Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Thee Blind Crows celebra aniversario cun novo disco e con formación de trío
Xénero: | 13 / 12 / 2018
Death Awaits Us All, así de contundente é o título do novo disco dos coruñeses Thee Blind Crows. Nel recóllense catorce cancións intensas e salvaxes que serven como celebración dos seus dez anos de traxectoria e que presentan a súa nova formación pasando de duo a “power trio”. O disco lanzarase o vindeiro 9 de xaneiro e xa se pode reservar, tanto en formato dixital como en formato físico, a través do Bandcamp da banda. Este terceiro traballo longo foi gravado no Estudio A Ponte e masterizado por Mike Mariconda. Conta cunha coidada edición en vinilo a cargo dos selos Folc Records, KOTJ e Ghost Highway Recordings. Para agradecer a toda a xente que os acompañou ao longo destes dez anos, prepararon un paquete especial en edición limitada de cen unidades que inclúe o vinilo vermello, unha serigrafía numerada e mais un parche de tea. Este pack especial pódese reservar única e exclusivamente a través do Bandcamp de Thee Blind Crows. En febreiro Thee Blind Crows volverán levar a súa descarga visceral de Blues Punk aos escenarios para presentar a súa nova creación.
NAO presentan o seu traballo de despedida 'Ata que o lume se apague'
Xénero: | 21 / 11 / 2018
A banda estradense de metal rock NAO anunciou a saída do seu derradeiro disco e o que será a súa xira de despedida, poñéndolle así data de finalización a trece anos de andaina. O grupo presentou este martes o álbum Ata que o lume se apague nun acto exclusivo para medios, festivais, salas e fans na Nave de Vidán (Santiago de Compostela). Ante eles os músicos responderon á pregunta que moita xente agardaba aclarando o motivo polo que un grupo que funciona, que continúa a ter público e concertos, decide dicir adeus, ao que Jasper, vocalista da banda, explicou: "Chegamos a un punto no que manter a esixencia con nós mesmos e a coherencia co noso público fíxonos tomar a decisión de buscar un final acaído para a banda. Ter un grupo do nivel de NAO supón sacrificar moitas outras cousas e sabiamos que ía ser imposible manter este nivel acadado no tempo. Por honestidade con nós mesmos e a xente que nos sigue, tomamos a decisión de deixalo no mellor momento, como unha conta atrás de tres discos nos que fixemos o esforzo de que remataran sendo o mellor da nosa carreira. Agardamos que a ilusión que depositamos nisto se vexa reflexada nos sentimentos da xente que nos sigue". NAO recibiron no ano 2015 o prestixioso Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Metal.
Ourenrrock abre cartel para 2019 con catro bandas
Xénero: | 6 / 11 / 2018
Xa hai data e catro nomes de cartel para o seguinte Ourenrrock Sound. Será entre o 31 de maio e o 1 de xuño cando o complexo de Bemposta en Ourense celebrará este evento que forma parte do catálogo primaveral de festivais da comunidade. Os catro primeiros nomes do cartel avanzan unha oferta bastante variada nesta IV edición do festival encabezándose polo de agora cos galegos Triángulo de Amor Bizarro, co seu garaxe shoegaze, unha aposta pola escena alternativa. O pop rock independente aparece da man dos madrileños Carolina Durante. Os melidáns Cuarta Xusta co seu rock de fusión ská combativo tamén están xa confirmados para este Ourenrrock así como o rap de Sons of Aguirre & Scila. Quedan aínda moitas bandas por confirmar para esta edición toda vez que o Ourenrrock adoita ofrecer entre 13 e 15 concertos en cada edición.
O Castañazo Rock abre hoxe a súa XVIª edición
Xénero: | 2 / 11 / 2018
Hoxe, venres, e mañá Chantada acolle a décima sexta edició0n do festival Castañazo Rock, un clásico da época outona na Ribeira Sacra que sempre reúne un cartel combativo e potente. Punk rock, hip-hop e músicas de fusión, sempre con unha actitude de crítica social reúnense estes dous días no recinto do mercado gandeiro da localidade lucense. Trece diferentes propostas da escena musical galega, nacional e internacional conforman o cartel desta edición na que hai bandas veteranas e destacadas como os italianos Talco, Boikot, Dakidarría, Desakato ou Rebeliom do Inframundo, entre outras formacións. A cita tamén conta cun programa para as crianzas que terá lugar o sábado ás 12 na Casa da Música co concerto de combos infantís e xuvenil de música moderna e unha pinchada cativa teatralizada Deixalle ao dillei, a cargo de A Run Run. A acampada é de balde e as entras e abonos están á venda polo sistema de Wegow a través da propia web do festival. O evento está organizado pola Asociación Cultural O Castañazo e conta coas subvencións do propio Concello de Chantada, a deputación de Lugo e a Xunta a través de AGADIC e co patrocinio ou colaboración de diversas empresas e marcas comerciais.
The Soul Jacket sacan o seu novo disco 'Plastic jail'
Xénero: | 26 / 10 / 2018
A banda viguesa de The Soul Jacket teñen desde hoxe dispoñible á venda e nas plataformas dixitais o seu cuarto traballo de longa duración Plastic jail (autoeditado, 2018). Este disco sucede a Vol III (autoeditado, 2017), co cal o grupo conseguiu entrar no sexto posto da lista de mellores álbums nacionais de 2017 para a veterana revista Ruta 66. Se aquel se gravara en Cantabria e se masterizara en California neste caso Plastic jail foi gravado, en varias sesións durante os meses de abril a xullo do presente ano nos estudios Radar de Vigo "á vella usanza" e alí mesmo mesturado e masterizado. A produción é da propia banda e de Pablo Iglesias.
O impacto do XIIIº Resurrectión Fest valórase en máis de 8,5 millóns de euros
Xénero: | 19 / 10 / 2018
O festival de rock metal Resurrection Fest segue mantendo a atención dos medios neste final de semana. Se a súa posición de finalista en varias categorías dos premios nacionais para festivais era noticia nos días anteriores, o evento de Viveiro ven de acceder de novo ao primeiro plano da actualidade con dous motivos ao tempo, un de pasado e outro de futuro: a presentación do estudo de avaliación de impacto da súa pasada edición e un novo avance de cartel para a videira que se celebrará en 2019. Segundo o estudo impulsado pola Axencia Galega de Industrias Musicais, AGADIC, a décimo terceira edición do festival xerou un impacto de máis de 8,5 millóns de euros en toda Galicia, dos que 6,6 millóns reverteron directamente na comarca da Mariña.
Resurrection Fest coloca 9.000 abonos para 2019 nunha hora e media
Xénero: | 18 / 9 / 2018
A capacidade de convocatoria do Resurrection Fest de Viveiro, a cita co rock duro máis multitudinaria do país, segue a sorprendernos ano tras ano. Onte ás 11 da mañá puxéronse á venda os primeiros abonos para a 14ª edición que se celebrará entre o 3 e o 6 de xullo do 2019 e milleiros de persoas lanzáronse xa facerse con elas aos prezos promocionais de saída. En apenas unha hora e media vendéronse máis de 9.000 abonos, 4.500 deles a un prezo inicial de 95 euros e outros tantos a 105 euros. En total case un millón de euros facturados pola organización no que é un importante apoio de confianza á marca Resurrection Fest, toda vez que do cartel artístico apenas se coñecen a día de hoxe cinco nomes do cento que cada ano ofrece o festival lugués. Ante este éxito, un fito na historia do evento, a organización decidiu manter a terceira e actual oferta de abonos, inicialmente 3.000 a prezo de 105 euros, ata o seguinte anuncio de bandas.
Heredeiros da Crus entran nas librarías
Xénero: | 13 / 9 / 2018
Non todos os días pasa que a historia da música actual do país pasa a formar parte tamén do corpus literario da nosa cultura. Desde hoxe está nas tendas o libro Heredeiros da Crus. Cuadrilla de Pepa a Loba (Eds. Xerais) que recolle a historia dos primeiros 25 anos de vida desta formación, incluídos os oito anos que se contaron entre a súa separación e volta a actividade en 2012. Este libro asinado polo xornalista Antonio Díaz Ageitos é a crónica de como o soño entolecido dun mariñeiro do Barbanza unha noite de marea rematou converténdose nun capítulo fundamental da historia do rock feito en Galicia. A obra conta unha viaxe que empeza a bordo dun pequeno pesqueiro de Riveira, pasa por un galiñeiro e remata compartida en escenarios por milleiros de persoas. O episodio da reunión do grupo en Ordes en 2012 e a súa agardada e emocionante volta aos escenarios case por petición popular serve de porta de entrada e presentación ao libro. "Os máis jrandes" (sobrenome autoproclamado da banda barbanzá ) seguen en activo cunha axenda repleta de concertos e celebraron o pasado ano, 2017 o 25 aniversario cunha xira peninsular e está pendente este ano saída dun novo disco, en formato vinilo, que fará a undécima obra editada polos Heredeiros desde aquel A cuadrilla de Pepa a Loba que tamén dá nome a este libro . Ao mercar o libro poderá obterse unha entrada para a "festa de presentasión" que terá lugar o vindeiro sábado 22 de setembro na Sala Sónar de Santiago.
Martiño Noriega defende o método de invitacións dos concertos gratuítos
Xénero: | 27 / 7 / 2018
Na rolda de prensa na que se presentaba o vindeiro concerto do grupo de power metal Helloween no Multiúsos do Sar o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, defendeu o sistema de concertos de balde con retirada física de invitación previamente para as festas do Apóstolo da capital galega. O método, que non favorece ao público de fóra da cidade para achegarse aos espectáculos de Rubén Blades e Rosalía este ano, causou algún que outro problema con grandes colas no primeiro día de dispoñibilidade das invitacións e motivou tamén a cancelacións de viaxes concertadas como o autobús que a sala coruñesa Mardi Gras tiña contratada para asistir ao espectáculo de Blades. "Todo o gratuíto ten un custe. A fórmula perfecta non existe", aseguraba o alcalde que vencellou a elección deste método ao criterio no que prima a seguridade na Praza da Quintana e ao carácter de excepcional gratuidade destes dous concertos. "Se facemos un cálculo previo de acceso á praza e nos atopamos cunha gran aglomeración ou un problema de seguridade no acceso á praza estaríamos falando doutro tipo de cuestión e eu teño claro que prefiro unas molestias ou unha cola que un problema de seguridade nunha praza de 5000 persoas", sentenciou o alcalde compostelán. "A ninguén se lle escapa que iso limita bastante o acceso á xente que non é da cidade, do contorno ou da comarca", recoñeceu Noriega que tamén quixo establecer unha diferencia entre as festas da cidade e outros eventos á hora de optar polo acceso de balde que condicionaba a imposibilidade de usar a plataforma de despacho virtual habitual do Concello ao ir o custo desta a porcentaxe do custe da entrada. "É certo que podía ao mellor terse explorado algunhas outras vías de cara a outro tipo de plataformas a través da promotora pero son cuestións a abordar no futuro", comentou. "Valoráronse outras opcións no seu momento,- dixo o alcalde- como foi poñer entrada para os concertos e iso houbera implicado a posibilidade de subilo a ATaquilla, pero desbotouse porque é certo que durante toda a lexislatura diferenciouse o espazo das festas doutros espazos e seguiuse apostando polo feito da gratuidade como método de garantir a accesibilidade da xente da cidade a eventos punteiros culturais".
O festival Loro Facu de Miño pecha o cartel para a terceira edición
Xénero: | 6 / 7 / 2018
Todo preparado en Miño para coroarse como vila festivaleira este verán. O Festival Loro Facu ven de pechar cartel con tres novas incorporacións para a súa terceira edición. Entre o 27 e o 29 de xullo a localidade coruñesa acollerá máis de 20 concertos a cargo de artistas e bandas da escena independente, algún deles en formato acústico. O festival ven de confirmar as actuacións de Copaturbo , o acústico de Monoulius DOP e ao dj S.Alma. Sexy Zebras e Los Bengala encabezan o cartel. O festival trasladouse este ao a un emprazamento xunto á Praia Grande que no mes de agosto, cun mes exacto de diferencia, acollerá a segunda edición do Free Riders festival. Un encontro que xunta o gusto polo motor co rock and roll dun xeito natural e que segue incluíndo no seu cartel musical nomes relevantes do xénero.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música


