Satélite Salifre faise co Premio Narf
outubro 30, 2023
O Salón Teatro de Santiago acollía este sábado 28 de outubro a gala final do XV Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. As deliberacións do xurado escolleron como vencedora do certame a banda compostelá Satélite Salifre, que levará o premio de 4.000 euros en metálico ademais de participar en tres festivais de referencia no panorama galego.
A formación liderada polo compostelán Pilo Sierra co cuarteto de cordas Suelen Estar Quartet, o baterista LAR Legido e Pablo Sanmamed supon, para o xurado "unha proposta arriscada e moi fermosa, ademais da composición e dos arranxos e a sonoridade experimental".
Canda a esta banda, resultou galardoada nesta xeira do certame María Aldao, que obtivo a segunda posición cunha proposta na que fallo destacou "a súa personalidade artística desbordante na que conflúe un universo propio musical cheo de intencións". A cantora recibirá 2.000 euros en metálico.
O terceiro posto, dotado con 1.500 euros, foi para MÅI, dúo conformado por Iseo Agilda con Tomás Ageitos que aborda o "pop boreal" con ritmos tradicionais. Deste proxecto o xurado salientou a "electrónica acústica boreal de gran profundidade paisaxística".
O xurado, que elixiu os finalistas entre máis das 56 propostas recibidas, estivo composto por Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, ademais dos músicos Ramon Pinheiro, Suso Alonso, Mónica de Nut, a directora do festival Feito a Man Ánxeles Porto e o xornalista musical Marcos Gendre. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte.