Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
O místico 'Colorama' de Basanta Premio POP-Eye a Mellor disco de rock 2019
Xénero: | 5 / 9 / 2019
O primeiro disco de debut da banda viguesa Basanta, Colorama, ven de ser recoñecido como Mellor disco de rock nacional nos premios POP-Eye da Música e a Creación Independente organizados desde a Asociación Cultural Bon Vivant, de Estremadura e vencellados aos Premios Nacionais da Música e das Artes que este ano celebran a súa 14ª edición. A criterio do xurado Colorama é un primeiro disco que "deixa entrever a esixencia dunha intencionalidade que intenta apuntar á intimidade ou, máis ben, rodeala e descubrir de que trata". Para eles o disco dos vigueses "aposta por recoñecer e explotar a sombra, o lado escuro. o translúcido". Colorama xa conseguira comezar a destacar o pasado ano tras a súa publicación aparecendo nalgunha das listas nacionais das revistas especializadas a finais de ano. O premio entregarase en Plasencia os vindeiros días 8 e 9 de novembro no marco Premios Nacionais da Música e das Artes. O xurado dos premios Pop-Eye xa recoñecera en 2016 o traballo de Novedades Carminha.dándolles o premio a mellor disco do ano por Campeones del mundo (Ernie Records, 2016).
Los Eternos volven co son americano en 'Vientos solitarios'
Xénero: | 4 / 6 / 2019
Los Eternos non desaparecen, o levan no nome e son coherentes con el. A banda de country rock de Cedeira que levaba 9 anos sen gravar temas e cunha actividade musical bastante intermitente nos últimos tempos, sacan disco de novo demostrando a súa vitalidade. Con Vientos Solitarios (Ferror Records / Cascaballo Records, 2019) a veterana formación que comezou a dar os primeiros pasos en 2003 comeza a cantar en castelán presentando nove temas propios e unha adaptación de Four strong winds de Ian Tyson. Os anteriores traballos da formación foron Back on the Road (Warner / Miña Terra Galega, 2010) e o vinilo de sete polgadas Chris Masuak & Los Eternos (H-Records, 2013) e os dous estaban cantados en inglés, neste caso o grupo pasa a traducirse a sí mesmo e amosan a lírica das súas composicións en castelán cun son máis “americana” ca nunca apoiado dun xeito inequívoco na potente steel guitar de Álvaro Lamas (ex-Los Limones). A banda conta coa produción e masterización a cargo de Hendrik Röver (Los DelTonos) para este novo disco que este vindeiro día 15 estarán presentando para os seus veciños na súa localidade de orixe, Cedeira, no auditorio municipal cun concerto de balde.
Falece Toñito Pedreira o cantante e fundador do grupo Riff-Raff
Xénero: | 8 / 5 / 2019
Hoxe pola mañá falecía no seu domicilio do barrio ferrolán de Canido o vocalista e fundador do grupo Riff-Raff, Toñito Pedreira Santiago. A banda comunicaba a través das redes sociais a triste nova a media mañá e algúns medios de radio locais, como a emisora da cadea COPE xa se facían eco. A banda ferrolá formada en 1997 acadou un oco na última década tanto en escenarios de salas como de festivais ofrecendo a modalidade de "banda tributo" sobre o repertorio dos australianos AC/DC. A honestidade e da súa proposta e o seu bo facer fixeron dela un referente na escena de "tributos" que transcendeu os límites de Galicia e compartiron cartel con grandes grupos como Whitesnake, para os que actuaron como abreconcertos na Coruña. A noticia causou un fondo pesar tanto no seu entorno máis próximo como entre o resto da escena musical coa que ten compartido escenarios. A repentina morte de Pedreira causou ademais unha gran sorpresa toda vez que a banda tiña previsto un concerto este venres no Forum Cñelticum da Coruña e recentemente confirmara a súa participación no solidario Festival de la Luz de Boimorto onde xa eran uns fixos no cartel.
Nace na Coruña o festival REC Fest de rock
Xénero: | 11 / 4 / 2019
Rock en Coruña REC Fest é un novo encontro musical na cidade herculina. Un festival que xurde aspirando a converterse en referencia a nivel estatal para os amantes da música de guitarras na súa versión máis enerxética. A primeira edición do evento xa ten data, hora e cartel, terá lugar o sábado 23 de novembro de 2019, a partires das 19.00 horas, no Coliseum d’A Coruña. Seis horas de sons incendiarios e música combativa. Co propósito de ser ecléctico dentro do xénero do rock, no cartel do REC Fest teñen cabida sons coma o Punk, o Ska, o rock clásico, o Metal, o Hardcore, os ritmos urbanos, a fusión, etc. Na cita non faltan figuras de alcance nacional e internacional e bandas con acento galego. No cartel da súa primera edición dánse cita Ska-P, Dakidarría, La Regadera, Bastards On Parade, Machete en Boca e Ezetaerre. As entradas do REC Fest estarán dispoñibles a partires do vindeiro luns 15 de abril a través das plataformas online Ticketea e Ataquilla e, físicamente, no Quiosco da Praza de Ourense. O REC Fest (Rock En Coruña) é un festival organizado pola promotora de eventos Galicia Vella, coa colaboración do Concello de A Coruña.
ISIUS presenta o seu disco de debut en Vigo
Xénero: | 11 / 4 / 2019
A sala La Fábrica de Chocolate de Vigo acollerá mañá venres 12 a presentación en concerto do álbum debut de ISIUS, Songs from Everywhere (Ernie Records, 2019). Tras dous temas de adianto (Moving On e The Hollow Side) saía o pasado 1 de marzo en plataformas dixitais o álbum completo con sete temas, todos eles cantados en inglés e compostos por José Viqueira (ex- Free Serena) a metade do proxecto ISIUS xunto a Nuria Moreu. Para defender o traballo en directo contan con Eduardo Romero (baixo), Carlos Gil (guitarra) e Alberto Iglesias (batería). Os temas de ISIUS parten das vivencias da parella e son un retrato sonoro do seu devir vital, unha crónica de varios anos e experiencias compartidas. Para iso a banda usa un repertorio de composicións propias que nos sitúa nos ecos do folk-rock americano, a discográfica apunta referencias como Death Cab for Cutie ou Nada Surf e serían de engadir outras como Nick Mulvey, The Oh Hellos e, xa máis cerca, Pajaro Sunrise. O "mapa sonoro" como crónica das vivencias da parella preséntase á prensa xa delimitado e sinaladas as fases: o paso da parella por Madrid (The Hollow Side, GWG, Chasing Time), Holanda (Moving On, De Pijp), o regreso a Galicia e nacemiento da súa filla (Ana's Lullaby). A gravación e produción do disco levouse a cabo no estudio do produtor Paco Loco en Cádiz coa batería de Rafa Camisón e a participación de numerosos músicos que pasaron pola casa durante a gravación. Despois desta presentación a banda estará o vindeiro día 18 actuando de abreconcertos para os escoceses Teenage Fanclub na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
Resurrection Fest pon á venda abonos de prezo reducido para a veciñanza de Viveiro
Xénero: | 1 / 2 / 2019
O festival Resurrection Fest segue a ser obxecto de atención informativa unha vez máis, neste caso pola súa relación especial coa vila onde se celebra, Viveiro. Desde hoxe mesmo a organización do evento pona á venda un lote de abonos a prezo reducido destinados en exclusiva para a veciñanza da vila. Os empadroados desde fai máis de seis meses en Viveiro poderán achegarse aos Claustros de San Francisco e amosando o seu DNI adquirir estes pases nominativos non transferibles. O prezo é de 70 € para os abonos de 3 días e 140€ para os Pandemonium con acceso a zonas restrinxidas. O prezo será de 70 € para os abonos de 3 días e 140 € para as Pandemonium, un importante desconto tendo en conta que a venda xeral destes mesmo abonos está en 145 € (máis gastos) e 215€ (máis gastos) respectivamente. Ambas ofertas estarán limitadas e só poderán mercarse ata o 30 de maio. Esta iniciativa tan pouco habitual e que xa se ten feito en edición anteriores resulta posible grazas á colaboración do Concello de Viveiro coa organización do Resurrection Fest.
Javi Maneiro ao natural co disco 'Acaricia mis arrugas'
Xénero: | 30 / 1 / 2019
Desprovisto das súas habituais gafas de sol Javi Maneiro olla para nós desde a capa do seu novo disco en solitario Acaricia mis arrugas ( Dotbeat, 2018). Maneiro amósanos unha mirada segura e sosegada sen artificios, directa e sinxela que traspasa dúas mans que non a poden esconder. Ese é xa un sinal de referencia deste traballo e que dá unha pista do que imos escoitar nos oito temas deste segundo disco en solitario do músico que leva 25 anos sobre os escenario, primeiro (e aínda) con Heredeiros da Crus e posteriormente con Jabón Blue e xa con 13 discos de estudio nas costas. Intérprete, letrista e compositor dos seus temas, neste disco certamente traspasamos a personaxe de "Maneiro" e accedemos a un maduro Javi, que nos ofrece entrada a unha intimidade natural, con letras directas sobre situacións e sentimentos universais e cun son tamén provisto dunha gran naturalidade. Con estes elementos José Puga e Pachi Baldomir estiveron a cargo da gravación nos estudios Nakra na Coruña, mentres que para a masterización Maneiro repite con Robin Schmidt, que traballa con bandas como Placebo ou Mumford & Sons. Como acompañantes contou con Manu Rey na batería, ‘Pony’ ao baixo e ‘Kuervo’ e Cayetano Sánchez ás guitarras.
Os coruñeses IX Voltios presentan o seu primeiro disco
Xénero: | 23 / 1 / 2019
O Bâbâ Bar da Coruña acollía o día 19 o concerto de presentación do primeiro disco da banda coruñesa IX Voltios. O disco, homónimo do grupo e autoeditado, presenta 10 temas orixinais, cantados en castelán, gravados nos Estudios Bruar da cidade herculina. Rock e pop-rock de boa factura e potencia eléctrica son a carta de presentación destes catro músicos que antes compartiron outros proxectos como Superglú, Pachamama, Appratto, ou tamén como parte das bandas acompañantes de artistas como Ses ou Carmen Rey. Crear repertorio propio foi a prioridade desta banda que comezou como trío fai cinco anos. Ruben Appratto, Miguel Porto, Carlos Filgueiras e Christian Tomé son os asinantes deste álbum que xa está dispoñible en plataformas dixitais. La ausencia del sol é o primeiro dos temas do disco que veñen de sacar en formato de videoclip.
A banda Electra presenta o seu primeiro disco 'Duelos y Quebrantos'
Xénero: | 22 / 1 / 2019
A banda de rock coruñesa Electra acabou o ano 2018 presentando o seu primeiro disco autoeditado Duelos y Quebrantos. A formación creada en 2016 polo guitarrista Pablo Rega (ex-Kozmic Muffin) está conformada por 6 músicos de experiencia contrastada como Rega que veñen tamén de Kozmic Muffin, Rockers go to Hell, Ultracuerpos e outros coñecidos proxectos. Alvaro Dorda está na voz (Mandrágoras, Ultracuerpos, Rockers go to Hell), Miguel Martínez no baio (Rockers go to hell, MEU, Pardo), Ramón Alonso, guitarra e coros (Ultracuerpos, Sensacional), Enrique Otero aos teclados (Kozmic Muffin, Banda Crebinsky) e Adrián Seijas, batería (Misterioso viaje a Holanda). Duelos y Quebrantos, que xa está dispoñible en plataformas dixitais, ofrece nove temas propios cantados en castelán. Mentres no apartado musical podemos albiscar mesmo influenzas psicodélicas e do rock experimental nalgúns dos temas, as letras (Rega y Dorda) así como o uso de ventos noutros momentos nos leva a lembrar ese tex-mex fronteirizo e escuro do que fan gala algúns outros músicos da escena española, como Búnbury, por exemplo, malia que a voz de Dorda non precisa de excesos para resultar evocadora e con presenza. Electra enriquece o discurso sonoro coa axuda do órgano e outras variacións estilísticas que fan dos seus nove temas unha viaxe rock con perspectiva propia e cun sabor de autenticidade. O disco está dispoñible nunha edición limitada en vinilo, á venta en Discos Portobello, Bristol Bar, La Barbería , Ummagumma, El García Coruña e Vinos Arana.
Ataque Escampe lanza dous discos de rarezas para despedir 2018
Xénero: | 2 / 1 / 2019
A plataforma Bandcamp acolle desde o pasado 31 de decembro para libre escoita e descarga o último lanzamento de Ataque Escampe. A banda fecha 2018 con mudanzas na súa formación e fai un repaso á súa traxectoria na forma de dous discos de inéditos e rarezas. Ídolos adolescentes (2007-2011) e A vida dos animais (2012-2018) achegan 24 temas entre directos, demos e versións, a incluír catro pezas inéditas rexistradas nos estudios Gonzalinhas de Lalín. Fican fóra do repaso os dous primeiros discos da formación, Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007) e Galicia es una mierda (2008). "Non imos dicir que estas 24 cancións encerren a historia desta última década (xa nos gustaría), pero seguramente si que sirvan para seguirnos o rastro a nós, ao que fomos nestes anos, ao que aínda somos e tamén ao que xa non. E pasabámolo ben. E eramos todos amigos. E non queriamos ter máis", explica a banda na presentación do proxecto.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música


