se celebrou en 2019 o evento supera hoxe un parón de tres anos e volve coa súa XVIIIª edición cun lixeiro cambio de denominación quu non afecta á súa liña de programación, como Castañazo, a secas. Hoxe venres comeza e seguirá tamén mañá no mercado gandeiro de Chantada, reunindo unha ducia de artistas que representan a parte da actualidade da música en galego. Fillas de Casandra, Narco, Tremenda Jauria, Lágrimas de Sangre, Rastreros e Grande amore enchen o cartel do venres. O sábado estarán en Chantada Dakidarría, Mafalda, Tropa do Carallo, Sons of Aguirre, Arritmia e Rebeliom do Inframundo. A veterana cita ofrece tamén actividades como os cantos de Taberna e un festival paralelo de música infantil de balde no auditorio municipal.

A AELG entrega os Premios Mestras e Mestres da Memoria

Xénero: Folk | 25 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

Entre o 26 e o 28 de outubro a Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega está de celebración. O día 27 o Vello Cárcere de Lugo acolle a VIII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, uns galardóns que recoñeceron nesta xeira a Mercedes Vázquez Saavedra e Xan de Vilar. Na véspera, a entidade celebra un Faladoiro en Homenaxe a Dorothé Schubarth e o 28 desenvólvese a XVI Xornada de Literatura de Tradición Oral, dedicada nesta xeira á cuestión "Das regueifas ás músicas actuais, unha travesía polos mares da canción".

Novos espazos sonoros para un legado

Xénero: Fusión | 25 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

Baiuca, o proxecto de música electrónica detrás do que está Alejandro Guillán (Catoira, 1990), é a máis recente representación de música galega na selección oficial internacional do WOMEX (Worldwide Music Expo), o máis importante encontro mundial de música folk e de raíz, que ten lugar na Coruña do 25 ao 29 de outubro. Baiuca foi seleccionado polo xurado profesional internacional da edición deste ano, pero mirando cara atrás, a primeira representación da música galega nesa selección oficial do WOMEX foi a de Mercedes Peón (Oza dos Ríos, 1967) no ano 2010 en Copenhague. Entre estas dúas presenzas podemos trazar unha liña ascendente destes 13 anos na que, sen renunciar á herdanza dos sons tradicionais, a escena musical galega despregou cada vez máis a súa creatividade, cruzando limitacións, transgredindo supostos formais e experimentando con liberdade e intención.

Fecha o centenario obradoiro de gaitas García de Riobó

Xénero: Folk | 24 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

A xubilación de Joaquín Espiño o vindeiro mes de novembro levará ao feche do obradoiro de gaitas García de Riobó, na Estrada, considerado un dos máis antigos aínda en activo no noso país. A retirada de Espiño rematará cunha saga dedicada á fabricación de instrumentos, fundamentalmente gaitas e requintas, que a familia remonta a 1790.

Caamaño&Ameixeiras mudan o paso con Quitar o aire

Xénero: Folk | 20 / 10 / 2023

quitar_o_aire_caamanho_ameixeiras.jpg

Logo do éxito do seu álbum de debut Aire, Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras lanzan este 20 de outubro o seu segundo traballo. Quitar o aire, publicado por Raso Estudios, amosa unha exploración de novas sonoridades por parte do grupo en nove temas como A pequena morte, Entrudio, O corpo aberto ou Mortalla morte, mortalla de amor.

Dios Ke Te Crew culminan o ano de 20 aniversario rodeados de amizades musicais

Xénero: Hip-Hop | 18 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

Dios Ke Te Crew, banda emblemática do hip hop galego, porá o vindeiro 2 de decembro o peche á celebración dos vinte anos sobre os escenarios que está facer neste 2023 coa xira 'Tremendos anos 20' e farao por todo o alto cunha xornada que semella un festival. A capital galega acollerá, entre as 19.30 horas e as 5 da madrugada dese día un programa de concertos e actuacións cun cartel homologable ao de calquera festival que inclúe, ademais de aos anfitrións DKTC, a diversos artistas da escena musical galega, compartindo escenario con eles. Así, artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Guillerme (Quempallou), Hermano L, High Paw, DJ Mil ou Los Rastreadores (Ortiga e Grande Amore), entre outros moitos nomes acompañará aos DKTC neste aniversario da banda de Ordes que terá como sedes as salas Capitol e Malatesta de Santiago de Compostela.

Fuxan os Ventos e Milladoiro asinan un tema xuntos por vez primeira

Xénero: Folk | 16 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

Dúas das formacións máis importantes da música folk galega durante décadas veñen de unirse musicalmente por vez primeira para facer unha canción conxunta que entra xa na historia da nosa música. "Barqueiros de Ribadavia" é o tema que ven de unir a Fuxan os Ventos e Milladoiro. O tema esta composto polos integrantes de Milladoiro Manuel Riveiro Hermo e Xosé Vicente Ferreirós xunto con Ramón Díaz Novo e forma parte dunha serie de cancións que o grupo Fuxan os Ventos sacará á luz durante os próximos meses e no que estarán algúns temas que formaron parte da exposición dedicada aos 50 anos de historia da formación. As dúas históricas agrupacións, nacidas na década dos 70, compartiron espazos musicais e compromiso coa recuperación da tradición musical galega pero é agora cando, por primeira vez, colaboran nunha canción. O tema xa se pode atopar en diversas plataformas dixitais.

Xoel López publica o seu novo disco 'Caldo Espírito'

Xénero: Pop | 11 / 10 / 2023

imaxe non dispoñible

Xoel López presentou a pasada semana o que é o seu décimo sexto álbum, 'Caldo Espírito' (Esmerarte 2023), un disco que entre os seus once novos temas inclúe unha canción no noso idioma 'Xiana', pechando o disco. O álbum xa está dispoñible nas plataformas dixitais ademais de en formato físico (CD ou vinilo). O lanzamento deste traballo chega acompañado da estrea do videoclip do tema "Mágica y Eterna" e a única presentación prevista de "Caldo Espírito" terá lugar o 29 de novembro no WiZink Center de Madrid.

<< Inicio / Anterior . 91 a 100 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR